27 de feb. de 2023

O BAIXO MIÑO / O CONDADO

A Xunta de Galicia ultima as obras de mellora de firme das estradas PO-399, entre Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas, e PO-552 en Oia, cun investimento de 223.000 €  

 No caso da estrada PO-399, os traballos están practicamente rematados, restando só reperfilar a cuneta e instalar a sinalización horizontal



A Xunta de Galicia está a ultimar as obras de mellora de firme das estradas PO-399, entre Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas, e PO-552 en Oia
Foto: X.G.


Infogauda / O Baixo Miño / O Condado

 A Xunta de Galicia está a ultimar as obras de mellora de firme das estradas PO-399, entre Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas, e PO-552 en Oia, que suporán un investimento de preto de 223.000 euros.

 No caso da estrada PO-399, os traballos están practicamente rematados, restando só reperfilar a cuneta e instalar a sinalización horizontal.

 En relación ás obras na PO-552 en Oia, xa se estendeu o firme e só faltan os traballos de drenaxe, cunetas e disposición de sinalización, polo que se prevén finalizar nas vindeiras semanas.

 As intervencións nas dúas vías consisten na rehabilitación da capa de rodadura naqueles puntos nos que o firme presente deterioros.

 Os traballos inclúen o fresado da capa de formigón existente para posteriormente proceder á rega de adherencia con emulsión termoadherente e ao estendido da capa de rodadura formada por 5 cm de formigón bituminoso.

 As actuacións tamén abranguen a construción de cunetas revestidas, a instalación de drenaxes para recoller a auga que poida acumularse baixo o firme e a disposición de sinalización.

 Estes proxectos teñen como obxectivo garantir a conservación das estradas autonómicas, reforzar a seguridade viaria e proporcionarlles aos cidadáns unhas vías eficientes e cómodas.

 A Xunta continúa intensificando a aposta pola conservación e a mellora da rede viaria, materia á que vén destinando máis de 50 M€ cada ano, para desenvolver medidas como o Plan de reforzos de firme, entre outras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario