30 de xan. de 2023

A GUARDA

A Guarda inaugurou o pavillón municipal da Sangriña  

• O acto celebrouse o pasado sábado contando coa participación de máis de 400 persoas. 

• O proxecto da reforma e ampliación do pavillón da Sangriña supuxo un investimento duns 1.870.000 euros. 


O alcalde do Concello de A Guarda nun momento da súa intervención no acto de inauguración das obras de ampliación e reforma do pavillón municipal da Sangriña

Fotos. C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 Como xa informamos oportunamente, o Concello de A Guarda realizou o pasado sábado día 28 de xaneiro a inauguración oficial das obras de reforma e ampliación do pavillón deportivo municipal da Sangriña, nun acto especial que estivo dirixido pola comunicadora guardesa Beti Rey, e que contou coa asistencia da subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o deputado de Deportes, Gorka Gómez; o delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades; o alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a concelleira de Deportes, Mª Montserrat Magallanes e membros da Corporación Municipal e demais convidados.  

 O acto contou con varias actuacións da Escola de Danza Attitude e da Escola de Danza Dansá, respectivamenmte, e, por primeira vez na Guarda, actuación da compañía de performances de Pablo Méndez.  

 Antonio Lomba, alcalde de A Guarda, agradeceu o apoio das diferentes administracións que fixeron posible que estas obras chegasen a bo porto coas súas achegas económicas, así coma aos diferentes partidos da corporación municipal, levando a cabo un proxecto de gran envergadura en tempo récord, para que A Guarda conte en menos dun ano cunhas instalacións dignas, seguras e accesibles, acorde coas necesidades do deporte guardés e que permitirán a realización de diferentes actividades, non só deportivas ou escolares, senón tamén culturais e grandes eventos.  

 O proxecto da reforma e ampliación do pavillón da Sangriña supuxo un investimento duns 1.870.000 euros, que permitiu ampliar e modernizar todas as instalacións desa infraestrutura deportiva.

Ningún comentario:

Publicar un comentario