19 de set. de 2026

CULTURA

A historia de Tui «dende abaixo» chega a Randufe coa presentación de Tui 1900-1936  

•  A Casa Cultural de Randufe acollerá o sábado, 26 de setembro a presentación do ensaio histórico, a cargo dos seus autores, Carlos Méixome, Bieito Alonso e Xosé Ramón Paz


Portada do libro Tui 1900-1936

Ricardo Rodríguez Vicente/Tui

 A Casa Cultural de Randufe acollerá o vindeiro sábado, 26 de setembro, ás 19:30 horas, a presentación do libro Tui 1900-1936, un ensaio que se achega á historia da vila tudense durante as primeiras décadas do século XX desde unha perspectiva centrada nas clases populares.  

 A obra, da autoría de Carlos Méixome, Bieito Alonso e Xosé Ramón Paz, recupera unha parte da historia de Tui poñendo o foco en quen habitualmente ocupa un espazo secundario nos relatos históricos: os obreiros, os agraristas labregos e as mulleres de mandil. Unha mirada á sociedade tudense «dende abaixo» que pretende achegarse ás condicións de vida, ás loitas, ás inquedanzas e ás experiencias das clases máis humildes entre 1900 e 1936.  

 A presentación en Randufe forma parte do desexo dos tres autores de levar a obra ás parroquias, achegando esta perspectiva da historia local a diferentes lugares do municipio e facilitando que a veciñanza poida coñecer e reflexionar sobre o pasado máis próximo.

 Durante o acto, os autores ofrecerán unha breve conferencia sobre os contidos do libro e realizarase tamén unha pequena proxección audiovisual, concibida como apoio para comprender mellor a realidade social e histórica de Tui neste período.  

 A proposta pretende ser, polo tanto, algo máis ca unha presentación editorial: unha oportunidade para revisitar a historia de Tui desde a perspectiva das persoas que a viviron e a construíron, especialmente aquelas que durante moito tempo quedaron fóra dos grandes relatos.  

Presentación de Tui 1900-1936 

Sábado, 26 de setembro de 2026 

19:30 horas 

Casa Cultural de Randufe (Tui)

Autores e conferenciantes: Carlos Méixome, Bieito Alonso e Xosé Ramón Paz

Ningún comentario:

Publicar un comentario