Importante seguimento dos parciais no CTAG do Porriño para reclamar salarios dignos e categorías laborais xustas
• Máis dun terzo do persoal da quenda de mañá participou na mobilización e todo o de tarde secundou as medidas de presión
Coincidindo cos paros celebráronse concentracións tanto ás portas das instalacións do CTAG no polígono porriñés da Granxa como diante de Stellantis, onde tamén traballan empregados/as do CTAG
Foto: CIG
Infogauda / O Porriño
Os paros parciais de dúas horas convocados pola CIG no Centro Tecnolóxico da Automoción de Galiza (CTAG) para reclamar salarios dignos e categorías laborais xustas tivo un importante seguimento entre o cadro de persoal a pesar das manobras da dirección, que pactou un acordo co resto do comité xusto antes de que a central celebrase unha asemblea para abordar a posibilidade de optar pola folga. Con todo os paros, que se desenvolveron de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 horas, foron secundados por máis dun terzo dos arredor dun milleiro de traballadores/as da empresa na quenda de mañá e polos/as 5 empregados/as da quenda de tarde.
Coincidindo cos paros celebráronse concentracións tanto ás portas das instalacións do CTAG no polígono porriñés da Granxa como diante de Stellantis, onde tamén traballan empregados/as do CTAG. Nas protestas berráronse consignas contra a precariedade e rexeitouse o acordo asinado por CCOO e o sindicato independente coa empresa, xa que contempla unha dobre escala salarial e non supón unha mellora das condicións de traballo.
Dende a sección sindical da CIG na compañía do sector da automoción explican que a xornada de folga parcial é unha continuación das mobilizacións en defensa dunhas condicións de traballo dignas e para demandar a implantación dun sistema de clasificación e promoción profesional que se axuste á realidade do traballo que desenvolve o persoal da empresa. “Mais tamén para rexeitar ao acordo asinado polo resto do comité, que non contempla ningunha medida nestes sentido”, sinalan.
Enquisa entre o persoal
A elevada oposición dos traballadores/as ao acordo fíxose evidente na enquisa distribuída entre o cadro de persoal pola CIG, que foi cuberta por 330 persoas, das que arredor dun 80% amosaron o seu rexeitamento e validaron a resposta que está a dar a central sindical.
De feito, na asemblea previa convocada pola CIG, na que participaron 344 empregados/as, rexeitouse o contido do documento e optouse pola convocatoria dos paros que hoxe se fixeron efectivos. “Decidimos facer a enquisa porque na asemblea do persoal do CTAG celebrada no local de CCOO a xente solicitou que se fixese un referendo para coñecer o respaldo co que conta o acordo”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario