27 de xan. de 2023

O ROSAL

O Concello inicia as obras de transformación da contorna do Calvario  

 Cun investimento de case 170.000 euros, os traballos mellorarán a accesibilidade e permitirá dispoñer de aparcamentos máis eficientes e seguir recuperando espazos  


Tras a transformación da Praza do Calvario, estes días comezaron as obras de reforma das rúas da contorna
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal 

 O Concello do Rosal segue traballando para converter o núcleo urbano do municipio nun espazo de calidade, inclusivo e accesible no que as persoas sexan o centro. Tras a transformación da Praza do Calvario, estes días comezaron as obras de reforma das rúas da contorna, un proxecto co que o Goberno municipal procura “seguir recuperando o centro da nosa actividade económica, social e de convivencia e transformando O Rosal nun municipio amable e cómodo para a veciñanza”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 

 Con estes traballos, o Concello mellorará o pavimento e recuperará espazo nas rúas da contorna, incorporando bandas de estacionamento acompañadas de espazos verdes “que darán calidade espacial, ofrecerán sombra e servirán ademais para captar carbono. Deste xeito disporemos de aparcamentos máis eficientes e beirarrúas máis accesibles incorporando os criterios de calidade urbana, seguridade e melloras ambientais que xa se aplicaron na transformación da propia Praza do Calvario”. 

 Cun investimento de case 170.000 euros e tres meses de execución, as obras implicarán actuacións nas rúas Manuel Suárez Marquier, Cabaqueiros e no tramo da rúa Simón do Mazo que conecta ambas, ademais de na Travesía Simón do Mazo na contorna do pavillón, na rúa Pascuala dende o cruce coa rúa Paraíso ata a rúa do Couso no cruce con Jesús Noya e na rúa Nova do Couso ata a súa intersección coa Travesía do Couso.  

 “Con estas obras continuamos dotando a contorna do Calvario dos espazos que a veciñanza se merece. Gozamos dunha praza renovada, dunha zona urbana e comercial revitalizada a través dun deseño unitario, atractivo e dinámico que nos permite poñer en valor a historia da nosa vila e o noso patrimonio, e con estes novos traballos seguimos dando pasos para crear lugares de estancia, convivencia e lecer de alta calidade”,  explica a rexedora.

Ningún comentario:

Publicar un comentario