A conselleira do Mar visitou a contorna portuaria da Pasaxe, no municipio de A Guarda
A Xunta de Galicia acomete a mellora da seguridade da estrutura de atraque do porto da Pasaxe pola vía de emerxencia
A actuación, que conta cun orzamento de máis de 580.000 euros, está xa en marcha trala súa tramitación pola vía de urxencia para evitar as consecuencias dun posible afundimento da instalación tanto no medio ambiente como para a navegación
Infogauda / A Guarda
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou onte mércores a contorna portuaria da Pasaxe, no municipio de A Guarda, onde comprobou as obras de emerxencia que está a realizar Portos de Galicia co fin de mellorar a seguridade da estrutura de atraque do porto, evitar o seu afundimento e posibles riscos tanto para o medio ambiente como para a seguridade da navegación na zona.
A titular de Mar, que estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, sinalou que estes traballos contan cun orzamento de máis de 580.000 euros. Ademais explicou que a Xunta empezou estes traballos unha vez que novos informes de inspección detectaron un avance no deterioro desta infraestrutura como consecuencia do paso do tempo e das inclemencias meteorolóxicas rexistradas nos últimos meses de 2022 e comezos de 2023 .
Nesta liña, a conselleira expuxo que o obxectivo desta actuación é arranxar esta instalación -situada en espazos da Rede Natura 2000- para evitar danos na contorna. Os traballos están na súa fase inicial e supoñen actuar en varios eidos co fin de impedir o afundimento tanto do pantalán flotante como dos elementos conectados a el e velar así pola seguridade da navegación e a protección do medio ambiente.
De xeito paralelo mantense operativo, minimizando ao máximo as interferencias, o servizo de transporte de viaxeiros existente entre as dúas beiras do río Miño, o Xacobeo Transfer que empregan peregrinos e visitantes.
En relación coa duración das obras, a conselleira sinalou que o prazo de execución previsto é de tres meses, tralos que a instalación quedará plenamente operativa para a prestación do servizo de traslado de pasaxeiros entre os dous lados do río en condicións óptimas e tendo corrixido tamén eses posibles riscos para a navegación e para o medio ambiente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario