A exposición e o libro Mulleres represaliadas no cárcere de Tui (1936-1939) permiten identificar ás heroínas perseguidas polo franquismo
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Ata fai ben pouco, debido a circunstancias que nos viñeron impostas, semellaba que logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, a represión franquista, estivera focalizada nos homes (líderes políticos de organizacións de esquerdas e/ou nacionalistas; mestres, sindicalistas, xentes que axudaban aos fuxidos,...), e non foi así. As mulleres tamén sufriron o cárcere, á misoxinia, o terror e a violencia. Polo mero feito de seren esposas, fillas, nais ou irmás de homes de traxectoria a prol do Goberno da II República española, significación partidaria ou simplemente por seren persoas librepensadoras. Ou por axudaren ás seres humanos que estaban sendo perseguidos polos facciosos.
Grazas ao impagable labor de investigación levada a bo termo por Helena Pousa Ortega, Marga do Val, María Victoria Martins Rodríguez e Xosé Ramón Paz Antón, agora podemos saber os nomes, apelidos, lugares de nacemento, e vencellos de parentesco, sociais, etc., de algunhas mulleres de varias localidades do Baixo Miño, A Louriña e O Condado, que foron ingresadas no cárcere do Partido Xudicial de Tui.
"(...) A presión airada sobre as mulleres foi unha das tácticas seguidas polos insurxentes para impoñer o terror, o medo e o silencio (...)", dixo Helena Pousa, coautora da exposición Mulleres represaliadas no cárcere de Tui (1936-39), e do libro homónimo - editado polo Concello de Tui (Concellaría de Igualdade) e pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, Louriña e Condado - na visita guiada que onte a noitiña nos ofreceu na Casa dos Alonso, previa á presentación da devandita publicación.
Foi un acto que contou, en primeiro lugar, cunha benvida de Yolanda Villaverde Gondar, directora do Centro de Información á Muller (CIM), de A Guarda, e ao que asistiron preto de medio centenar de persoas da contorna, entre as cales atopábanse familiares directos de mulleres represaliadas por elementos franquistas.
A continuación sería Ángeles Velázquez, quen interviu para informar os motivos - reproducción dunha foto antiga da fachada do cárcere do Partido Xudicial de Tui e unhas pezas de quebracabezas - que lle inspiraron para deseñar o cartel da exposición, que a súa vez, tamén é á portada do libro. A idea do quebracabezas ten súa motivación - segundo afirmou - porque sempre nos faltarán pezas para poder completar a totalidade do relato de todo canto aconteceu nese período cronóloxico (1936-1939).
Trala breve intervención de Ángeles Velázquez, sería Helena Pousa - autora dos contidos da mostra - quen faría uso da palabra para efectuar á visita guiada á exposición, deténdose en varios dos paneis, comentando unha síntese de algúns deles - indicando os nomes das mulleres represaliadas -, e de xeito especial no adicado á Evangelina Jaso González - executada en Tui, o 24 de abril de 1937 - e no de Josefa García Segret (a que menos tempo pasou na prisión e a que máis, respectivamente) que na presentación do libro Mulleres represaliadas no cárcere de Tui (1936-1939) centraría a posterior intervención de Marga do Val.
A investigadora e socia da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, Louriña e Condado, Helena Pousa dixo que "entre as 91 mulleres que pasaron por prisión nos anos da guerra por diferentes motivos, pódese distinguir un primeiro grupo de presas políticas que foron acusadas e condenadas por rebelión militar, e cumpriron as súas condenas na dura prisión franquista de Saturrarán. A maioría das biografías son de María (Purificación) Gómez González, alcaldesa da Cañiza, dedicada como consta na ficha de inscrición "ao seu traballo" (nunca indican a súa posición política), que estivo desde o 11 de agosto ata que se foi, para ser xulgada en Vigo, a 29 do mesmo mes. E a mestra Josefa García Segret que, reclamada polo xuíz militar, ingresa o 4 de outubro, o mesmo día do cruel asasinato do seu marido [Hipólito Gallego Camarero] en Mondariz. Ambas afirmaron estar embarazadas para escapar da pena de morte á que foran condenadas".
Un segundo grupo máis grande está formado por mulleres que non son tan (re) coñecidas e investigadas. Foron encarceradas na prisión tudense acusadas de axudar a prófugos, ou simplemente por ser familiares (nais, parellas, fillas) de homes que tamén foron vítimas da dura represión no sur da provincia de Pontevedra neste trienio. A furiosa presión exercida sobre eles foi unha das tácticas seguidas polos insurxentes para impoñer o terror, o medo e o silencio. Por iso, encerran e incomunican a María Álvarez Fernández, [de Pintán (Salcidos)] esposa do alcalde de Tui, Guillermo Vicente, quen se deu á fuga xunto con Antón Alonso Ríos, e morreu escondido na casa da súa familia en Pintán.
Tamén Ramona Fernández Miniño, de Porriño, irmá dos Fernández Miniño, perseguida con saña polos falanxistas, e que Evangelina Jaso tivo escondida na súa casa. Outras vítimas colaterais foron mulleres de Tui e da Guarda, como Concepción Andrés García [Concha], esposa de Manuel Domínguez Pacheco, O Taxota, declarado desertor, e a súa sogra María (da Luz) Pacheco Videira, cuxos outros dous fillos xa habían sido asasinados (Anxo e Antonio) na Sangriña (...)".
Logo da visita guiada, e xa no salón de actos da Casa do Concello, interviron Xosé Ramón Paz Antón - que fixo unha introdución que contextualizar o cárcere do Partido Xudicial de Tui e as etapas represivas da zona producidas antes da Guerra Civil e durante ese período -, Marga do Val - que focalizou seu relato nas mulleres antes indicadas Josefa García Segret e Evangelina Jaso González - e Helena Pousa, falou da súa iniciativa de recuperar a historia das mulleres represaliadas que aparecían a través da documentación do rexistro así como dos datos orais que lle transmitiron as familias.
"Tiven - dixo Helena Pousa - que separar aquelas que estaban por represión política das que non, porque tamén hai rexistros de mulleres que estaban aí por un aborto ou un roubo.
Das 91 mulleres que había no rexistro, puiden confirmar que 31 delas estaban aí por motivos de represión política, aínda que pode haber algunha máis que non puiden comprobar, xa que os seus familiares están mortos ou non hai persoas que as recoñezan. Moitas delas non teñen unha biografía máis aló de catro liñas porque son mulleres labregas, pobres ou analfabetas, mais quería dar unha visión de conxunto do que significou a represión neste cárcere, sobre todo porque nunca se ve a prisión como un dos artefactos para a imposición do poder e do terror (...)".
Dese xeito, ademais de ofreceren seus puntos de partida ou enfoques, previos o labor de investigación, para artellar ás respectivas colabouras no libro editado, ofreceron un adianto do contido do mesmo, cuxa lectura vainos permitir ter un coñecemento dos feitos, grazas aos correspondentes accesos a documentos (fichas de cada unha das presas, certificacións do rexistro civil, fotografías, publicacións,...), en soporte físico, e tamén mediante entrevistas á familiares das víctimas.
Ese impagable labor de recuperación da Memoria Histórica permítenos identificar as heroínas perseguidas polo franquismo e afondar na dimensión da barbarie perpetrada impunemente por elementos do aparato represor franquista ao longo do conflicto armado, que non se circunscribíu soio a ese trienio negro, senón que tería continuidade nos anos da chamada posguerra.
O acto de onte, rematou co agradecemento que en nome do Concello de A Guarda, expresou á concelleira de Igualdade, Fátima Rodríguez Marcos, e coa venda - mediante donativos - de exemplares do libro editado, para axudar á Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, Louriña e Condado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario