22 de maio de 2023

A GUARDA

Antonio Lomba considera “unha prioridade para o próximo mandato xestionar a construción dun centro de día nunha parcela de titularidade municipal”  


Foto: GMS

Infogauda / A Guarda

 Antonio Lomba, candidato do PSdeG-PSOE á reelección como alcalde de A Guarda, considera “unha prioridade para o próximo mandato xestionar a construción dun centro de día nunha parcela de titularidade municipal”. 

 “Se A Guarda quere fixar poboación, temos que ofrecer uns bos servizos públicos. Por iso é tan necesario o centro de día, e desde o concello tomaremos todas as medidas necesarias para que sexa unha realidade”, explica.  

  Coñecedor que “as competencias para a posta en marcha dun centro de día son da Xunta de Galicia”, o candidato á reelección como alcalde afirma: “Pero os socialistas cumpriremos co que está da nosa man, que é poñer unha parcela municipal á súa disposición e impulsar o centro”.  

 Antonio Lomba quere “poñer en valor ademais as medidas que se puxeron en marcha nos últimos catro anos para as persoas maiores. Pechamos o mandato municipal cun Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que presta máis de 26.500 horas anuais de atención aos nosos veciños e veciñas”, afirma o candidato socialista, que garante: “Incrementaremos un 40% a partida municipal para este contrato”.  

 “Tamén estamos satisfeitos e potenciaremos o programa ‘Cultiva a túa mente’ para fomentar o envellecemento activo e previr as demencias”, engade.  

 “O centro de día para A Guarda é estratéxico, un servizo que necesitan as persoas maiores do noso concello e para o que traballaremos sen descanso se obtemos este domingo a confianza dos veciños e veciñas”, remata Antonio Lomba.

Ningún comentario:

Publicar un comentario