8M: DÍA DA MULLER
As mulleres con problemas de saúde mental, triplemente discriminadas
• As mulleres con problemas de saúde mental atópanse con grandes obstáculos na súa vida como consecuencia da tripla discriminación que sofren: pola súa condición de saúde, pola discapacidade e polo feito de ser muller.
• A día de hoxe non existe un enfoque de xénero nas políticas de saúde mental, nas intervencións sanitarias e sociais de saúde mental e na súa avaliación.
Ana Escrigas Rodríguez / Santiago
Segundo o censo de persoas con discapacidade da Consellería de Política Social, no 2021 había en Galicia 64.351 persoas con certificado de discapacidade por un problema de saúde mental, sendo a segunda causa de discapacidade máis frecuente despois da física.
As persoas con problemas de saúde mental cargan con grandes lacras na súa vida diaria como o estigma social, dificultades para a inserción social e laboral e insuficientes recursos na atención á saúde mental. Pero dentro deste colectivo, as mulleres, que representan o 61% do total, están máis desprotexidas xa que sofren unha tripla discriminación:
• O estigma asociado aos problemas de saúde mental
• O rexeitamento que provoca a discapacidade
• As dificultades derivadas de ser muller
Unha vida, moitas dificultades
Esta tripla discriminación provoca unha serie de obstáculos cos que se atopan as mulleres con problemas de saúde mental no seu día a día. Por unha banda, existe un enorme prexuízo social, dado que a sociedade en xeral ten unha imaxe negativa do colectivo considerando as estas persoas incapaces ou demasiado problemáticas para levar unha vida normalizada.
Isto tamén provoca obstáculos no eido laboral, sucedendo que as mulleres con problemas de saúde mental son dos colectivos que atopan máis dificultades para acceder a un posto de traballo. Como consecuencia, carecen de recursos económicos polo que a miúdo son dependentes das súas parellas.
Por outra banda, hai mulleres con problemas de saúde mental que ven dificultado o exercicio da súa maternidade. Como con calquera outra nai ou pai, non se debe xulgar o mero feito de ter ou non unha discapacidade ou enfermidade mental, senón de dispor da capacidade ou apoios axeitados nas tomas de decisións.
Tamén é un feito recoñecido que os risco que teñen estas mulleres de sufrir violencia de xénero multiplícase entre 2 e 4 veces respecto ás mulleres en xeral. O 80% das mulleres con problemas de saúde mental que viven en parella sufriu algún tipo de violencia por parte da súa parella, máis da metade sufriu violencia física, e máis do 40% foi vítima de violencia sexual ao longo da súa vida. Cando se dan estas violencias, o 42% recoñece non identificalas como tal e, ás que que si as recoñecen e denúncianas, frecuentemente non se lles dá credibilidade debido ao seu trastorno mental.
Por outra banda, a pesar de que a saúde mental das mulleres se recoñece como o campo de maior impacto no benestar individual, familiar e social, non existe unha abordaxe de xénero nas políticas de saúde mental. Tamén é escaso o enfoque de xénero nas intervencións sanitarias e sociais de saúde mental, así como na avaliación das mesmas.
Para visibilizar todas estas cuestións, un grupo de mulleres de Saúde Mental FEAFES Galicia, profesionais e usuarias, interviñeron nun vídeo que se compartirá nas redes sociais da entidade o 8 de marzo baixo o hagstag #QueQuerenAsMulleres. Nel escoitaremos ás mulleres reclamar coa súa propia voz máis visibilidade, protección, igualdade de dereitos, capacidade de decisión, credibilidade e corresponsabilidade nos coidados, entre outras cousas.
Un programa para a atención integral a mulleres
Saúde Mental FEAFES Galicia conta co “Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade” que trata de fomentar a igualdade de oportunidades para reducir a discriminación que sofren as mulleres con problemas de saúde mental. Financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, o obxectivo deste programa é dotar ás participantes dunha maior autonomía e independencia que permitan mellorar a súa situación persoal, social e laboral, ofrecendo deste xeito unha atención personalizada e especializada a cada unha delas.
Ao longo do 2022, un total de 52 mulleres con enfermidade mental recibiron formación e asesoramento ó amparo deste programa para aumentar a súa autonomía, lograr unha maior adherencia ó tratamento, adquirir unha maior consciencia da enfermidade, recuperar as súas destrezas cognitivas e mellorar as súas habilidades sociais.
Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 coa misión de representar e defender os dereitos e necesidades das persoas con problemas de saúde mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a mellora da calidade de vida destas persoas e das súas familias. Actualmente agrupa a 12 asociacións repartidas por toda a comunidade galega con centros e servizos en preto de 30 localidades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario