27 de abr. de 2023

VIGO

A CIG mobilizarase este 1º de Maio en 15 localidades co lema 'Paremos o saqueo! Emprego, salarios e pensións dignas'  

O secretario comarcal de Vigo presentou hoxe a manifestación central, que terá lugar na cidade, e a que percorrerá as rúas de Cangas 


O secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, compareceu hoxe en rolda de prensa xunto a Raquel Pérez, da executiva comarcal da CIG-Vigo, para presentar as manifestacións que terán lugar na cidade

Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 A CIG chama a mobilizarse este 1º de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, baixo o lema 'Paremos o saqueo! Emprego, salarios e pensións dignas' para rexeitar as políticas económicas dos Gobernos galego e español, “incapaces de enfrontar a grave carestía da vida nin frear o aumento das desigualdades e da pobreza, e en defensa dos servizos públicos, da recuperación económica, da industrialización e da creación de emprego digno na nosa terra”. O secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, compareceu hoxe en rolda de prensa xunto a Raquel Pérez, da executiva comarcal da CIG-Vigo, para presentar as manifestacións que terán lugar na cidade (dende a Dobrada ás 12:00 horas) e en Cangas (dende o Concello ás 18:00 horas), ás que hai que sumar as outras 13 que se celebran por todo o país. 

 Gonçalves incidiu en que estamos atravesando contexto moi preocupante, no que estamos a asistir por un brutal agravamento da crise, empurrada por unha insoportábel suba dos prezos e da inflación, nomeadamente de bens e produtos básicos de consumo, que está a causar unha importante deterioración nas condicións de vida da clase traballadora e da maioría do pobo galego. 

 E fronte esta realidade moitas das medidas aplicadas polo Goberno español de PSOE  e Unidas Podemos son reformas claramente lesivas e regresivas feitas para satisfacer as duras exixencias da UE para recibir uns envelenados fondos europeos que están a hipotecar o noso futuro. “Como vén de demostrar a última reforma das pensións que amplía os recortes e insiste en empobrecer as pensións públicas que en Galiza xa son as segundas máis baixas de todo o Estado”. 

 Unha reforma das pensións que se engade aos efectos negativos da reforma laboral, aprobada sen derrogar as de 2010 e 2012, coa que seguen a medrar a flexibilidade, a inestabilidade laboral e os baixos salarios e avanza imparábel a precariedade. 

 A isto hai que engadir o secuestro da negociación colectiva pola patronal e os chamamentos a un Pacto de Rendas que suporá converter nun novo saqueo antisocial esta crise, impoñendo a moderación salarial, imposibilitando calquera recuperación do poder adquisitivo das pensións e dos salarios, mentres o SMI e as pensións seguen por baixo do que recomenda a Carta Social Europea.  

 No noso país, o desgoberno da Xunta do PP está a provocar a agonía produtiva e laboral en comarcas como a nosa,  na que a día de hoxe seguimos tendo, só na cidade de Vigo, 4.200 postos de traballo menos dos existentes antes da pandemia, e no que sigue avanzando o devalar industrial”.   

 A Xunta de Rueda está absolutamente entregada aos ditados de Feixoo en Madrid e insiste no desmantelamento masivo do país, reforzando a dependencia económica e política de Galiza ao sistema español, aumentando o empobrecemento das clases populares, negándose a un desenvolvemento galego propio para poder traballar e vivir dignamente na nosa terra.  

 Exemplo disto é o caso de Pescanova, onde unha empresa de grande envergadura acaba poñéndose baixo a bota de fondos estranxeiros, sen garantías claras do mantemento do emprego e da actividade na nosa comarca e en Galiza. 

 Mentres a  Xunta sigue de brazos caídos fronte a situación límite que atravesa o naval de Vigo, ou as dificultades que envolven o futuro dunha actividade estratéxica como a automoción, o PP actúa como un facilitador do espolio depredador do noso País, apostando por un turismo desordenado e descontrolado, coa privatización dos servizos públicos, a eucaliptización do noso monte e consolidando un novo proceso de colonización enerxética, coa actual ofensiva eólica que se estende pola terra ameazando os nosos montes e agora tamén por mar, poñendo en perigo actividades fundamentais como a pesca, que na área de Vigo representa 32 mil empregos. 

 Por iso a CIG, como primeira forza sindical, chama á unha mobilización masiva o vindeiro 1 de maio para enviarmos un mensaxe contundente tanto á patronal como aos Gobernos español e galego, para esixirmos unha saída galega e socialmente xusta da actual crise, para demandar o noso dereito a traballar e producir, na certeza de que a loita é o único camiño fronte á trampa do diálogo social alentado polos sindicatos estatais no que pretenden seguir entregando dereitos laborais e sociais

 A manifestación de Vigo é a central das 15 que convoca a CIG por todo o país, e nela participará o secretario xeral, Paulo Carril.  

Vigo.- A Dobrada, 12h.; Cangas.- Concello de Cangas, 18h.; A Coruña.- Praza de Vigo, 12h.; Cee.- Praza do Concello, 12h.; Ferrol.- Local da CIG (Avda. Esteiro), 12h.; As Pontes.- Praza do Hospital, 12h.; Santiago.- Praza Roxa, 12h.; Ribeira.- Praza do Mercado, 12h.; Lugo.- Edificio Sindical, 12h.; Burela.-Local da CIG, 12h.; Ourense.- Praza Maior, 11.30h.; Verín.- Praza do Concello, 12h.; Pontevedra.- Praza da Ferreiría, 11.30h.; Vilagarcía.- Casa do Mar, 11.30h.; A Estrada.- Praza do Mercado, 12h.

Ningún comentario:

Publicar un comentario