30 de mar. de 2023

OIA

O Concello de Oia recibe unha doazón de libros procedentes da biblioteca persoal do doutor Joaquín Lemos Zunzunegui (Tito Lemos) e dos fondos de InfoMAXE   


A alcaldesa do Concello de Oia, Cristina Correa Pombal, con Miguel Reboredo Otero, presidente da Fundación Tito Lemos, e Celso Rodríguez Fariñas, representante da asociación InfoMAXE

Foto: C.O.

Infogauda / Oia

 O Concello de Oia vén de recibir unha doazón de libros procedentes da biblioteca particular do doutor Joaquín Lemos Zunzunegui (Tito Lemos), coñecido e querido médico da vila de A Guarda. Os exemplares chegan á Oia grazas á familia do doutor, finado en 2019, e ás xestións desenvolvidas pola Fundación Tito Lemos e a asociación InfoMAXE, a cal tamén cedeu algunhas obras do seu fondo. O conxunto de libros quedará a disposición da veciñanza na zona de biblioteca da aula de novas tecnoloxías, situada nos baixos do consistorio oiense.  

 A alcaldesa, Cristina Correa Pombal, recibiu no día de onte ao presidente da Fundación Tito Lemos, Miguel Reboredo Otero, e ao representante da Asociación InfoMAXE, Celso Rodríguez Fariñas, para trasladarlles persoalmente o agradecemento polas xestións realizadas, as cales permitiron que Oia poida contar coa importante doazón, procedente da familia do doutor Lemos así como dos propios fondos documentais de InfoMAXE. En total, recibíronse máis de 30 caixas cheas de novelas e unha interesante colección de libros de arte.  

 Como mostra de gratitude, a rexedora fíxolles entrega de exemplares das diversas publicacións editadas polo Concello nos últimos anos, todas elas sobre historia e patrimonio local. Pola súa banda, os representantes dos devanditos colectivos enmarcaron a súa iniciativa na vontade de que eses libros poidan quedar “a disposición da xente”.  

 A doazón de libros de Tito Lemos vén a ampliar a oferta bibliográfica para consulta da veciñanza que está dispoñible na zona de biblioteca da aula de novas tecnoloxías de Oia (aula mentor), situada no baixo do edificio da Casa do Concello, en horario de 9 a 14h.

Ningún comentario:

Publicar un comentario