2 de maio de 2022

TOMIÑO

Tomiño celebra pleno ordinario con 11 puntos na Orde do Día  

Entre as cuestións a salientar figura un expediente de modificación de créditos de máis de 668.000 euros 


Casa do Concello de Tomiño
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 Ás oito da tarde de hoxe, terá lugar no Salón de Plenos, sesión ordinaria con 11 puntos na Orde do Día. Entre eles figura unha modificación de créditos financiada con remanente líquido de tesourería para gastos xerais, por valor de 668.556,59 euros, que permitirá enfrontar diferentes proxectos e obras; algunhas de singular importancia, como a mellora da eficiencia enerxética da coñecida como Casa da Teonila, en Goián (140.000 euros), edificio de arquitectura indiana situado a carón da praza de Goián que adquiriu o Concello hai un tempo.

 Outra partida moi importante é a adicada ao acondicionamento da área de xogos infantil e xuvenil do Campo da Feira (200.000 €);  obra que se levará a cabo despois da remodelación da contorna do parque realizada nestes últimos meses co fin de integrar este espazo de lecer á zona do Seixo. Ademais de zona de xogos infantís haberá unha pista de patinaxe, nova iluminación, etc.

 Tamén están contempladas varias obras de mellora nas parroquias co propósito de acondicionar espazos públicos e mobiliario de zonas verdes, mellorar as canalización de augas pluviais, etc. (165.078,70 €).

 Por último, é significativa a partida de case 90.000 euros destinada á creación de dúas áreas de servizo para autocaravanas (unha en Tomiño centro e outra en Goián).

 Así mesmo, forman parte da Orde do Día varias mocións da oposición e unha do Grupo Municipal do BNG sobre o tema do Sáhara; a sinatura dun convenio sobre a EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais)e unha declaración solicitada pola plataforma SOS SANIDADE PÚBLICA.

Ningún comentario:

Publicar un comentario