7 de feb. de 2023

MAR

A Xunta de Galicia amplía en máis de 130 quilómetros a superficie destinada á extracción de mexilla no litoral de Galicia  

 Esta medida enmárcase dentro dun paquete de actuacións posto en marcha pola Consellería do Mar para paliar a escaseza de semente deste molusco bivalvo nas costas da comunidade


Bateas de mexillóns
Foto: X.G.

Infogauda / Vilagarcía de Arousa

 O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, mantivo hoxe un encontro cos representantes das principais asociacións de produtores de mexillón de Galicia no que lle trasladou que a Xunta vai ampliar en máis de 130 quilómetros a superficie destinada á extracción de mexilla -semente de mexillón- no litoral de Galicia.

 O representante da Consellería do Mar detallou que esta medida está enmarcada nun paquete de actuacións posto en marcha polo Executivo galego para paliar a escaseza de cría deste molusco bivalvo nas costas da comunidade autónoma e facilitar o labor dos bateeiros para a súa obtención.

 Nesta liña, a Xunta vai habilitar de xeito inminente arredor de 120 quilómetros de superficie para a extracción de semente en espazos portuarios (tanto autonómicos como dependentes das autoridades portuarias) nos que hai constancia da presenza da especie que pode ser explotada sempre que esa recollida -previa solicitude a Portos de Galicia ou ás autoridades portuarias- non interfira na actividade dos peiraos nin supoña un risco en materia de seguridade.

 O Executivo galego estende ademais as áreas autorizadas para a extracción de mexilla en Aguiño (Ribeira), Baiona, Bueu, Cangas e O Grove de forma que, só na provincia de Pontevedra se autoriza a actividade no 30% dos espazos que ata agora permanecían pechados. De feito, trátase de zonas que o propio sector mexilloeiro sinalou historicamente como importantes bancos de produción de mexilla e que suman máis de 12 quilómetros de costa. Entre estas e as áreas habilitadas nos portos, os produtores de mexillón gañan uns espazos adicionais para a recollida que suman por si mesmos máis superficie que o conxunto das zonas reservadas á explotación exclusiva de percebe.

 Estas medidas, que se aplicarán o antes posible unha vez completados os trámites pertinentes, foron adoptadas froito dunha análise exhaustiva da situación dos distintos recursos -tanto da cría do mexillón como do percebe-, da avaliación do impacto socioeconómico que estas decisións poden ter para ambas partes e do diálogo permanente e intenso tanto cos representantes do sector mexilloeiro como coas confrarías de pescadores.

 Precisamente, consciente de que o problema da escaseza de mexilla e da súa debilidade á hora de fixarse debe abordarse tamén a medio e longo prazo, a Xunta traballa nun plan de longo percorrido que inclúe unha ducia de accións en distintos eidos como investigacións para mellorar a captación ou a produción de semente. O obxectivo é coñecer mellor a abundancia de cría existente nas costas galegas, avanzar na súa captación e impulsar a súa produción en criadeiros.

 Nestes momentos, explicou o director xeral de Pesca, Galicia ten en marcha arredor dunha decena de proxectos de investigación nestes eidos por un importe que rolda os 2 millóns de euros, unha mostra do compromiso do Executivo galego coa busca de alternativas para abastecer de mexilla aos produtores de mexillón e reducir a súa dependencia do recurso procedente dos bancos naturais.

Iniciativas en marcha

 Entre as accións en marcha hai dúas que suman un importe de máis de 800.000 euros centradas no estudo da abundancia de cría no medio. Unha delas, realizada polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e polo Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), está centrada na análise das poboacións de semente no litoral, mentres que a outra -da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o CIMA- emprega drons para a toma de datos e analizar a presenza da especie nas rochas.

 Co obxectivo de reforzar o coñecemento sobre a abundancia deste recurso e a súa fixación, a Xunta está a desenvolver outras tres accións que suman 700.000 euros. A primeira delas analiza a influencia da presenza larvaria na minoración do tamaño do mexillón producido nas bateas -impulsada polo CIMA e a Universidade de Santiago de Compostela-, mentres que a segunda aborda a fixación da mexilla nas estruturas colectoras en función das condicións meteorolóxicas e oceanográficas. Nela participan o CIMA, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e o propio sector mitilicultor.

 A maiores estase a traballar nunha aplicación dixital para a tramitación das autorizacións, a alta e baixa das persoas autorizadas ou a emisión automática dos documentos de transporte e inmersión. Esta nova ferramenta contribuirá a ter mellores datos sobre a extracción e produción de semente, un eido no que tanto a Administración como o sector coinciden en que é necesario avanzar para facer unha mellor xestión do recurso.  

 En canto á mellora dos medios de captación, a Xunta ten en marcha distintas medidas que suman preto de 700.000 euros como un proxecto para a colocación de diferentes elementos para a captación de mexilla no medio -impulsada polo CIMA e o Cetmar- ou os estudos da Consellería do Mar para producila en hatchery, unha fórmula que xa permitiu o traslado de distintas partidas ás bateas e na que se traballa para seleccionar reprodutores de crecemento rápido e resistencia a condicións ambientais adversas para aumentar a produción.

 Antonio Basanta explicou que a Xunta está a avaliar tamén cambios na lonxitude das cordas colectoras das bateas, no seu número e no período de colocación así como avanzar na posta a disposición de novos elementos para a captación de mexilla. Ao mesmo tempo, incidiu na importancia de mellorar a eficiencia e a eficacia no uso da semente e o rendemento económico da mesma, para o que indicou que os profesionais do sector mexilloeiro poden recorrer ao asesoramento do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dependente da Consellería do Mar, co fin de optimizar o seu aproveitamento. De feito, está previsto deseñar cursos dirixidos especificamente aos bateeiros para avanzar neste eido.

Ningún comentario:

Publicar un comentario