19 de maio de 2023

BAIONA

Hoxe, nun mitin no que tamén participou Julio García Comesaña.  

Luis López asegura que con Sito Almuiña hai certezas, xestión e experiencia para garantir a recuperación de Baiona tras 4 anos de retroceso  

O candidato pide un último esforzo para conseguir a maioría absoluta. 

O seu proxecto contempla aumentar o número de vivendas, novas e rehabilitadas, para fixar poboación, en especial de familias mozas, e desenvolver o modelo de economía azul sostible, onde o coidado do medio ambiente e da calidade do emprego serán fundamentais.  


O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Luis López e Luisa Piñeiro, secretaria xeral provincial, arrouparon ao candidato do PP á alcaldía de Baiona


Infogauda / Baiona

 O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Luis López, asegurou hoxe que con Sito Almuiña hai certezas, xestión e experiencia para garantir a recuperación de Baiona tras catro anos de retrocesos.   

 Foi durante un mitin no que tamén participou o responsable de Sanidade do Goberno galego, Julio García Comesaña, e no que López apuntou que faltan 9 días para que o candidato popular volva ser o alcalde que merecen os veciños deste concello. “Baiona vai volver a estar nas boas mans dun goberno do Partido Popular, liderado por quen ten demostrado e traballado tanto por este concello”.  

 Nesta liña, apuntou que o 28 de maio hai dúas opcións en Baiona: unha maioría absoluta de Sito, ou continuar como estes últimos catro anos, cun concello paralizado e en retroceso. “O 28 de maio é un todos contra Sito Almuíña. E nós imos dicirlle que o 28 de maio vai gañar Baiona”, e pediu que “esa maioría de persoas que aspira a que as cousas melloren poden confiar no PP. Ofrecemos un proxecto sólido e de futuro, un proxecto de maioría, tanto para os votantes do Partido Popular como para todas as persoas que non se conforman e queren máis para este concello”.   

 Pola súa banda, Sito Almuiña pediu un último esforzo para conseguir a maioría absoluta que ofreza a Baiona un goberno con garantías. Explicou que nos catro anos próximos, terá como obxectivo aumentar o número de vivendas, novas e rehabilitadas, para fixar poboación, en especial de familias mozas, e desenvolverá o modelo de economía azul sostible, onde o coidado do medio ambiente e da calidade do emprego serán fundamentais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario