O Centro Galego de Barcelona rende homenaxe a Suso Vaamonde, a voz e a memoria viva da música galega
• Este sábado, 24 de outubro, ás 18:00 horas, da man e da voz do músico e cantautor Tino Baz.
Ricardo Rodríguez Vicente
O histórico Centro Galego de Barcelona acollerá este sábado, 24 de outubro, ás 18:00 horas, un concerto homenaxe a Suso Vaamonde da man do músico Tino Baz. A cita terá lugar na emblemática sede da Rambla dels Caputxins, número 35, un espazo que desde o ano 1892 leva dándolle acubillo, alento e vida á diáspora da nosa Terra.
Esta xornada cultural convértese nunha ponte emocional entre Galicia e Cataluña para lembrar a unha das figuras máis xigantescas do noso patrimonio sonoro. Suso Vaamonde, inmenso cantor e referencia histórica imprescindible da nosa música, será o gran protagonista dunha tarde cargada de simbolismo, respecto e ledicia compartida.
Un concerto para invocar o "Merlo do mencer"
Definido por Miguel Boo como "A voz do trebón" e polo poeta Manuel María como o "Merlo do mencer", Vaamonde representa o cantor oceánico: aquel capaz de conxugar unha voz única cunha profundidade conceptual que marcou a toda unha xeración. O seu legado non é pasado, senón un maxisterio e unha luz permanente que segue alumeando o camiño dos novos creadores galegos.
O encargado de dar vida e voz a este tributo será Tino Baz, un artista que comparte esa mesma sensibilidade pola raíz e que viaxa hoxe camiño de Barcelona para fiar, a través da súa guitarra e do seu canto, o fío invisible da nosa memoria viva.
Será, sen dúbida, un encontro imprescindible para a comunidade galega en Cataluña e para calquera amante da música con alma, onde o recordo de Suso Vaamonde volverá soar con máis forza ca nunca no corazón das Ramblas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario