9 de mar. de 2023

A GUARDA

O  equipo de goberno guardés aposta por unha vila segura para a infancia  

O concello de A Guarda vén de licitar a execución do Camiño Escolar seguro para o CEIP Manuel Rodríguez Sinde. 

• Francesco Tonucci (investigador e pedagogo italiano): “Unha cidade na que os mais pequenos poidan estar seguros será un espazo público de calidade para todas as demais persoas”. 


Plano da actuación prevista, facilitado polo Concello de A Guarda

Infogauda / A Guarda

 Na Plataforma de contratación pública do Estado xa se pode consultar o procedemento de licitación das obras para o proxecto de Camiño Escolar seguro para o CEIP Manuel Rodríguez Sinde, de A Guarda, que contan cun importe de case de 250.000 euros.  

 Desde o Goberno municipal que preside Antonio Lomba Baz lembran que o Concello de A Guarda leva dende o ano 2019 preparando o Proxecto de Camiños Escolares Seguros, e despois das fases iniciais do proxecto co equipo redactor do mesmo, a previsión é que no mes de maio deste ano 2023 se inicien as obras baixo os criterios de accesibilidade e itinerarios peonís seguros.  

 O Proxecto de Camiños Escolares Seguros xurde ante a necesidade dun cambio de paradigma na maneira de moverse nas cidades e vilas, mellorando a seguridade vial establecendo rutas seguras ou Safe Routes to School, para que os nenos e nenas realicen os seus desprazamentos entre os seus fogares e os seus centros de ensino con total seguridade.  

 As ideas do pedagogo italiano Francesco Tonucci marcan un novo rumbo para os proxectos de camiños escolares, cun novo concepto de cidade, propiciando a autonomía infantil.  

 Despois dun estudo dos itinerarios e dun proceso participativo coa comunidade educativa  logrouse ter unha visión concreta dos percorridos realizados día a día polas familias e alumnos, con datos altamente fidedignos. Neste senso a través de cuestionarios logrouse determinar que unha das maiores preocupacións dos pais e nais dos alumnos e alumnas é o tráfico e a seguridade, indicando que o aumento do número de vehículos provoca unha maior inseguridade.  

 Nas conclusións finais determínase que o «Camiño Escolar Seguro»  afecta a un total de 730 m de viais, nas rúas Brasilino Álvarez, Enrique Mª Sesto, estrada de Circunvalación, rúa Tui e rúa Ourense.  

 “Trátase - engaden desde o Equipo de goberno municipal - dunha inversión de xerarquías no uso do espazo público no cal o peón debe ser o centro de toda acción e o coche un obxecto subordinado a este con espazo moi controlado e un uso racional e limitado para así poder devolver as rúas aos seus principais protagonistas: os nenos e nenas. Para iso é preciso xerar un entorno escolar onde os nenos poidan acceder de forma sa, segura e máis autónoma á escola ou centro educativo.  

 Entre as solucións a adoptar atopamos melloras na seguridade de todos os pasos de peóns existentes ao longo do trazado, a urbanización dos arredores coa mellora do firme, alumeado e prohibición de circulación no treito da Rúa Tui que da acceso directo ao centro escolar, a implementación da sinalización vertical e horizontal pertinente, eliminación ou substitución da danada ou ineficiente, así como redución do límite a 30 km/h en todo o percorrido. Estímase que estes traballos prolongaranse ao redor de 2 meses”. 

 Para Antonio Lomba, alcalde de A Guarda, “este proxecto incide nas condicións de seguridade e accesibilidade do alumnado deste centro educativo da vila enmarcado no casco urbano. A execución das obras ten por obxecto mellorar a mobilidade nos itinerarios que segue o alumnado nos seus desprazamentos dende as súas vivendas ata o centro escolar. Dende o concello están traballando no aumento da seguridade viaria nos demais centros educativos da localidade”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario