27 de xan. de 2023

DEPORTES

O Mecalia Atlético Guardés ilusiónase co debut copeiro en Tenerife 

 O equipo miñoto busca o pase á fase final da Copa da Raíña na pista do Saúde Tenerife, de División de Honra Ouro (sábado, 20:30, hora canaria) 

 O conxunto de A Guarda é o vixente subcampión dunha competición na que busca revitalizarse 

 A expedición viaxará en avión desde Santiago ás 6:15 horas do propio sábado 


O Mecalia Atlético Guardés debutará mañá sábado. na Copa da Raíña 2023
Foto: M.A.G.

Infogauda / Redacción

 No deporte, como na vida, sempre xorden retos novos cos que ilusionarse. Desquites para reverter situacións. Motivacións para seguir adiante. É o caso do Mecalia Atlético Guardés esta semana, co debut na Copa da Raíña 2023. Tras quedar exento da primeira rolda pola súa condición de equipo europeo, a escuadra miñota estréase nesta segunda, que dá acceso á fase final. Faio este sábado (20:30, hora insular; 21:30, hora peninsular) na pista de Santa Cruz de Tenerife, de División de Honra Ouro. É dicir, da segunda categoría.  

 Por esta eliminatoria a partido único a domicilio, pasan as opcións do equipo de A Guarda de estar na décima das últimas once fases finais. Dito doutro xeito: pasan as súas opcións de seguir sendo un fixo na resolución do torneo do KO. É o primeiro paso para tratar de brillar outra vez, tal como fixo o curso pasado, alcanzando a primeira final de Copa do balonmán de mulleres en Galicia, en Donostia, tras bater na súa casa ao Bera Bera, vixente campión de Liga, actual líder e máximo favorito a gañar aquel título. O tremendo esforzo pasou factura na final do día seguinte, onde o Málaga aproveitou para levantar o trofeo.  

 Meses despois, o Mecalia Atlético Guardés volve estar no punto de partida. Como o equipo malagueño será o anfitrión da fase final este ano, xa tiña o seu billete asegurado. A Federación decidiu outorgar a praza do campión ao Bera Bera por gañar a liga e non ao club miñoto como subcampión, tal como indica a lóxica. Todo iso xa quedou atrás. Agora toca competir.  

 E con esa idea viaxará á illa o equipo de Abel González. O pau de perder en Granollers foi duro, pero o deporte non che permite tempo para lamentacións. Hai que levantarse e a Copa é un escenario perfecto e ilusionante para iso. A expedición partirá de A Guarda ás 3:00 da madrugada do sábado, para voar desde Santiago ás 6:15 horas. Regresará o domingo pola mañá. Á marxe de Júlia Nuez, que se segue recuperando, e Ángela Nieto, con problemas de xeonllo, viaxará todo o persoal á illa.  

 En fronte estará un equipo da segunda categoría do balonmán español, que nada ten que perder. É certo que, aínda que é un recentemente descendido, ocupa a novena praza, na parte baixa da táboa. Pero é posible que iso o volva máis perigoso aínda. As ganas de quitarse o mal sabor de boca ligueiro compárteas co Mecalia Atlético Guardés, polo que a dificultade que iso entraña, engadida ás ganas de regalar unha vitoria de moito prestixio á súa afección, convidan á precaución. Sen confianzas.  

 A idea do conxunto miñoto é callar un partido serio e obter o pase a unha fase final que se disputará no pavillón Martín Carpena, de Málaga, os días 21, 22 e 23 de abril. E, de paso, recuperar as sensacións positivas da semana anterior, nas que se superou, precisamente, ao conxunto costasoleño a domicilio e ao H71 das Illas Feroe nos oitavos de final da Copa Europea. Esa é a senda pola que quere transitar o Mecalia Atlético Guardés na segunda metade da tempada. 

Ligazón a canle de YouTube do Balonmano Salud Tenerife, no que poderase ollar o encontro do Mecalia Atlético Guardés, deste sábado día 28 de xaneiro de 2023.

Ningún comentario:

Publicar un comentario