30 de mar. de 2023

OIA

O pleno do Concello de Oia rexeita por unanimidade as instalacións de eólicos mariños


     
  

Infogauda / Oia  

 A Corporación Municipal de Oia aprobou por unanimidade no pleno ordinario celebrado este xoves o seu rexeitamento a proxectos de instalación de parques eólicos mariños na súa costa.   

 Os grupos políticos municipais subscribiron unha moción presentada pola Confraría de Pescadores “Santa Tecla” de A Guarda na que, “ante a situación actual e prevista coa posible implantación de varios polígonos de eólica mariña na costa en virtude dos POEM aprobados polo Goberno de España”, solicitaba ao Concello de Oia que mostrase o seu rexeitamento como municipio afectado. A iniciativa plenaria manifesta que estes plans son “o maior ataque histórico á pesca e aos ecosistemas mariños”, cualificándoos de “ecocidio” e “pescacidio” e advirte de que “poden poñer en risco o modo de vida de miles de pescadores e xente do mar”.  

 Ante esta situación o pleno, co apoio dos grupos municipais do PP, PSOE e BNG, acordou  “rexeitar os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM)” e solicitar a dimisión da ministra Teresa Ribera, dando traslado do acordo adoptado ao Ministerio e Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.  

 A moción advirte de que “só na Demarcación Noratlántica hai máis de 300 caladoiros de pesca identificados e moitos deles son invadidos por estes espazos reservados polo Goberno para a eólica mariña”. Segundo engade, diferentes especies peláxicas coma a anchoa, a sardiña, o bonito, a xarda ou o xurelo móvense [de xeito] constante por toda a plataforma continental que pretende encher de aeroxeradores”.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario