15 de set. de 2026

OPINIÓN

IV ROTEIRO DO SR. AFRANIO  


Vista das persoas que participaron no roteiro especial sobre Antón Alonso Ríos/Sr.Afranio por terras de Silleda
Fotos: Santiago Baz Lomba

Helena Pousa Ortega*

 Coa colaboración de Silleda Iniciativas Culturais (SIC) e á Concellaría de Cultura do Concello de Silleda preparamos un roteiro especial sobre Antón Alonso Ríos/Sr.Afranio por terras de Silleda. O percurso acomodouse en parte ao antigo camiño Nós por onde ían os arrieiros desde o Ribeiro a Santiago levar o viño.  

 A caza do grande raposo comeza en Tui desde o mesmo 26 de xullo de 1936. 

 Nun día de moita calor, comezamos o percorrido na serra do Candán. Desde o seu alto, cunha visión ao lonxe de 360º puidemos enxergar as terras de Forcarei, Lalín, Cortegada e Silleda. Alonso Ríos encontrou no Candán un refuxio para seguir vivo, mentres o perseguían os falanxistas de Tui que puxeran prezo á súa cabeza. No alto esperábannos Julián Castro (que elaborou o roteiro textual) e Moncho F. Leal (actor) disfrazado coa cabeza dunha raposa representando así a figura inesquecíbel do líder agrarista duramente perseguido polos sublevados na comarca do Baixo Miño, a quen chamaban “el gran zorro”. 

 Antón Alonso Ríos un dos grandes renovadores pedagóxicos da Galiza do s. XX. 

 Despois descemos ata Laro para coñecermos a Escola Rosalía de Castro fundada pola Sociedad Hijos de Silleda, que ao igual ca moitas outras sociedades de emigrados querían que a cultura chegase ás súas aldeas, e para iso sementaron con escolas modernas as terras do Deza, desde Silleda ata Bandeira, desde Laro ata Escuadro. Para Alonso Ríos, a escola tiña que espertar a conciencia dos nenos  para que non tivesen como única saída a emigración forzosa. Mentres se mantivese a ignorancia, o sistema caciquil seguiría existindo.  

 «A pedagoxía moderna ten que ser unha pedagoxía de acción: menos memoria e máis observación; menos teoría e máis vida». 

 «A escola non pode ser un cárcere de nenos, senón un fogar de luz onde se prepare o camiño para a liberdade». 

 Despois de pasarmos pola casa dun parente seu, onde parece que secretamente pasou unha noite antes de decidir abandonar Galiza e refuxiarse en Portugal, continuamos o camiño por medio de carballeiras, gozando da paisaxe non contaminada por eucaliptos coma noutras partes do noso país. Pasamos polos petróglifos de Penalonga, e de aí a Camporrapado, para achegarnos á casa-berce de Alonso Ríos.  


Casa-berce de Alonso Ríos
Placa en lembranza de Antón Alonso Ríos colocada na fachada da casa onde naceu


 Camporrapado era para el o centro do mundo.  

 Por alí pasaban os arrieiros que transportaban o viño desde o Ribeiro a Santiago. Na casa materna tiñan unha tenda, moi próxima ao ao campo da feira que se celebraba todos os meses. Neste ambiente de feiras e de labores agrarios Alonso sementou moitas ideas que logo defendeu como líder agrario, especialmente a loita contra os foros. «O foro é a soga que aperta o pescozo do noso labrego» 

 Desde a casa puidemos contemplar outro monte clave na vida de Alonso Ríos, o monte Chamor (819 m), nome que lle puxo a un dos seus fillos. Alí ao pé da súa casa, gozamos da natureza  tranquila, da paisaxe que moito botaba de menos cando estivo na emigración e no exilio. 


Moncho F. Leal

 E alí na porta da súa casa, Alonso Ríos -representado por Moncho F. Leal- despediuse dos camiñantes que o acompañamos. Foi un roteiro homenaxe a este grande pedagogo e líder agrarista que dirixiu xunto con outros líderes destacados a defensa de Tui e o resto do Baixo Miño contra o ataque do exército sublevado. Con esta camiñada fomos ligando con fíos invisíbeis Tomiño e Silleda.  Vale a pena repetir este fermoso percorrido ideado por Silleda Iniciativas Culturais. As persoas que acompañamos camiñando a Alonso Ríos/Sr.Afranio fomos xuntando na memoria os días da infancia cos días tráxicos da súa fuxida por diferentes comarcas galegas para librarse das gadoupas da morte. Unha experiencia única! 

* Presidenta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña

Ningún comentario:

Publicar un comentario