7 de feb. de 2023

PONTEVEDRA

A subdelegación do Goberno gardou un minuto de silencio en repulsa contra o asasinato machista de Beatriz Lijó Gesteira, asasinada pola súa exparella en Baiona  

 Maica Larriba amosa a súa repulsa polo último asasinato machista e lembra a todas as mulleres da provincia que non están soas  

• A subdelegada do Goberno presidiu esta mañá un minuto de silencio pola última vítima da violencia machista 

• A día de hoxe na provincia de Pontevedra contabilízanse 1.367 casos activos de violencia de xénero 


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta mañá o minuto de silencio convocado ás portas da Subdelegación do Goberno

Foto: S. de G.

Infogauda / Pontevedra

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta mañá o minuto de silencio convocado ás portas da Subdelegación do Goberno en lembranza da última vítima da violencia machista, Beatriz Lijó Gesteira, asasinada pola súa exparella na localidade de Baiona e que vén de ser recoñecida oficialmente como vítima de violencia de xénero. A subdelegada anunciou que Beatriz Lijó converteuse na vítima de violencia de xénero número 8 deste ano 2023 en todo o territorio nacional, e na primeira vítima galega no que vai de ano. Desde o 2003, cando se comezou a recompilar datos, xa son 1.190 as mulleres asasinadas por violencia de xénero. 

 Maica Larriba expresou a súa conmoción por este asasinato e lamentouse porque “unha vez máis a violencia machista acaba coa vida dunha muller”. Larriba quixo tamén trasladar todo o seu apoio a familiares e amizades, en especial, aos seus dous fillos menores, vítimas directas desta traxedia. No que vai de ano, o número de menores orfos por  violencia de xénero ascende a 13, e a 390 desde 2013.  

 A subdelegada lembrou que a violencia machista “é un problema social do que todos e todas somos corresponsables” e pediu a institucións, administracións e a toda a sociedade seguir loitando para evitar que se produzan novas mortes como esta. Neste sentido, quixo lembrar a todas as mulleres da provincia que “non están soas, xa que todas as mulleres e todos os homes de ben estamos con elas” e animou a todas as mulleres a denunciar calquera situación de violencia machista. Así mesmo, Maica Larriba recordou que o Ministerio de Igualdade, por medio da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, ten  a disposición da cidadanía o teléfono 016, as consultas en liña a través do enderezo electrónico 016-online@igualdad.gob.es e a canle do  WhatsApp no número 600 000 016, que funcionan as 24 horas, todos os días da semana.  

 No 016 pódese pedir asesoramento sobre os recursos dispoñibles e os dereitos das vítimas de violencia de xénero, así como asesoramento xurídico de 8 a 22 horas todos os días da semana, con atención en 52 idiomas e un servizo adaptado a posibles situacións de discapacidade.  

 Doutra banda, tamén informou de que nunha situación de emerxencia pódese chamar ao 112 ou aos teléfonos de emerxencias da Policía Nacional (091) e da Garda Civil (062). No caso de que non sexa posible realizar unha chamada e ante unha situación de perigo, pódese utilizar a aplicación  ALERTCOPS, desde a que se enviará un sinal de alerta á policía con xeolocalización. Estes medios de asistencia poden ser activados pola vítima e tamén por calquera persoa que coñeza ou sospeite dun caso de violencia de xénero. “É un deber de toda a sociedade facerlle fronte a esta lacra”, lembrou. 

 A día de hoxe, na provincia de Pontevedra hai 1.367 casos activos no Sistema de Seguimento de Violencia de Xénero, dos cales 1 está tipificado como de risco extremo e 26 como de risco alto.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario