7 de feb. de 2023

PONTEVEDRA

A subdelegada do Goberno en Pontevedra presentou hoxe os datos do balance de seguridade viaria na provincia relativos ao ano 2022  

 Maica Larriba subliña que as estradas da provincia rexistraron o ano pasado a cifra máis baixa de vítimas mortais dos últimos catro anos 

  O ano pasado faleceron nas estradas pontevedresas 18 persoas, 7 delas no accidente de Cotobade 

A subdelegada sinalou os bos datos rexistrados durante o ano 2022, “que se ven empanados polo tráxico sinistro acontecido en Noiteboa, que deixa un sabor agridoce a este balance” 


Na súa comparecencia, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba - a esq. -,  estivo acompañada por Paula Yubero, xefa provincial da Dirección Xeral de Tráfico

Foto: S.de G.

Infogauda / Pontevedra

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presentou hoxe o balance de seguridade viaria da provincia relativo ao ano 2022. Durante a comparecencia estivo acompañada por Paula Yubero, xefa provincial da Dirección Xeral de Tráfico.  

 A subdelegada do Goberno cualificou o balance como “agridoce xa que aínda que os datos son bos en canto a vítimas mortais e o computo do número global de accidentes, temos que lamentar o tráxico sinistro de Noiteboa”. En total, as estradas da provincia rexistraron no 2022 18 vítimas mortais falecidas en accidentes de tráfico, 7 delas durante o sinistro de Cotobade. Maica Larriba salientou que este número “é o máis baixo dos últimos catro anos”. 

 Con respecto aos feridos graves, a cifra é de 87 persoas, igual á rexistrada en 2021. Por outra banda, a subdelegada explicou que “o número de sinistros nos que se rexistra algunha vítima —ben sexan feridos leves, graves ou falecidos— rexistrou un moi lixeiro ascenso con respecto aos anos 2020 e 2021”.  

 Maica Larriba sinalou tamén como dato positivo a redución do número de usuarios vulnerables no cómputo das vítimas mortais, xa que se ben o ano pasado foron 5 os usuarios vulnerables falecidos, esta cifra é inferior aos 7 de 2021 ou os 10 de 2019. É dicir, os usuarios vulnerables —peóns, ciclistas e motoristas— supuxeron no 2022 o 28 % das vítimas mortais en accidentes de tráfico, unha porcentaxe similar á do ano anterior, pero sensiblemente inferior á rexistrada en 2020 (38 %) e 2019 (41%). 

 Respecto ás causas dos accidentes con vítimas mortais, a subdelegada indicou que “as saídas de vías están detrás do 89 % dos sinistros mortais, mentres que a colisión frontal ou frontolateral é a segunda causa máis común, observándose nun 8 % dos casos”.  

 En relación a tipoloxía dos accidentes con falecidos, o 50 % das vítimas falecidas no 2022 eran os condutores, unha porcentaxe inferior á rexistrada no 2021, ano no que os condutores supuxeron o  72 % das vítimas mortais.  

 Por outra banda, a meirande parte dos accidentes mortais continúan a producirse entre as 07h e as 20h. Con todo, o accidente de Cotobade variou estatisticamente este horario, ampliándoo atas as 00h.  

 Atendendo o uso dos sistemas de seguridade, a subdelegada destacou que os 5 falecidos en moto facían uso do casco regulamentario. Con respecto  ao uso do cinto de seguridade e os sistemas de retención infantil, o 75 % das vítimas mortais tamén cumpría coa normativa.  

 En relación aos factores concorrentes nos accidentes con vítimas na provincia, Maica Larriba quixo advertir que “o exceso de velocidade está presente no 30,43 % dos sinistros, unha cifra case sete puntos por riba da media de Galicia”.  

 Non obstante, as distraccións ao volante só están presentes no 13 %  dos accidentes, cando no caso de Galicia esta porcentaxe elévase ao 23 %. Así mesmo, a presenza de alcol nos accidentes con vítimas tamén é dous puntos inferior na provincia con respecto a Galicia”. Neste sentido, a subdelegada informou de que “o 2,47 % das alcoholemias realizadas pola Garda Civil nas estradas da provincia foron positivas”. Unha cifra que ascende ao 55,96 % no casos dos controis de drogas.  

 No tocante aos controis que se realizan tras os accidentes, estes revelaron que o “5,79 % dos condutores consumiran alcol previamente, e un 22,8 % drogas”.   

Parque de vehículos e censo de condutores 

 Maica Larriba informou tamén do incremento de 1,4 puntos respecto ao 2021 rexistrado tanto no parque de vehículos da provincia como no censo de condutores. A este respecto, a subdelegada informou de que, na actualidade, 761.938 coches integran o censo de vehículos da provincia, sendo o 73,1 % turismos. Así mesmo, as persoas con licenza de condución alcanzan a cifra de 607.400.

Ningún comentario:

Publicar un comentario