O BNG REXEITA A IMPLANTACIÓN DA EÓLICA MARIÑA A MENOS DE 30 KM DA COSTA DE A GUARDA
Anxo Lois Baz Vicente (concelleiro portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello de A Guarda): “Non podemos consentir que as eléctricas se carguen a frota pesqueira e provoquen unha agresión ecolóxica e paisaxística de grandes dimensións nunha zona onde o turismo é un sector económico relevante”
Infogauda / A Guarda
O BNG leva a pleno este venres “o rexeitamento da instalación da eólica mariña a menos de 30 km de A Guarda”.
Os nacionalistas argumentan que “a eólica mariña e a defensa do sector pesqueiro non son compatíbeis, como se acreditou en Viana do Castelo, onde os mariñeiros denuncian que a zona quedou, literalmente, sen peixe, ou como se está demostrando co replantexamento que Noruega está a facer da eólica mariña pola grande afectación que está a ter sobre a súa pesca”.
“Somos plenamente conscientes da necesaria transición ecolóxica - afirman desde o BNG - pero ten que ser xusta e non a conta de destruír o medio ambiente e os recursos dos que vivimos”.
“Galiza duplica na actualidade os obxectivos marcados pola Unión Europa en produción de enerxías renovábeis para o 2030 e agora a maiores preténdese instalar no noso país o 43% da eólica mariña prevista para todo o Estado Español. Trátase de que as grandes eléctricas sigan facendo caixa cos nosos recursos deixando sen medio de vida á xente do mar”, denuncian os nacionalistas.
Anxo Lois Baz Vicente, portavoz municipal do BNG na Guarda afirmou: “Pretenden colocarlle a etiqueta de verde ao que simplemente é un proceso de espolio e colonización enerxética. Non podemos consentir que as eléctricas se carguen a frota pesqueira ademais de provocar unha agresión ecolóxica e paisaxística de grandes dimensións nunha zona onde o turismo é un sector económico relevante”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario