20 de ago. de 2026

DEPORTES

 BALONMÁN

O Atlético Guardés 2026/2027, presentado ante os seus 

O pavillón da Sangriña acolleu este xoves a tradicional presentación dos equipos do Club Balonmán Atlético Guardés para a nova tempada 

No acto presentouse formalmente a composición da base do Club, os novos equipamentos e aos novos integrantes dos seus persoais e corpos técnicos, con intervencións dalgúns deles 

O Club tamén se despediu dos seus antigos directivos e traballadores nun peche emotivo complementado polo discurso da vicepresidenta Patricia Baz 


Equipo de División de Honra do Atlético Guardés
Fotos: SportCoeco
Foto de familia de todos os equipos, técnicos e directivos do Club Balonmán Atlético Guardés


Redacción Deportes/A Guarda

 O Club Balonmán Atlético Guardés 2026/2027 xa se presentou ante os seus. Este xoves, o pavillón da Sangriña substituíu a habitual localización do auditorio de San Bieito para acoller a tradicional presentación dos equipos da entidade baixomiñota previa a unha nova tempada, nun acto onde se desvelaron todos os detalles do curso entrante simbolizando unha nova etapa a todos os niveis. 

 O evento comezou ás 21.00 horas, coa responsable de comunicación e delegada do Club, Elena Núñez, como mestra de cerimonias. Tras unha breve introdución, o alcalde da Guarda foi o encargado de abrir as intervencións cun discurso que avogou pola unión e a estabilidade non só entre ambas as entidades, senón tamén entre o Atlético Guardés e o seu pobo, chamando a deixar atrás o conflito das últimas semanas polo ben do Club. Chegou entón o momento de entrar en materia, dedicando un espazo para presentar a nova composición da canteira baixomiñota. O encargado diso foi José Ignacio Prades, presentándose oficialmente como novo coordinador dos equipos da base como preámbulo á presentación de todas as xogadoras de cada categoría. Este ano, o Atlético Guardés presentou equipos prebenxamín mixto, benxamín mixto, alevín mixto, infantil feminino, cadete feminino e xuvenil feminino.  

 Foi a quenda dun pequeno intermedio coa actuación de Iria Álvarez, primeiro, e Daniela Miniño, despois, dúas bailarinas da escola guardesa de baile Dansá que ofreceron interpretacións ao nivel dos títulos de campioas do mundo que sosteñen. 

 A continuación, un dos momentos máis esperados da noite, co bloque dedicado ao equipo de División de Honra. O novo persoal presentouse oficialmente ante a afección da Guarda: primeiro, saíron as dúas novas capitás, Carme Castro e Cecilia Cacheda, quen dedicou unhas palabras aos asistentes ao pavillón. Seguíronas as demais xogadoras que continúan con respecto á pasada tempada: María Palomo, Cristina Cifuentes, Ania Ramos, Elena Martínez, Blazka Hauptman, Rosane Serrano, Nerea Gil, África Sempere e Sabina Mínguez; e foi entón a quenda das novas incorporacións: Ana Marín, Aintzane García, Daniela Gacía, Silvia Leiras, María Cobo e Noelia Solla. Pechou a comitiva o corpo técnico, representado por José Ignacio Prades, quen ofreceu un segundo discurso esta vez en calidade de adestrador.  

 Antes de despedir ás protagonistas, o antigo principal patrocinador do Club tivo a palabra. O persoal da empresa Mecalia entregou, como cada ano, un recoñecemento á que considerou a mellor xogadora da tempada anterior, nesta ocasión unha honra compartida por María Palomo e Ania Ramos.  

 Para terminar, o equipo da Sangriña dedicou uns momentos para mencionar aos traballadores e personalidades das que tivo que despedirse para esta nova campaña. Recoñeceuse o labor dos antigos directivos Pilar Martínez, Enrique Martínez, Eliseo Magallanes e Julio Capón; dedicando unhas palabras tamén á que ata o de agora exercera de vicepresidenta e delegada do Club, Gloria Rodríguez. Houbo así mesmo un instante dedicado a Roberto Martínez de Antoñana, que esta tempada non continuará como cantineiro do pavillón; e o peche da rolda de homenaxes estivo dedicado ao guardés Estela Doiro, que anunciaba a súa retirada do balonmán profesional ao termo do 2025/2026.  

 A encargada de poñer o broche de ouro á velada foi Patricia Vicente, vicepresidenta da nova Xunta Xestora da entidade, cun discurso que chamaba a escribir unha nova etapa na historia do Club nesta tempada, a do seu 60 aniversario e a dos seus 15 anos na elite, da man de todos os colectivos que volven facela posible: patrocinadores, autoridades, colaboradores e afección. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario