O DIRECTOR DO AECT RIO MINHO REXEITA A REPOSICIÓN DE CONTROIS NAS FRONTEIRAS ENTRE GALIZA E PORTUGAL DURANTE A XORNADAS MUNDIAIS DA XUVENTUDE EN AGOSTO
• O responsable do agrupamento pide que se aclaren as medidas a tomar polo grande impacto que suporían para a cidadanía transfronteiriza co fin de evitar a alarma social dos peches da COVID
Imaxe de arquivo, na que o director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez Fernández - no centro -, participou, xunto con representantes municipais dunha e doutra beira do río Miño, nunha mobilización contra o peche das fronteiras entre Galiza e Portugal
Foto: AECT Río Minho
Infogauda / O Baixo Miño
O director do AECT Rio Minho Uxío Benítez Fernández vén de rexeitar publicamente a reposición de controis nas fronteiras entre Galiza e Portugal durante a Xornadas mundiais da Xuventude que se celebrarán a primeiros de agosto (do día 1 ao 6) e que incluirán a visita do papa Francisco a Lisboa. Segundo manifesta o mandatario, é necesario que os gobernos centrais aclaren en que consistirán as medidas a tomar para evitar a alarma social que se viviu durante os peches da pandemia da COVID e tamén os problemas creados en 2017 coa visita do papa a Fátima.
Segundo destaca o responsable do agrupamento transfronteirizo, a día de hoxe hai moitas incertezas e dúbidas entre a poboación e as persoas traballadoras transfronteirizas sobre como transcorrerá o paso terrestre entre a Galiza e Portugal.
Lembra o nacionalista que está aínda moi vixente a problemática vivida durante a COVID, cando se decretou oficialmente o peche da práctica totalidade dos pasos fronteirizos para realizar os controis, deixando só hábil o paso de Tui-Valença. Benítez lembra que aquela decisión de 2020 obrigou a todas as persoas traballadoras transfronteirizas a realizar rodeos de decenas de quilómetros para acudir aos seus postos laborais, co conseguinte gasto de tempo e diñeiro en combustible, ademais dos problemas sociais de pechar unha fronteira que decotío é utilizada por familias que viven indistintamente a un e outro lado da raia usando equipamentos e servizos.
Tamén lembrou as problemáticas que xurdiron en 2017 pola visita do papa a Fátima.
O responsable transfronteirizo manifesta a súa comprensión pola necesidade de seguridade , mais tamén destaca que é preciso establecer un sistema “sen barreiras” que impacte o mínimo posible na rutina diaria da veciñanza.
Tamén subliña o director do AECT que, debido ás datas en que se realizarán as Xornadas, entre o 1 e o 6 de agosto, o control das fronteiras coincidirá en plena operación saída de verán, polo que as dificultades de tránsito poderían impactar negativamente no turismo e na economía local da raia.
É por todo isto, que o agrupamento se une á preocupación xa manifestada por algúns concellos miñotos, que xa mandaron carta ao Ministerio de Administración Interna de Portugal solicitando máis información e expoñendo a súa postura de non restaurar os controis.
De feito, a directiva do agrupamento estará pendente da reunión que manterán este venres os ministros de Administración Interna de Portugal, José Luis Carneiro, e o seu homólogo español, Fernando Grande-Marlaska para avaliar as medidas a adoptar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario