A CIG convoca dez mobilizacións por todo o país con motivo do 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega
▪ A manifestación de Vigo saírá do cruzamento da Dobrada ás 18:30 horas baixo o lema 'As pensións non se tocan'
O secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, presentou hoxe en rolda de prensa xunto á integrante da Executiva Raquel Pérez a manifestación que percorrerá a cidade para conmemorar o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega
Foto: CIG
Infogauda / Vigo
O secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, presentou hoxe en rolda de prensa xunto á integrante da Executiva Raquel Pérez a manifestación que percorrerá a cidade para conmemorar o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega. A central sindical ten convocadas até dez mobilizacións por todo o país (nas sete cidades máis en Vilagarcía, Viveiro e A Estrada) baixo o lema 'As pensións non se tocan'. No caso de Vigo, a marcha arrincará da Dobrada ás 18:30 horas. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, participará na mobilización de Ferrol.
Gonçalves fixo fincapé durante a súa intervención en que para o sindicalismo nacionalista e de clase o 10 de marzo non é unha data ritual, senón unha xornada de loita e de reivindicación na que expresar na práctica o noso orgullo como clase obreira. “Unha xornada na que reafirmar o noso compromiso firme para continuar coa loita pola que deron a vida Amador e Daniel en Ferrol en 1972 e que foi o lume que prendeu na heroica folga en Vigo en setembro dese ano”. Por iso fixo un chamamento á clase traballadora da comarca de Vigo a saír as rúas, “na certeza de que á loita é o único camiño”.
Incidiu en que este ano 2023 a CIG quere facer do 10 de marzo unha data de resposta ante as amezas que temos por diante e ante a necesidade de avanzarmos cara a unha saída galega e socialmente xusta da actual crise. “As medidas postas en marcha polos Gobernos español e galego resultan insuficientes, e mesmo inexistentes, mentres o capital está tirando proveito da carestía da vida, obtendo millonarios beneficios a conta do saqueo ao pobo traballador e as maiorías sociais; velaí os históricos beneficios da banca e das empresas enerxéticas”.
Para Gonçalves, nesta realidade vemos que as previsións van noutra dirección: aprobar unha nova reforma das pensións, aumentando a 30 anos o período de cálculo, que suporá un novo recorte das contías de entre un 6% e un 8%, como o propio Banco de España recoñece.
Neste senso , advertiu que incrementar a 30 os anos para o cálculo da pensión, mantendo a reforma de 2011, fai medrar a caída progresiva da contía das pensións que vimos padecendo nos últimos anos por causa da ampliación da idade de xubilación dos 65 aos 67 anos e do aumento do período de cálculo do 15 aos 25 anos. Unha caída das pensións xeneralizada que no caso das mulleres afondaría máis a fenda de xénero, que na actualidade xa é dun 34%.
“Cómpre denunciar que co ano 2022 pechado e cos datos oficiais, a pensión media en Galiza foi de 930€ mensuais, 150€ por debaixo do SMI, cando no Estado español a media está en 1.089€. No caso das mulleres a diferenza agrávase, chegando a ser uns 350€ inferiores”.
Polo que lamentou que aprobar esta reforma, para atender os ditados da Unión Europea, seguirá obrigándonos a atrasar máis a idade de xubilación e contribuirá a que se creen menos postos de traballo, a que haxa máis paro xuvenil e máis emigración.
Por iso, a CIG, como primeira forza sindical en Galiza dicimos alto e claro que: Goberne quen goberne, as pensións deféndense! Temos claro que todas estas reformas e os duros ataques dos que é obxecto o sistema público son polo interese do capital de facer negocio, atemorizando a poboación coa quebra do sistema para que a súa capacidade de aforro se dirixa aos fondos privados de pensións.
Desde a CIG levamos anos denunciando todas estas reformas e respondendo con mobilizacións e con folgas, como fixemos en xaneiro de 2011. A Seguridade Social é unha conquista histórica da clase traballadora e a defensa do sistema público de pensións é un dereito irrenunciábel que debemos manter a toda costa.
“O grave desta reforma das pensións é que ten lugar nun contexto marcado pola elevada carestía da vida, o empobrecemento xeneralizado dos salarios, o secuestro da negociación colectiva pola Patronal e os chamamentos a un Pacto de Rendas que ten como obxectivo impor a moderación salarial, imposibilitando calquera recuperación do poder adquisitivo dos salarios”.
O secretario comarcal da CIG-Vigo lembrou que esta nova reforma das pensións súmase á última reforma laboral coa que nin recuperamos nin gañamos dereitos, como consecuencia de sacar adiante unha regulación laboral sen derrogar a de 2010 e 2012. “Son as dúas caras da mesma moeda, toda reforma laboral vén acompañada dunha das pensións e viceversa”.
Neste senso, sinalou que o avance da dereita e da ultradereita cómpre confrontalo e non alimentalo facendo as mesmas inxustas políticas económicas de recortes que eles fan onde gobernan. “No caso galego temos o exemplo, todas estas políticas son máis instrumentos que veñen favorecer as nefastas políticas do PP en Galiza”.
Por todas estas razóns, considera que a central sindical está chamada a mobilizarse ante a patronal e ante os Gobernos, “diante da necesidade de dar resposta a unha realidade económica e social extrema que está a ter un impacto brutal no conxunto das maiorías sociais, por moito que a disfracen con propaganda e por moito que a encubran no diálogo social, con CCOO e UGT”.
Finalmente, quixo deixar claro que “na nosa man e na nosa capacidade de mobilización está parar esta reforma das pensións, está poder avanzar na defensa dos servizos públicos, na recuperación económica, na industrialización e na creación de emprego digno na nosa terra”.
HORAS E LUGARES DAS MOBILIZACIÓNS:
• FERROL: ás 12:30h, ofrenda floral no monumento ao 10 de Marzo.
Ás 19:30h manifestación con saída dende o local da CIG (Avda. do Esteiro). Nesta mobilización participará o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
• VIGO: ás 18:30h, manifestación dende a Dobrada.
• A CORUÑA: ás 19:30h, concentración-asemblea no Obelisco.
• SANTIAGO DE COMPOSTELA: ás 19:30h, manifestación dende a Praza Roxa.
• PONTEVEDRA: ás 20h, concentración na Praza da Peregrina.
• OURENSE: ás 19h, concentración na Praza do Ferro.
• LUGO: ás 20h, concentración diante do Concello.
• VILAGARCÍA: ás 20h, concentración na Praza de Galiza.
• A ESTRADA: ás 20h, concentración na Praza do Mercado.
• VIVEIRO: ás 18h, concentración diante do INSS.
Ningún comentario:
Publicar un comentario