25 de out. de 2026

A GUARDA

O Club de Remo Robaleira recupera a tradición das marcas mariñeiras da Guarda para construír a súa identidade  

• A entidade presentou a súa nova marca, inspirada nos símbolos cos que os antigos pescadores identificaban as súas pertenzas, nunha xornada festiva que tivo o magosto como protagonista.


Antón Ferreira Lorenzo nun momento da súa intervención no acto de presentación da nova marca do Club de Remo Robaleira
Fotos: Laura Castro Pérez

Vista da asistencia do público á presentación da marca do Club de Remo Robaleira

Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda

 O Club de Remo Robaleira presentou na tarde deste sábado, 24 de outubro, a súa nova marca identificativa, inspirada nas tradicionais marcas mariñeiras da Guarda, nun acto - que contou coa participación do etnógrafo e xornalista Antón Ferreira Lorenzo, autor, entre outras, das seguintes publicacións: As marcas dos mariñeiros da Guarda (1995); Guía del monte de Santa Trega y su museo (en unión de Luis Dorado Senra) (1998, 2ª ed.); Guía didáctica do monte Santa Trega; Útiles e aparellos do Museo do Mar da Guarda; amén do poemario titulado: Ondas do noso mar), todas elas editadas por ANABAM-celebrado na sede da entidade que se converteu no momento central do magosto organizado polo club. 

 

A marca da Club de Remo Robaleira xa é unha realidade
Marca do Club de Remo Robaleira

 A nova identidade - deseñada por Antonio Rodríguez Rodríguez, presidente do Club de Remo Robaleira - nace cunha clara vocación de homenaxe á memoria mariñeira da vila e ás xeracións de pescadores que fixeron do mar o seu medio de vida. Durante décadas, as familias mariñeiras da Guarda empregaron símbolos propios, compostos por combinacións de liñas rectas, cruces e frechas, para identificar as súas pertenzas e diferencialas das doutras persoas nun espazo de traballo compartido.

 Estas marcas, gravadas tradicionalmente a lume ou a coitelo en embarcacións, aparellos, remos e portas das casas, constituían auténticos sinais de identidade familiar que se transmitían de xeración en xeración. Máis alá da súa función práctica, convertéronse nunha expresión da cultura mariñeira local e nunha pegada da historia colectiva da Guarda.  

 Con esta iniciativa, o Club de Remo Robaleira quere facer seu ese legado e incorporalo á identidade dunha entidade que conta con case 40 anos de traxectoria. A partir de agora, a nova marca identificará o material do club e pasará a formar parte dos seus sinais distintivos, unindo a tradición do mar coa práctica deportiva e coa historia da comunidade da que forma parte.

Unha celebración arredor da cultura e da convivencia  

 A presentación foi o acto central dunha xornada festiva organizada arredor do magosto do club, que reuniu actividades gastronómicas, propostas para os máis pequenos e música tradicional nos arredores da súa sede.  

 As persoas asistentes puideron gozar de castañas asadas, chourizo no pan, gofres e filloas, nunha celebración pensada para compartir a festa e favorecer a convivencia arredor da entidade deportiva. A programación incluíu tamén unha actividade de pintacaras para os nenos e nenas, así como música tradicional, que contribuíu a crear un ambiente festivo e vencellado ás tradicións populares galegas.  

 Deste xeito, o Club de Remo Robaleira aproveitou unha celebración de carácter popular para dar a coñecer unha iniciativa que vai máis alá do ámbito deportivo. A recuperación das marcas mariñeiras sitúa no centro a memoria das familias pescadoras e reivindica o valor dun patrimonio cultural que forma parte da identidade da Guarda.

 A nova marca representa así a vontade do club de seguir construíndo o seu futuro sen perder de vista as súas raíces, mantendo vivo o vínculo entre o remo, o mar e a historia dunha vila profundamente ligada á actividade mariñeira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario