ATLETISMO
Álex Sierpes Pereira, de A Guarda, fíxose co récord galego Sub-16, nos 1.500 metros obstáculos con ría
Informa: Sociedade Atlética do Trega
Na tarde deste domingo, 20 de maio, nas pistas de atletismo de Balaídos, que acolleron a 2ª xornada das series municipais; Álex Sierpes Pereira, de 14 anos, membro do club Sociedade Atlética do Trega – Tomiño, participou na carreira de 1.500 metros obstáculos con ría, na categoría Sub-16, logrando un rexistro de 4´17"19. Dese xeito, estableceu un novo récord de Galicia, e ademais logrou a 3ª mellor marca española de todos os tempos.
Con iso, o atleta de A Guarda, logrou arrebatar ese récord galego. mellorando o anterior rexistro que establecera no ano 2007, Damián González Fernández, en Lorca (Murcia), cun rexistro de 4´26"46.
Despois de facer un inverno perfecto de cros e pista cuberta, sendo campión de España nas 2 modalidades, Sierpes empeza agora a pulverizar os récords de pista ao aire libre, facendo crecer aínda máis o seu currículo deportivo.
Con este último e novo récord no seu haber, engádenselle os desta tempada de pista cuberta de 1.000 e 3.000 metros autonómicos. O último en semana santa que foi o de milla en roteiro, logrado en Avilés cun cómputo total no seu haber de 14 récords actuais autonómicos en diversas probas de medio fondo e fondo e 3 nacionais.
O deportista do Baixo Miño, pupilo de Javier Sierpes e Patricia Pereira, segue en refacho, agrandando a súa proxección, acabando de culminar os seus últimos retoques para os próximos eventos, que marcarán os seus grandes obxectivos tanto a finais deste mes na Coruña, onde se disputará o Campionato Galego Sub-16 de pista ao aire libre, como o nacional, a finais do mes de xuño en Denia (Alacante), que será a guinda desta tempada de competición ao aire libre.
Felicidades Álex! A seguir traendo éxitos para o Baixo Mino.
Ningún comentario:
Publicar un comentario