30 de mar. de 2023

A GUARDA

Piueiro rescata a Feliciano Rolán ao impulsar a versión en galego do seu poemario “De mar a mar”  

• A Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, presentará o próximo 1 de abril ás 12:00 h., nos Xardíns de Feliciano Rolán, a edición bilingüe de “De mar a mar”, o poemario que Feliciano Rolán publicou en castelán en 1934. 

• O libro, editado por Alvarellos, debe a súa nova versión ao tradutor Anxo Angueira, ao empeño de Piueiro e ao apoio do Concello da Guarda e a secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.  



 

Mar Bermúdez / A Guarda

 Cando van cumprirse seis anos desde a súa fundación na Guarda, a Asociación Cultural Piueiro verá o próximo día 1 de abril  como se cumpre un dos seus soños máis prezados: a publicación en galego do poemario “De mar a mar, o libro do escritor Feliciano Rolán (Vigo, 1907 - A Guarda 1935) editado orixinariamente en Madrid en 1934.  

 Para este fito, a asociación contou co poeta e profesor Anxo Angueira, encargado de facer a tradución ao galego duns poemas que, no seu día, mereceron o eloxio de autores como Juan Ramón Jiménez, Federico García Lorca, Álvaro Cunqueiro ou Luís Seoane. A editorial Alvarellos, pola súa banda, deulle un espazo preferente na súa colección “Rescate”, onde Rolán coincide con Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Vicente Risco ou Álvaro Cunqueiro. 

 O poemario “De mar a mar. Poemas 1932-1933”, que quedou relativamente relegado tras a prematura morte do seu autor aos 27 anos, foi unha referencia para os membros da asociación guardesa, que sempre traballaron para difundir a obra, breve pero intensa, de Feliciano Rolán. E, concretamente, este libro de temática marítima, que casa tan ben co lugar onde viviu e, tristemente, faleceu o poeta.   


Celso Fariñas, Henrique Alvarellos e Joaquín Cadilla cos primeiros exemplares da publicación


 A presentación oficial desta edición bilingüe celebrarase o vindeiro sábado 1 de abril, ás 12:00 h., nos Xardíns de Feliciano Rolán - Paseo de Portugal, s/nº - fronte o Centro de Saúde de A Guarda (en caso de choiva será na Casa dos Alonso) e contará, entre os seus asistentes, con representantes das dúas institucións que fixeron posible este traballo: o Concello de A Guarda e a secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. 

 Xa en días precedentes - como vimos de informar  neste xornal dixital transfronteirizo - o presidente de Piueiro, Joaquín Cadilla, e o secretario da asociación, Celso Fariñas, achegáronse á editorial Alvarellos, en Santiago de Compostela, para gozar cos primeiros exemplares recentemente saídos de imprenta e que xa están ao dispor dos lectores. 

 A edición está especialmente coidada, xa que  aos poemas nos dous  idiomas une máis material de interese para o futuro lector.  Así, Gregorio Ferreiro Fente achega un ensaio que clarifica a obra de Rolán, achegándose imaxes, manuscritos e debuxos inéditos. Ademais, Celso R. Fariñas debulla a biografía literaria do autor, que termina de entenderse na súa totalidade cos testemuños de Ricardo Carvalho Calero e Carlos Martínez-Barbeito, quen coñeceu ao poeta que é agora homenaxeado por Piueiro.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario