2 de feb. de 2023

TOMIÑO

Alcaldes e alcaldesas de 13 concellos urxen á Xunta que declare a zona de Emerxencia polos cuantiosos danos causados polas inundacións 

 Piden unha partida orzamentaria excepcional para que administracións, empresas e veciñanza poidan afrontar as cuantiosas reparacións  

 Os trece rexedores e rexedoras lamentan que un mes despois da catástrofe a Xunta non visitase as zonas afectadas nin se interesase pola situación 


Alcaldesas e alcaldes nunha recente visita ao Espazo Fortaleza, de Goián (Tomiño)
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 Alcaldesas e alcaldes de trece concellos do sur da provincia de Pontevedra afectados polas inundacións sufridas o pasado Nadal e Aninovo urxen á Xunta de Galicia que declare o territorio como Zona de Emerxencia de Protección Civil e estableza medidas de apoio económico para asumir a rehabilitación dos municipios. 

 Xunto cando se cumpre un mes desta catástrofe, as rexedoras e rexedores da Cañiza, As Neves, Mondariz, Ponteareas, Salceda de Caselas, Tui, O Rosal, Tomiño, A Guarda, Baiona, Nigrán, Gondomar e Redondela enviaron unha carta conxunta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, amosando o seu malestar “por unha inexistente xestión por parte do executivo autonómico” ante as graves inundacións sufridas.  

 Unha “situación extrema para os concellos afectados e a súa veciñanza”, xa que a reparación do importante número de desperfectos ocasionados en instalacións, estradas, muros... municipais está a provocar un gasto extraordinario e urxente de atender, tamén para a poboación, debido a que temporais e choivas asolagaron numerosas propiedades privadas individuais ou de comunidades veciñais e instalacións de pequenas e medianas empresas.  

 Tras o elevado balance de estragos, os concellos afectados solicitan tamén á Xunta unha partida orzamentaria extraordinaria dada a excepcionalidade dos danos nestas comarcas, como o Plan Complementario de Axudas que se comprometeu a habilitar a Deputación de Pontevedra en canto a administración autonómica aplique a Lei de Emerxencias e declare a Emerxencia de Interese Galego nos municipios afectados. A posta en marcha desta partida excepcional por parte da Xunta non só permitiría aos concellos afectados afrontar os danos, “senón que beneficiaría tamén a milleiros de veciños e veciñas que teñen que recompoñer as súas vivendas e propiedades tras os estragos pola forza inusual da auga e a persoas autónomas e moitas pequenas e medianas empresas que viron danadas as súas instalacións, algo especialmente preocupante nun territorio cunha alta actividade agraria”. 

 As 13 alcaldesas e alcaldes lamentan que, despois de 30 días, ningún representante da Xunta de Galicia visitou a zona para coñecer a realidade nin fixo ningún tipo de contacto para interesarse polos danos sufridos nin pola integridade física das persoas afectadas nas zonas inundadas, “evidenciando unha gran falta de interese e empatía” pola veciñanza duns concellos que aglutinan arredor do 20% dos habitantes de toda a provincia de Pontevedra. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario