26 de maio de 2023

A GUARDA

ANXO LOIS BAZ PIDE O APOIO MASIVO AO BNG PARA GOBERNAR SEN ATADURAS E FACER DA GUARDA UN CONCELLO VIVO E  DINÁMICO  


Anxo Lois Baz con Beatriz Lomba e Guillerme Vázquez, no mitin de peche de campaña desta tarde na praza de San Caetano
Anxo Lois Baz nun momento da súa intervención

Infogauda / A Guarda

 O candidato á alcaldía da Guarda polo BNG, Anxo Lois Baz Vicente, no peche de campaña en San Caetano dirixiuse a todo o pobo da Guarda para pedirlle “o apoio masivo á candidatura”  que lidera “para conformar un goberno sen ataduras, capaz de  facer da Guarda un Concello vivo con dinamismo social e económico”.  

 Nunha clara referencia aos gobernos nacionalistas  de Tomiño e o Rosal afirmou: “Chegou o momento de deixar de mirar con resignación como avanzan os concellos da nosa contorna. Chegou o tempo de  transformar  A Guarda en positivo. A vila ten méritos sobrados para saír adiante da man dun goberno  BNG aliado  coa veciñanza. O proxecto do BNG é un modelo municipal que funciona, tal como se demostra nos concellos onde gobernamos, convertidos en referentes dentro e fóra de Galiza”.  

 O nacionalista rematou a súa intervención,  aseverando que  “estamos diante dunha oportunidade histórica  para acometer o cambio que A Guarda precisa. Acompáñanme un grupo de mulleres e homes entusiastas e vitais, co empuxe e o optimismo  que tanto necesitamos para saír adiante. Unha equipa solvente, capacitada, ilusionada, que combina a experiencia coas novas ideas”.   

 Pola súa parte o exportavoz nacional do BNG Guillerme Vázquez,  iniciou a súa intervención  afirmando  que ve  “a Anxo Lois Baz como o futuro alcalde  da Guarda e sinala que o equipo do BNG non vai defraudar e  está preparado para liderar o vindeiro goberno municipal, permitindo así, desenvolver políticas verdadeiramente transformadoras que muden, en positivo, a vida da xente”.   

 Guillerme Vázquez contextualizou estas eleccións no panorama político xeral e afirmou “cantas máis alcaldías logremos, canta máis representación teña o BNG nos concellos, mellor  preparados estaremos para frenar as políticas neoliberais, para combater o desmantelamento da sanidade pública  que leva adiante o PP desde que chegou a Xunta de Galiza ou para parar o espolio enerxético que se aveciña no mar que conta co respaldo do Goberno do PSOE no Estado e do PP na Xunta de Galiza”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario