28 de xan. de 2023

A GUARDA

Esta tarde na Guarda  

Maica Larriba destaca a reforma integral e a ampliación do pavillón deportivo municipal da Sangriña, como exemplo da dimensión social do Plan de Recuperación  

• O MITMA destinou case 400.000 euros a cofinacniar este proxecto a través do PIREP Local


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, o Secretario Xeral para o Deporte, a presidenta da Deputación de Pontevedra, e o delegado da Zona Franca, co alcalde de A Guarda, e membros da Corporación Municipal, no acto de inauguración oficial das obras de rehabilitación integral e ampliación do pavillón deportivo municipal da Sangriña
Fotos: C.A.G.




Infogauda / A Guarda

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, subliñou hoxe a dimensión social que está a ter o Plan de Recuperación do Goberno a través do impulso á mellora dos servizos públicos municipais, que se exemplifica nos 385.754 euros que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) lle concedeu ao Concello de A Guarda para cofinanciar a rehabilitación integral e a ampliación do pavillón deportivo municipal da Sangriña, no marco do Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos para Entidades Locais (PIREP Local).   

 A subdelegada participou hoxe na inauguración das obras e puxo como exemplo á localidade pontevedresa de como “o Plan de Recuperación chega a todo o territorio para mellorar a calidade de vida dos cidadáns”. “O PIREP Local é unha mostra do esforzo do Goberno para apoiar as principais demandas dos concellos”, incidiu, ao tempo que aclarou que “digan o que digan algúns os fondos europeos están chegando a toda Galicia con moita forza”. Nesta liña, recordou que máis da metade dos preto de 2.000 millóns de euros do Plan de Recuperación que o Goberno xa despregou en Galicia están sendo directamente xestionados pola Xunta a quen lle reclamou “traballo e dilixencia” na súa tramitación “para que esta oportunidade única siga chegando a toda a cidadanía”.   

 A subdelegada sinalou que “o da Sangriña é un dos 17 proxectos que o Goberno financia a través do PIREP Local na provincia de Pontevedra, cun investimento total de 12,1 millóns de euros dos 27 millóns concedidos a Galicia”. “Ademais, Pontevedra é a terceira provincia de España que máis proxectos vai sacar adiante no marco deste programa, con doúas actuacións concedidas á Deputación e 15 a concellos, polo que se beneficiarán de maneira directa case medio millón de habitantes da provincia”.  

 Maica Larriba indicou que a remodelación integral da Sangriña “suporá un antes e un despois para este edificio público, emblema da localidade”, lembrando que “é unha das dotacións deportivas máis importantes de toda a provincia e de Galicia, casa do Mecalia Guardés, o club feminino de balonmán de referencia que segue levando con orgullo o nome da Guarda por toda Europa”.  

 Finalmente, a subdelegada puxo esta actuación como “exemplo de colaboración entre administracións” e subliñou que o proxecto ten nome e apelido, o do alcalde, Antonio Lomba, a quen lle deu os parabéns pola “magnífica xestión e traballo incansable para facer realidade esta ambiciosa ampliación que dá resposta a unha vella demanda da cidadanía deste municipio”. “Es un exemplo de alcalde que demostra o seu compromiso político e a súa capacidade para buscar fondos en todas as administracións cando se trata de mellorar os servizos públicos”, engadiu.    

Ningún comentario:

Publicar un comentario