2 de maio de 2022

A GUARDA

HOMENAXE PÓSTUMA A MIGUEL ÁNGEL SOBRINO BLANCO

O vindeiro sábado día 7 de maio pola tarde


Miguel Ángel Sobrino Blanco
Foto: Cedida

Infogauda / A Guarda

 Despois do seu falecemento en Honduras en datas pasadas, e trala chegada a nosa localidade das súas cinzas; levaránse a cabo diversos actos en homenaxe a Miguel Ángel Sobrino Blanco - mais coñecido popularmente como Miguel Blanco -, organizados por familiares, amigos/as e compañeiros/as.

 A devandita homenaxe vai ter lugar o vindeiro sábado día 7 de maio, ás 17:00 horas na igrexa parroquial de A Guarda, onde será oficiada unha misa funeral. 

 Nesa mesma data, a partir das 17:45-18:00 horas, no cemiterio de A Guarda, terá lugar un acto civil, nos que intervirán distintas persoas que transmitirán o seu pensamento e sentimento sobre Miguel Blanco na súa participación en distintas facetas da súa vida social, educativa e persoal. 

 Súas cinzas serán depositadas na campa familiar de seus avós maternos por expreso desexo do falecido. 

 Para calquera información complementaria, podedes comunicarvos con Eloi Gómez Mariño “Cuco” no teléfono: 659 939 574

A GUARDA

“GRAZAS, TELEVISIÓN DE GALICIA” 


Celso R. Fariñas
Foto: Infogauda 

 Non imos a usar o nome rimbombante de Consorcio nin “outras titulacións” que de xeito popular recibe dos “galeguiños de a pé” (non das dúas “pe” repetidas). 

 Tampouco queremos referirnos a cantidade de grandes profesionais que traballan nese medio, e que a veces teñen que usar pinzas para que non se lles estrague o olfacto. 

 Nós non sabemos cales serían os custos de facer ese traballo, pero estamos seguros que en cousas de menos importancia se ten gastado moito máis diñeiro que no que se precisaría nun evento de tal magnitude. 

 Quédaselle a boca chea cando falan de deporte e da paridade cas mulleres, pero todo se lles queda no discurso. A realidade, está a vista dos feitos. 

 Sabemos que A Guarda é unha vila pequena e que ten menos de 10.000 habitantes, pero saiban que moitas localidades que nos quintuplican en habitantes, non dispoñen de tanto entramado cultural, social e deportivo que este pobo. A cantos non lles gustaría ter cando menos o mesmo que nós?. 

 Para mostra, un botón. Dous equipos femeninos, un en cadetes e outro na máxima categoría (na elite) disputaban un Campionato de España. 

 Sirva tamén este texto para transmitir nosos parabéns pola Bandeira lograda polo Clube de Remo “ROBALEIRA” no Campionato de España de bateis, as xogadoras de MECALIA, polo esforzo feito na Copa da Raíña de Balonmán, ambas as dúas en Euskadi. Estas formacións deportivas merecen un aplauso colectivo do pobo guardés, e así o están recibindo. 

 O Clube MECALIA-ATLÉTICO GUARDÉS, marca un fito na historia do balonmano femenino galego ao clasificarse para xogar a final, e pasa desapercibido na programación da TVG. De vergonza, por non usar verbas máis fortes. 

 Non queremos facer comentarios da programación dese día, pero un pequeno análise do que transmitían a hora en que se xogaron as eliminatorias e a final, non creemos que fixeran aumentar a audiencia nín crearan máis afección a outras actividades deportivas. 

 Non vale que vivan perto de nós algunhas das autoridades de maior peso no eido deportivo galego, si non actúan e conquiren resultados en feitos desta transcendencia, salvo que nos seus soños diarios vexan como todos os días gañamos títulos e medallas en todas as categorías e especialidades deportivas.  

 A proeza das mulleres do equipo de balonmán deste pobo, súa directiva, seus seguidores e o pobo en xeral, estamos máis que contentos co esforzo feito, dadas as características da nosa vila, codeándose con equipos de grandes cidades e capitales de provincia.   

 Dende CONVERXENCIA GALEGA, creemos que esta situación non debería volver a repetirse con ningún equipo de calquer especialidade deportiva de calquer pobo da xeografía galega. Iso sería potenciar o deporte en xeral, tanto en homes como mulleres, o resto son “folcloradas” e moito ocupar espazo nos medios informativos a traverso de moita “foto” sin respaldo nin axuda aos clubes, especialmente das localidades mais pequeñas. 

A Guarda, a 02 de maio de 2022    


Celso R. Fariñas 

Concelleiro de CONVERXENCIA GALEGA

A GUARDA

Inauguración da exposición coas fotos presentadas ao concurso realizado con motivo do Día Mundial da Auga   

Todas as fotografías están expostas na Casa dos Alonso


Fotos presentadas ao concurso

O alcalde Antonio Lomba e a concelleira Fátima Rodríguez, no momento da entrega dos premios
Fotos: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda vén de facer público no día de hoxe, 2 de maio de 2022, que "o día 8 de marzo o Consello Climático Asesor Xuvenil de A Guarda convocou un concurso de fotografía en colaboración co Concello da Guarda e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade con motivo do Día Mundial da Auga (22 de marzo).  

 Así o día 13 de abril o xurado composto por persoas do Consello Climático e por persoal de prensa do Concello de A Guarda, emite a súa valoración das 17 fotografías presentadas ao concurso de xeito anonimizado e telemático. O resultado despois da rolda de votacións deron como gañadoras as fotos presentadas por:   

- MARTÍN ÁLVAREZ CUÑA – foto gañadora 

- MARÍA PEREIRA – foto accésit 

- ANDREA MARTÍNEZ – foto accésit  

 Todas as fotografías participantes están xa expostas no Concello de A Guarda nunha exposición que foi inaugurada o pasado venres día 29 de abril, coa entrega de premios por parte de representantes das entidades organizadoras, ás persoas gañadoras".

TUI

CHEGA A TUI “LEBRES COMO GACELAS”, A EXPOSICIÓN QUE UNE POESÍA E FOTOGRAFÍA EN HOMENAXE A XELA ARIAS 

A mostra, na que sete autoras galegas participan con 21 poemas inspirados nas fotografías de Eva Díez e Fran Herbello, poderase visitar na Sala de Exposicións Francisco Sánchez ata o 11 de xuño


Xela Arias
Foto: Xulio Gil

Infogauda / Tui

 Despois do seu paso por Vigo e Caldas, a exposición “Lebres como Gacelas”, promovida pola Deputación de Pontevedra en homenaxe a Xela Arias e que conxuga poesía e fotografía, chegará este martes a Tui, onde se poderá visitar na Sala de Exposicións Francisco Sánchez ata o 11 de xuño. A mostra reúne 21 poemas asociados a 21 imaxes fotográficas e toma como referencia o libro de Xela “Tigres coma cabalos”, onde a autora confrontaba cada un dos seus poemas con imaxes do fotógrafo Xulio Gil. Deste xeito, nesta proposta son sete mulleres da escrita galega, Tamara Andrés, Alba Cid, Lorena Conde, Lara Dopazo, Miriam Ferradáns, Olga Novo e Antía Otero, as que amosan as súas obras poéticas creadas para a mostra e inspiradas nas fotos dos artistas referentes Eva Díez e Fran Herbello.

 O acto de apertura da mostra terá lugar mañá martes ás 20 horas e contará cun recital de poesía e música, que protagonizarán dúas das poetas que interveñen na mostra, Miriam Ferradáns e Lorena Conde, acompañadas de dúas alumnas (Debora Vaz Casal e Sara Quesado Pérez) e unha docente (Beatriz Cristóbal Calvo) do Conservatorio de Música de Tui.

 Tanto estas poetas como as restantes participantes crearon expresamente as súas pezas para a mostra (tres cada unha) e retratan o corpo e a contorna cunha ollada fixa na realidade máis inmediata. Temas como a arquitectura, especialmente relacionada coa paisaxe, están moi presentes nas distintas obras da exposición, así como a pegada do corpo humano na vivenda e nas citadas paisaxes. A mostra poderá visitarse ata o 11 de xuño, en horario de luns a venres de 8.30 a 13.30 horas polas mañás e de 15.30 ás 20.30 horas polas tardes. Os sábados está aberta de 9 a 13 horas.

VILA PRAIA DE ÂNCORA (CAMINHA)

“Vila Praia em Flor” fez do fim de semana uma grande festa


O evento foi minuciosamente preparado, com a colocação dias antes de floreiras e de flores na Praça da República, avenida marginal e algumas artérias onde, entre a última sexta-feira e até ontem, domingo, decorreu mais uma edição do Vila Praia em Flor

Fotos: C.M.C.



Infogauda / Vila Praia de Âncora

 A edição 2022 do Vila Praia em Flor traduziu-se numa grande festa, cheia de cor, alegria e beleza. Vencidos os constrangimentos que a pandemia também impôs a esta atividade, o regresso, no fim de semana, foi intensamente vivido em Vila Praia de Âncora. Houve também Concurso das Montras, Varandas e Janelas Floridas e já são conhecidos os vencedores, mas todos estão de parabéns.

 O evento foi minuciosamente preparado, com a colocação dias antes de floreiras e de flores na Praça da República, avenida marginal e algumas artérias onde, entre a última sexta-feira e até ontem, domingo, decorreu mais uma edição do Vila Praia em Flor. Houve outros espaços já enfeitados, como janelas, varandas e montras, numa iniciativa que abraçou toda a comunidade e em que se inseriu no Concurso “Janelas e Varandas Floridas”, muito participado, com bom gosto e criatividade.

 Mas o Vila Praia em Flor incluiu muitos momentos que apelaram à participação, como o desfile florido, zumba, cinema ou simplesmente um passeio pelas ruas da Vila. A meteorologia ajudou.

 A organização foi da responsabilidade da Câmara Municipal e da Junta de Freguesia de Vila Praia de Âncora.

 Relativamente ao Concurso “Janelas e Varandas Floridas”, os objetivos eram recriar outra forma de embelezamento das ruas da vila durante este evento, contribuindo para a renovação da imagem de “Vila Praia em Flor”; incentivar a descoberta e o gosto pelos espaços verdes e pela natureza, promovendo o adorno e o sentido estético das fachadas dos edifícios, potenciando o aparecimento de recantos de grande beleza, na junção da arquitetura urbana e reavivar a tradição portuguesa de florear as janelas e varandas, proporcionando desse modo novas vivências e formas de sentir e viver sua terra.


Classificação Final
Concurso das Montras, Varandas e Janelas Floridas

MONTRAS
1º Classificado – Cabeleireira Gena - Kit Festival de Vilar de Mouros (Passe de 3 dias + Powerbank)
2º Classificado – Xana Florista - 1 Bilhete Festival de Vilar de Mouros (3 dias
3º Classificado – Pizzaria Napoli - Entrada gratuita Cineteatro para 1 ano (Espetáculos promovidos pelo Município)
Menção Honrosa – Cesta d’Avó

VARANDAS FLORIDAS
1º Classificado – Rosa Maria Montes Vaz - Kit Festival de Vilar de Mouros (Passe de 3 dias + Powerbank)
2º Classificado – Hotel Meira - 1 Bilhete Festival de Vilar de Mouros (3 dias)

JANELAS FLORIDAS
1º Classificado – Rosa Maria Montes Vaz - Kit Festival de Vilar de Mouros (Passe de 3 dias + Powerbank)
2º Classificado – Hotel Meira - 1 Bilhete Festival de Vilar de Mouros (3 dias)
3º Classificado – Pizzaria Napoli - Entrada gratuita Cineteatro para 1 ano (Espetáculos promovidos pelo Município)

VIVENDA

UNHA INVERSIÓN DE 425 MILLÓNS DE EUROS EN GALICIA PARA “TRANSFORMAR A VIDA” DE VECIÑAS E VECIÑOS MEDIANTE A REHABILITACIÓN E O ACCESO Á VIVENDA 

A presidenta provincial, Carmela Silva, xunto co delegado do Goberno, José Miñones, e a subdelegada en Pontevedra, Maica Larriba, mantivo un encontro coas alcaldesas e alcaldes da provincia para trasladarlles as oportunidades de financiamento en materia de vivenda 


O  delegado do Goberno, José Miñones coa presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva,, e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, no encontro con alcaldesas e alcaldes da provincia de Pontevedra

Fotos: D.PO.




Infogauda / Pontevedra

 O Goberno central impulsará a rehabilitación de 25.000 vivendas en Galicia no período 2018 – 2025 grazas a programas como o Plan Estatal de Vivenda ou o Plan de Recuperación. Así o anunciou hoxe o delegado do Goberno, José Miñones, no encontro con alcaldesas e alcaldes da provincia de Pontevedra para informarlles das oportunidades que hai en marcha neste eido. Acompañado pola presidenta de Deputación, Carmela Silva, e pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, non dubidou en eloxiar o traballo que se fai en materia de fondos europeos dende o Goberno provincial, “un exemplo de bo facer e de colaboración institucional”.

 José Miñones animou ás 32 alcaldesas e alcaldes da provincia presentes na reunión a aproveitar esta oportunidade histórica, que deixará en Galicia 425 millóns de euros en materia de vivenda a través de diferentes programas. Entre outros, Miñones destacou o Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP). Se ben o prazo de solicitude para a Liña 1 do programa pechou a finais de abril, os concellos aínda poden solicitar financiamento para a Liña 2, a máis ambiciosa das dúas, ata o próximo 9 de xuño. Esta é “unha oportunidade única de transformación, mantemento e recuperación de edificios públicos que non están en servizo”. Precisamente, a presidenta provincial lembrou a liña de axudas posta en marcha dende a Deputación para cubrir os gastos da asistencia técnica da redacción de proxectos para aqueles concellos que presentan proxecto ao PIREP. En total, presentáronse 31 concellos  e, se ben están en revisión,  á idea é que se financien todas as solicitudes recibidas. O Delegado tamén puxo en valor o Bono Xoven de Aluguer que en Galicia permitirá que 3.800 menores de 35 anos poidan recibir axudas de 3.000 euros anuais para o aluguer, ou as subvencións para a construción de vivendas en aluguer social en edificios enerxeticamente eficientes.

 En total, a inversión do Goberno central en Galicia en materia de vivenda sumará arredor de 425 millóns de euros, contando cos 164,4 millóns dos plans estatais de vivenda, os 230 de fondos extraordinarios do Plan de Recuperación e os 21 dos programas estatais de vivenda social.

Oportunidade histórica

 Como recordou Carmela Silva durante o acto, os fondos Next Generation EU son unha importante oportunidade para a transformación da provincia, xa que con eles vaise actuar en diferentes ámbitos económicos e sociais. É por iso que, desde a aprobación do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a Deputación adaptou “as prioridades e actuación” da súa acción de goberno “aos grandes obxectivos” a nivel nacional.  De feito, a principios de ano creouse a Oficina de Proxectos Europeos co fin de “dar apoio e asesoramento tanto á propia Deputación como  aos concellos da provincia para aproveitar as oportunidades que ofrecen os diferentes programas de fondos europeos” a través de “asistencia técnica e asesoramento, formación e información e captación de recursos”.

 A presidenta destacou, ademais, que a Deputación é “un dos organismos provinciais que máis proxectos ten presentado para executar en concellos de menos de 20.000 habitantes”. En concreto, na provincia xa hai catro aprobados, dos que se benefician 31 concellos. Concretamente, trátase de dous proxectos centrados no turismo, cos que se busca dar un paso de calidade nas comarcas de Deza – Tabeirós e do Condado – A Paradanta, e outros dous enfocados ao comercio.

 Por outra banda, a institución provincial tamén conta con sete proxectos aprobados na primeira convocatoria dos fondos DUS 5.000 en materia de infraestruturas e catro no eido de eficiencia e transición enerxética. Carmela Silva explicou igualmente que a Deputación vén de presentar, xunto con Cantabria e Cáceres e dentro do programa Experiencias da Secretaría de Estado de Turismo, unha ruta dos fenicios e da arte rupestre. Por último, adiantou que a vindeira semana se presentará o Plan de Sostibilidade no Destino, centrado na gastronomía. “É un plan moi potente no que traballaremos da man de todo o sector co obxectivo de converter a provincia nun destino enogastronómico sostible, dixital, integrador e innovador”, asegurou.

 A presidenta fixo ademais fincapé no traballo que se está a realizar dende a Deputación para ofrecer apoio e asesoramento aos concellos. Así, ofrécelles asistencia técnica para axudarlles na elaboración de proxectos para os programas de Apoio a Mulleres Urbanas e Rurais e vén de poñer en marcha una oficina de promoción, asesoramento e apoio aos concellos, empresas e particulares para crear comunidades enerxéticas, “vital nun momento no que temos máis claro que nunca a importancia de non ter dependencia enerxética doutros países”.

 Ademais, como recordou a presidenta, a Deputación foi “a primeira administración do Estado en redactar un Plan de Medidas Antifraude”. Este foi presentado ante os concellos para que o poidan empregar de guía para redactar os seus, “un requisito indispensable”. Por outra banda, nos próximos días remitirase aos concellos un Manual de Procedementos de Xestión para facilitar aos servizos e órganos xestores locais o cumprimento dos principios de xestión das actuacións financiadas polos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación.

TURISMO

O Xeodestino presenta a Turismo de Galicia o seu Plan de Sostibilidade Turística en Destino  

Representantes do Xeodestino reuníronse este luns con Nava Castro para trasladar o borrador dun plan comedido con propostas que contan cun marcado carácter gastronómico


Neste encontro no Pazo de Mos, o Xeodestino achegou a Turismo de Galicia un plan comedido

Foto: X.R. de V. e B.M.

Infogauda / Mos

 O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño segue traballando para presentar antes do 17 de maio a súa candidatura ao Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD), un instrumento financiado a través de fondos europeos Next Generation cos que dar pulo á transformación do territorio baseándose nun produto turístico sustentable.

 Nese camiño, o representante institucional do Xeodestino, o alcalde de Nigrán, Juan A. González; a presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural e rexedora de Tomiño, Sandra González; e a alcaldesa de Mos e o rexedor do Porriño, Nidia Arévalo e Alejandro Lorenzo, presentaron este luns á directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o seu borrador de PSTD, no que os 14 concellos do Xeodestino levan traballando de xeito conxunto “e investindo un grande esforzo para contar coa opinión tanto do sector público como das empresas nun proceso participativo fundamental para axustar as iniciativas á realidade do noso territorio”, como salientou o rexedor nigranés.

 Neste encontro no Pazo de Mos, o Xeodestino achegou a Turismo de Galicia un plan comedido, cun orzamento de 2,5 millóns de euros “axustado ao número de concellos e á poboación total do territorio que recolle accións coherentes coa estratexia do propio xeodestino e dan continuidade á traxectoria iniciada xa en 2019”. Sendo un dos xeodestinos máis turísticos de Galicia, o borrador presentado a Turismo de Galicia contempla unha candidatura complementaria aos Plans de Sostibilidade Turística en Destino aprobados o ano pasado para os concellos de Baiona e Oia con propostas dun marcado carácter gastronómico que vertebrarán as accións para un xeodestino tan heteroxéneo como o da Ría de Vigo e Baixo Miño.

 Juan A. González destacou “o gran potencial que ten o xeodestino no campo da enogastronomía, xa que contamos con zonas produtoras de gran relevancia, como pode ser o Baixo Miño, unha das despensas hortofrutícolas de Galicia; con dúas subzonas da DO Rías Baixas e con numerosas festas gastronómicas de interese turístico”.

 O Xeodestino afronta a candidatura cun plan que recolle o coñecemento e experiencia da propia entidade que lidera o PSTD, a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural, con gran coñecemento do tecido empresarial e de toda a cadea de valor enogastronómica, dende produtores a restaurantes, e que ten impulsado actividades de carácter gastronómico.

ARCOS DE VALDEVEZ

CPCJ de Arcos de Valdevez assinalou, a importância da Prevenção dos Maus Tratos na Infância 


Foto: C.M.A. de V.

María Joâo Brito / Arcos de Valdevez

 A CPCJ de Arcos de Valdevez em articulação com a Câmara Municipal e os vários parceiros assinalaram mais uma vez, durante o mês de abril, a importância da “Prevenção dos Maus Tratos na Infância”.  

 Nesse sentido, foram realizadas várias iniciativas para sinalizar esta problemática junto da população, nomeadamente a criação de um hino alusivo ao tema “Fita Azul”, a realização de uma operação STOP pela GNR, com o envolvimento das crianças e criado um laço humano, em colaboração com o Agrupamento de Escolas.  

 Estas iniciativas e envolvimento visam contribuir ativamente, para a mudança de atitudes e para a promoção dos direitos e importância das crianças e jovens.

TOMIÑO

Tomiño celebra pleno ordinario con 11 puntos na Orde do Día  

Entre as cuestións a salientar figura un expediente de modificación de créditos de máis de 668.000 euros 


Casa do Concello de Tomiño
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 Ás oito da tarde de hoxe, terá lugar no Salón de Plenos, sesión ordinaria con 11 puntos na Orde do Día. Entre eles figura unha modificación de créditos financiada con remanente líquido de tesourería para gastos xerais, por valor de 668.556,59 euros, que permitirá enfrontar diferentes proxectos e obras; algunhas de singular importancia, como a mellora da eficiencia enerxética da coñecida como Casa da Teonila, en Goián (140.000 euros), edificio de arquitectura indiana situado a carón da praza de Goián que adquiriu o Concello hai un tempo.

 Outra partida moi importante é a adicada ao acondicionamento da área de xogos infantil e xuvenil do Campo da Feira (200.000 €);  obra que se levará a cabo despois da remodelación da contorna do parque realizada nestes últimos meses co fin de integrar este espazo de lecer á zona do Seixo. Ademais de zona de xogos infantís haberá unha pista de patinaxe, nova iluminación, etc.

 Tamén están contempladas varias obras de mellora nas parroquias co propósito de acondicionar espazos públicos e mobiliario de zonas verdes, mellorar as canalización de augas pluviais, etc. (165.078,70 €).

 Por último, é significativa a partida de case 90.000 euros destinada á creación de dúas áreas de servizo para autocaravanas (unha en Tomiño centro e outra en Goián).

 Así mesmo, forman parte da Orde do Día varias mocións da oposición e unha do Grupo Municipal do BNG sobre o tema do Sáhara; a sinatura dun convenio sobre a EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais)e unha declaración solicitada pola plataforma SOS SANIDADE PÚBLICA.

CULTURA

O MUSEO DE PONTEVEDRA CONVOCA O CERTAME DE ARTES PLÁSTICAS NOVOS VALORES 2022  

Mantense a contía dos premios: catro bolsas de 7.500 euros para que as autoras e autores galardoados amplíen os seus estudos artísticos 




Infogauda / Pontevedra   

 A Deputación de Pontevedra,a través do Museo de Pontevedra, vén de convocar o Certame de Artes Plásticas Novos Valores 2022 destinado a recoñecer e valorar publicamente méritos artísticos excepcionais e promover a formación de artistas noveis. O Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) publica hoxe as bases, e as persoas interesadas disporán de cinco días hábiles contadas a partir de mañá para presentar as solicitudes de participación. 

 Os premios Novos Valores pretenden ser un recoñecemento e recompensa da Deputación de Pontevedra a destacadas obras orixinais e inéditas nas modalidades de pintura, escultura, debuxo, deseño, gravado, fotografía, cerámica e vídeo creación, entre outras. Este labor de patrocinio e a concesión de axudas a creadoras e creadores noveis vense realizando de maneira histórica, estando xa documentadas na segunda metade do século XIX, desenvolvidas con criterios e formatos moi diversos ao longo do século XX, e con continuidade e vixencia plena na actualidade. 

 Poderá participar neste certame calquera artista, natural ou residente en Galicia, con idades comprendidas entre 18 e 35 anos na data de presentación da solicitude. Os premios consistirán na adxudicación, entre as obras seleccionadas, de catro bolsas, cada unha por un importe de sete mil cincocentos (7.500,00) euros brutos, para que autoras e autores amplíen os seus estudos artísticos. 

 As obras que se presenten deberán ser orixinais e inéditas, polo que non se admitirán as xa expostas nas anteriores edicións deste certame ou noutras mostras, individuais ou colectivas, ou que participasen noutros concursos. Só se aceptará unha obra por artista e o seu peso non poderá superar os 500 kg e as súas dimensións máximas non excederán os 2 x 2 m ou, no seu caso, os 2 x 2 x 2 m. No apartado de audiovisuais, admitiranse obras unicamente en soporte dixital nos formatos máis usuais e o tempo de proxección non excederá os 5 minutos. 

Procedemento de participación  

 O procedemento para participar constará de catro fases: a primeira, de presentación de solicitudes; a segunda, de selección de propostas; a terceira, de presentación de obras seleccionadas; e a cuarta, de concesión das bolsas. A cada solicitude de participación asignaráselle un código de preinscrición.   

 A primeira fase, de presentación de solicitudes, farase preferentemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra. Inicialmente só será preciso presentar un formulario cos datos persoais no prazo de cinco días hábiles contando dende mañá.  

 Feito ese paso, as persoas interesadas que reúnan os requisitos da convocatoria recibirán un correo electrónico no que se lle indicará a validación desta e o código asignado á súa obra, así como o modelo anonimizado necesario para presentar a proposta técnica segundo o previsto no seguinte punto. 

 Cumplimentado o trámite inicial será cando a persoa solicitante deberá achegar un ‘adianto’ da súa obra, entre o 23 e o 28 de maio de 2022. Nese adianto debe incluírse o modelo de presentación anonimizado –co código do proxecto-; ata cinco fotografías da creación nun formato adaptado aos admitidos na Sede electrónica; unha memoria da obra presentada que inclúa a ficha técnica da mesma (título, técnica, medidas, ano de realización) e a súa descrición; un dossier cos traballos desenvolvidos para coñecer a traxectoria artística; e a presentación, detallada e expresa, da finalidade ou do destino formativo para o que se concorre á bolsa. 

 Na segunda fase, unha vez revisadas polo Museo de Pontevedra as propostas presentadas, xunto coa súa documentación técnica xustificativa, convocarase o xurado para examinar, valorar e seleccionar  ata un máximo de 25 propostas de entre as presentadas, coas que se conformará a mostra ‘Novos Valores 2022’, que estará aberta ao público no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra do 7 de xullo ao 11 de setembro de 2022. 

 Na terceira fase farase a presentación da obra orixinal seleccionada por parte das persoas autoras. As pezas entregaranse entre o 22 e o 27 de xuño de 2022 de maneira persoal ou a través dun medio de transporte que garanta o seu estado. As obras seleccionadas reproduciranse ben na páxina web do Museo de Pontevedra, ben nun catálogo impreso que se editaría como complemento da exposición.  

 Finalmente, na cuarta fase, coas obras seleccionadas xa expostas, e antes de inaugurar a mostra, convocarase de novo ao xurado para que, unha vez examine e valore as obras, propoña catro persoas autoras das obras merecedoras das bolsas. As obras premiadas quedarán en posesión da Deputación de Pontevedra, que poderá levar a cabo as accións que considere oportunas para a súa difusión, e sempre fará constar a autoría. A concesión da bolsa será obxecto dun convenio entre a persoa adxudicataria e a Deputación de Pontevedra no que se concretará o seu emprego e o prazo, que non será superior a un ano, para materializar a proposta. 

 O xurado estará composto polo vicepresidente da Deputación ou a deputada ou deputado en quen delegue, cinco persoas de recoñecido prestixio e o director do Museo de Pontevedra, así como o secretario da Deputación ou a funcionaria ou funcionario en quen delegue. O xurado poderá declarar deserto calquera dos premios se considera que ningunha das obras presentadas ao certame reúne os méritos suficientes para ser premiada.