22 de out. de 2026

TOMIÑO

O PSOE DE TOMIÑO DESTAPA O "CERO ABSOLUTO" DA XUNTA NOS ORZAMENTOS DE 2027 

• E acusa a Lara Meneses de enganar os veciños e de non defender ao seu pobo en Santiago 


Violeta de Santiago Moure, voceira do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Tomiño amosa un cartel co seguinte texto: Orzamento do PP da Xunta de Galicia 2027. Instituto de Tomiño. 0  €
Foto: GMS

Infogauda/Tomiño 

 O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Tomiño, a través da súa voceira Violeta de Santiago Moure, cualificou de "parálise sistemática" o proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2027. 

 Tras analizar o documento oficial de investimentos territorializados, os socialistas denuncian que "o PP autonómico volve deixar a Tomiño cun saldo de cero euros directos en todas as áreas esenciais, deitando por terra o desenvolvemento do municipio". 

 "Tomiño leva sumido nunha parálise total dende que o Partido Popular volveu á Xunta de Galicia da man de Feijóo. Son case dúas décadas perdidas onde o PP goberna a base de autoritarismo e desleixo, esquecéndose sistematicamente do noso concello ano tras ano", criticou con dureza Violeta de Santiago. 

 A voceira socialista cargou directamente contra a dirección local do partido conservador: "Hai escasos días viamos á presidenta do PP de Tomiño, Lara Meneses, saír na prensa reclamando de présa e correndo beirarrúas e sendas peonís para a nosa vila; pero a realidade oficial dos papeis demostra que as súas peticións son un cero absoluto en Santiago. Non teñen peso político ningún e demostran ser un cero á esquerda á hora de defender o seu propio pobo nos despachos da capital, malia que ela teña un cargo alí". 

 Dende o PSOE lembran que "proxectos estratéxicos como a ampliación do IES Antón Alonso Ríos seguen sen un só euro consignado dende o ano 2019, malia ser unha infraestrutura comprometida e prometida de novo polo PP de Tomiño no 2023. Un abandono sistemático que se repite co histórico bloqueo do colector de Sobrada, unha obra necesaria para o impulso do saneamento do concello que xa contaba con proxecto aprobado en tempos do goberno socialista de Touriño e que a dereita meteu nun caixón". 

 Os socialistas cualifican de "triste e indignante" a situación das comunicacións na estrada PO-344 ao seu paso por Barro, Hospital e Tebra, así como os accesos de Carregal na estrada PO-552. "Unhas melloras de seguridade viaria que os veciños e veciñas levan anos reclamando na rúa, as cales os socialistas presentamos iniciativas no Parlamento galego sendo votadas en contra polo Partido Popular, e que agora o PP de Lara Meneses tenta mercar de xeito oportunista como se fosen ideas delas. Un exercicio de propaganda que se suma ao do polígono agriforestal fantasma que o PP prometeu no 2023 e do que hoxe non hai absolutamente nada feito. A este desleixo súmase o esquecemento ambiental ante a praga de moscas ou o sangrante estancamento da concentración parcelaria de Goián, Figueiró e Estás, bloqueada dende hai décadas polo Partido Popular. Deste xeito, as necesidades e os proxectos estruturais acumúlanse ano a ano nas parroquias sen un só movemento de investimento real pola Xunta, sumando promesas incumpridas e un desprezo absoluto cara aos veciños e veciñas de Tomiño". 

 Ante esta parálise, o Grupo Municipal Socialista confirma o envío e que rexistrarán enmendas aos orzamentos tal e como levan feito dende hai moitos anos "para esixir formalmente que a Xunta financie de inmediato as infraestruturas que Tomiño necesita para saír do seu estancamento histórico". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario