6 de feb. de 2023

A GUARDA

A Corporación Municipal do Concello de A Guarda aprobou por unanimidade. unha moción do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE pedindo axuda para os danos das choivas 

Na proposición solicitan a declaración de Emerxencia para os concellos afectados polas borrascas e as fortes choivas. 

Costas do Estado farase cargo da reparación da pista entre O Codesal e A Armona.


O alcalde Antonio Lomba Baz coas concelleiras e concelleiros do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE, nunha das zonas afectadas polas fortes choivas rexistradas no pasado nadal, fin de ano e aninovo.
Foto: GMS

Infogauda / A Guarda 

 Na sesión plenaria ordinaria do mes de xaneiro, o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de A Guarda presentou unha moción na que se solicitan axudas para concellos, persoas e empresas polos danos ocasionados por motivo dos temporais e as choivas do pasado nadal, fin de ano e aninovo. 

 A devandita moción - que foi aprobada de xeito unánime, pola Corporación Municipal -, no seu apartado resolutivo insta ao presidente da Xunta de Galicia a que declare a Emerxencia de Interese Galego nos concellos afectados, e a que solicite ao Goberno do Estado a mesma declaración. Esta solicitude que se fai á Xunta de Galicia dende o Concello de A Guarda xa a teñen feito dende distintas instancias os alcaldes e alcaldesas das comarcas do sur de Galicia: do Baixo Miño, do Val Miñor e do Condado. 

 Desde o Goberno municipal indican: "Nunha primeira valoración o custo dos danos provocados polas choivas nos bens públicos no concello de A Guarda ascende a máis de medio millón de euros. Unha cantidade que, de ter que ser asumida polo concello, provocaría un importante desaxuste orzamentario difícil de asumir. 

 A solicitude dunha partida orzamentaria extraordinaria á Xunta ven a coincidir co compromiso da Deputación de Pontevedra de habilitar un Plan de Axudas aos concellos afectados polos temporais en canto o presidente da comunidade declare a Emerxencia de Interese Galego. 

 Dende o Concello de A Guarda tamén se quere trasladar a queixa de que ningún representante político da Xunta de Galicia visitou nin se interesou polos danos sufridos na localidade. Tendo en conta que algúns destes danos se produciron en lugares nos que a Xunta ten competencias, como o litoral do esteiro, que se atopa en zona de protección de Rede Natura ou o monte Santa Trega, en zona de protección arqueolóxica". 

 Por outra banda, desde o Executivo local indican que "o alcalde, Antonio Lomba Baz, estivo facendo xestións con a Xefatura Provincial de Costas do Estado para que asumira os danos que se produciron nas zonas da súa competencia. O dano máis importante foi o colapso da pista entre O Codesal e A Armona, cuxas obras de reparación serán asumidas por Costas e cuxa reparación comenzará en breve". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario