23 de mar. de 2022

A GUARDA

O BNG LEVA AO PLENO DO CONCELLO A DEMANDA DUNHA COMUNICACIÓN EFICAZ ENTRE A GUARDA E CAMINHA”  

Anxo Lois Baz (portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello de A Guarda): “Precisamos un compromiso das administracións para dotarnos dunha comunicación eficaz que abra portas a constitución da Eurocidade A Guarda-Caminha” 

Anxo Lois Baz Vicente (portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello de A Guarda)

Infogauda / A Guarda 

 O BNG levará ao Pleno do Concello de A Guarda  “a demanda dunha comunicación eficaz entre A Guarda e Caminha”. Os nacionalistas teñen presentado senllas  propostas no mesmo sentido no Congreso dos Deputados e no Parlamento Galego.  

 A proposta do BNG considera que “o “ferry” que une A Guarda con Caminha fai anos que quedou obsoleto”. Argumentan os nacionalistas que “se trata dunha embarcación anticuada que precisa dun calado para navegar que o rio non ten”Esta realidade -manifestan- condiciona uns horarios que veñen determinados polas mareas o que impide  ter  frecuencias regulares e estruturadas”.  

 O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz manifestou: “Recuperar dun xeito eficaz a comunicación con Caminha resulta fundamental para nós. Precisamos dun compromiso  entre o  Goberno do Estado español, o Goberno  portugués e a Xunta de Galiza para dotarnos dun transporte eficaz e sostíbel para as dúas beiras do Miño que abra portas a constitución da Eurocidade A Guarda-Caminha”.  

 O nacionalista acabou concluíndo “Non podemos conformarnos con un ferry que xa non cumpre as expectativas mínimas para a poboación dos dous lados do rio e aínda que no inmediato é preciso que se repare o pantalán entendemos que A Guarda debe ter unha proposta de futuro moito máis ambiciosa que nos permita unha mobilidade con Caminha con frecuencias regulares e estruturadas na que se combinen distintas modalidades de transporte público”.

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

Alumnado do colexio Manuel Rodríguez Sinde colabora cos comuneiros de Camposancos 

Na loita contra as acacias invasoras no monte Santa Trega 


Alumnado, profesores e comuneiros, traballando man a man no labor de arrancar acacias
Fotos: C.MM. VV.M.C. de Camposancos


Infogauda / Camposancos

 A colaboración entre a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos e os colexios da vila de A Guarda dá como resultado unha acción educativa e solidaria que leva por título xenérico "Semeando futuro".  

 Nesta ocasión, a actividade na que se implicou o alumnado do colexio Manuel Rodríguez Sinde consistiu na realización de labores de limpeza de brotes de acacias na zona de Chans, do monte Santa Trega.

 "O pasado día 21, un feixe de alumnos e alumnas de 6º de educación primaria do colexio Manuel Rodríguez Sinde xunto co seu profesorado, acompañados por persoal da Comunidade de Montes, dedicaron unha parte da xornada de mañá a arrancar brotes de acacia, unha especie arbórea invasora e de difícil erradicación, que se atopa amplamente extendida nos terrenos propiedade da Comunidade. Durante a traballo, membros da Comunidade ofreceron auga e pezas de froita aos e as participantes", dixo José Fernando Martínez Martínez, presidente da xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos.  

 "A Comunidade de Montes de Camposancos agradece a colaboración do alumnado do devandito colexio así como a boa disposición do seu profesorado para levar a cabo esta tarefa, que conleva ademáis un interese aducativo polo seu valor comunitario e de concienciación ambiental", concluçiu o portavoz dos comuneiros camposinos.  

A GUARDA

A unidade móbil de Inspección Técnica de Turismos virá en maio 




Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda fixo público no día de hoxe que a unidade móbil 6 de inspección técnica de turismo desplazarase ata nosa localidade nas seguintes datas e ubicacións:  

Do 10/05/2022 ao 13/05/2022. Estación de Servicio San Roque (A Guarda). 

Do 18/05/2022 ao 25/05/2022. Estación de Servicio San Roque (A Guarda). 

Do 26/05/2022 ao 26/05/2022. Estación de Servicio San Roque (A Guarda). 

 O horario de atención será de 9:00 a 13:30 e de 15:15 a 18:00 horas. O servizo prestarase en horario de mañá e tarde todos os días, agás: 26/05/2022 que será horario só de mañá.

 Para solicitar cita previa:  

Por teléfono: 902 30 90 00 

A través da nosa páxina web: www.sycitv.com - Cita previa  

NOTA: A admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á  posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentarias.

O ROSAL

A farsa descarada, irreverente e hiperbólica de Non si? Teatro

Chegan ao auditorio municipal do Rosal este domingo día 27 de marzo, ás 19.00 horas coa súa obra ‘Ubú encadeado’, unha adaptación do clásico francés de Alfred Jarry    


Un momento da representación do espectáculo ‘Ubú encadenado’, unha montaxe da compañía baionesa Non si? Teatro 
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 Fin de semana de teatro no Rosal. O auditorio municipal acolle este domingo 27 o espectáculo ‘Ubú encadenado’, unha montaxe da compañía baionesa Non si? Teatro para público a partir de 12 anos baseada no clásico ‘Ubú rei’ do autor francés Alfred Jarry e adaptada pola directora do grupo e dramaturga, Mónica Sueiro. O espectáculo comezará ás 19.00 horas e será con entrada libre ata completar aforo. 

 Trátase dunha comedia dunha hora de duración na que o público gozará dunha farsa descarada, irreverente e hiperbólica que constitúe unha sátira social e unha burla sarcástica da natureza humana. 

 Destronados de Polonia, Pai Ubú e Nai Ubú, interpretados por Isaac Villar e Eva Llorca, chegan a Francia, o país onde reina a liberdade, a fraternidade e a igualdade entre todas as persoas. Nesta nova realidade, Pai Ubú decide ser escravo pero sen deixar de ser o déspota de sempre. 

OIA

Comeza a tempada 2022 no Real Mosteiro de Oia 

Cun programa cheo de plans e actividades para todos os públicos 


Un momento da presentación da tempada 2022 no Mosteiro de Santa María de Oia

Infogauda / Oia

 Despois de dous anos de actividade pero marcados polas restricións debido á pandemia por Covid-19, o Mosteiro de Oia arrinca cunha tempada ampliada, moi completa, e cargada de plans para todos os públicos. 

 Nestes últimos 24 meses, a programación do Mosteiro limitouse aos meses de verán, e do mesmo xeito que outras iniciativas culturais, a programación foi coidadosamente deseñada para convivir coas limitacións marcadas polas autoridades para continuar ofrecendo unha cultura segura. Así seguirá sendo, mantendo unha contorna segura e baixo a normativa vixente, pero a novidade é que a tempada retoma un calendario amplo iniciándose o vindeiro xoves 14 de abril, día en que abrirán as súas portas ao público e prolongarase ata o mes de outubro. Así o comunicaron hoxe nun evento de presentación no propio cenobio. 




 Xunto coas visitas guiadas ao único mosteiro da Orde do  Císter a beiras do océano, poderase seguir gozando dos xa coñecidos “Solpores” con música en vivo terán lugar nos meses de xullo e agosto, e contarán con  Rivergood, Soul &  Roll, Leticia Rey e  Olaya  Álcazar; eventos que suceden mentres o sol ponse no horizonte e degústase unha copa de viño Quinta de Couselo, tradicional colaborador do Mosteiro de Oia. Ao mesmo tempo as “Conversas” contarán este ano con Suso Vila, o 30 de abril; José Fariña, o 28 de maio; e  Delmi  Alvarez, o 16 de Julio. 

 Pero como xa vén sendo tradicional haberá eventos específicos, como a “Treboada.  Cando os  monxes loitaban contra piratas, que celebra a efeméride da máis importante batalla que os monxes mantiveron con piratas berberiscos e que contará cun marcado carácter familiar. Será o 23 de abril cando as familias e especialmente os nenos poderán gozar dun conta conto e unha posta en escena con divertidos xogos grazas a Raquel  Queizás.  

 Outro evento sempre esperado é “A Emoción dos  Viños” que terá lugar o 17 e 18 de xuño. Un evento de dous días no que os amantes do viño poderán darse cita nunha contorna única e gozar da verdadeira esencia dos viños. 

 Como novidade: CONCILIUM, o primeiro xogo en vivo nun mosteiro en Galicia. É máis que un  xogo, no que os participantes coñecerán o edificio e a súa historia, na pel de personaxes do século  XV. A inmersión chegará ata a vestimenta, e haberá oito edicións para que ninguén quede sen vivir esta experiencia única que terán lugar entre os meses de abril e setembro. Esta actividade estará patrocinada por Banda Cervexas e Calabizo. Estes produtos de proximidade fabricados no Val Miñor poderán degustarse no transcurso do xogo. 

 Os aforos son limitados, así que recomendan reservar as entradas a través de www.mosteirodeoia.com

TOMIÑO

Tomiño pon en marcha un completo programa de accións para reactivar a actividade económica e social     

Inclúe novos servizos xa en funcionamento e novas actividades de dinamización “para que a veciñanza volva tomar as rúas”

  

A alcaldesa, Sandra González, presentou esta nova campaña este mércores no Mercado Municipal de Tomiño acompañada do concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Francisco Campo
Foto: C.T.



Infogauda / Tomiño

 Tomiño quere que as súas rúas e o seu comercio local recobre vida. O Concello vén de poñer en marcha ‘Vive!’, unha campaña cun completo programa de accións de diferente índole que se realizarán durante os meses de marzo, abril e maio que busca reactivar a actividade económica e social do municipio. “Queremos que a veciñanza volva á rúa e que as fins de semana sexan animadas, saíndo pouco a pouco da dinámica pandémica na que estamos inmersos. E querémolo porque sabemos que iso favorecerá tanto ao comercio local e aos nosos mercados municipais como a hostalaría”, explicou a alcaldes, Sandra González, durante a presentación da campaña no Mercado Municipal de Tomiño. A rexedora estivo acompañada polo concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Francisco Campo.

 Trátase dunha campaña integral que busca ofertar novos servizos, como os carros da compra nos núcleos urbanos de Goián e Tomiño para facilitar á veciñanza mercar nos establecementos locais, postos en marcha recentemente e que “están funcionando moi ben, de feito imos ampliar o número de carros dispoñibles”. Tamén acaba de inaugurarse esta semana un “innovador e dinámico” servizo de consigna para a recollida de pedidos pola tarde na praza de abastos de Tomiño e estrearase en breve a nova web dos mercados de Goián e Tomiño, que vai “nese camiño cara á dixitalización e modernización que teñen que facer os nosos mercados para chegar á nova clientela”.

O programa de actividades arranca esta mesma fin de semana cos ‘Domingos sesión vermú’, unha xornada na que se combinará a música de grupos tomiñeses co bo ambiente no Mercado Municipal de Tomiño. A primeira cita será este domingo 27 ás 13.00 horas con Lara e Diego. Os vindeiros encontros serán os días 10 e 15 de abril con Acevedos Delgados e Alonso, Piñeiro, González Trío, respectivamente.

 Tamén se retomarán os ‘Sábados con sabor’, nos que o público poderá degustar pinchos e viños e co que se busca “ofrecer á veciñanza espazos de lecer ao tempo que se lles anima a mercar no mercado e no comercio local”. Serán os días 2 e 9 de abril e 7 e 21 de maio a partir das 13.00 horas e as persoas interesadas deberán comprar o ticket previamente en calquera posto do Mercado de Tomiño.

 Co obxectivo de que todas as fins de semana haxa actividades de lecer chegan os ‘Mercados con-ciencia’, unha charla con investigadores e investigadoras de diferentes campos coas que achegar a ciencia ao público xeral. O profesor da Universidade de Vigo e responsable de Divulgare, Luis Navarro, estará en Tomiño o 30 de abril, mentres que o 28 de maio o encontro será con Luisa Martínez, doutora en Ciencias do Mar, responsable da Unidade de Cultura Científica da delegación do CSIC en Galicia e escritora.

P ara animar a veciños e veciñas a comprar en Tomiño tamén se sortearán 200 carriños da compra “entre todos os clientes do comercio local, algo moi útil e que á xente lle gusta, como temos comprobado noutras iniciativas similares que levamos a cabo, como a de Nadal”, salienta a rexedora.

 Para incentiva non só o comercio senón tamén o emprendemento, ao abeiro desta campaña tamén “se fomentarán novas oportunidades de negocio” coa licitación de tres postos no Mercado de Tomiño e dun posto no Mercado de Goián, así como dun espazo dedicado á hostalaría na Unión do Porvenir e no Espazo Fortaleza de Goián.

MOS

Camiños de futuro para continuar innovando e crecendo no rural  

A iniciativa da Axencia Galega de Innovación recalou en Mos coa colaboración de Eu Rural e GDR Condado Paradanta  

O obxectivo era difundir os instrumentos de apoio a disposición das empresas para aumentar a súa competitividade  


Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación; a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias; Julia Loureiro, concelleira responsable da Agencia de Colocación de Mos, e o presidente de AEMOS, Manuel Castro, con persoas que participaron na xornada
Foto: Eu Rural  


Infogauda / Mos

 Mos foi este mércores o escenario dunha nova sesión de Camiño de Futuro, unha iniciativa da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia coa que difundir os instrumentos de apoio a disposición das pequenas e medianas empresas do territorio para aumentar a súa competitividade. Unha xornada celebrada coa colaboración dos grupos de desenvolvemento rural GDR 13 Condado Paradanta e GDR 14 Eu Rural, xa que son os que coñecen e están en contacto directo co territorio e que colaboran e traballan conxuntamente coa veciñanza.  

 “Trátase dun programa pensado para as micro empresas, as de mulleres e homes orquestra, que é o máis habitual en Galicia e España, para dar a coñecer as liñas de axudas ás que poden optar tanto no GAIN como nas diferentes consellerías da Xunta de Galicia”, explicou ao publico asistente Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación. Durante a inauguración Argerey recalcou a importancia da innovación “para todas as empresas, independentemente do seu tamaño, do lugar no que estean ou da madurez do sector. Porque a innovación é un proceso de mellora continua, un xeito diferente de facer as cousas, de comercializar os nosos produtos e servizos... nun contexto global enormemente esixente no que os clientes buscan produtos e servizos personalizados. A competencia e os retos que teñen son globais, e a innovación é unha panca fundamental para enfrontarse a eles”. 

 Pola súa banda, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, recalcou  a importancia de brindarlle apoio ás pemes, xa que “sodes o motor dos nosos concellos e non é fácil en momentos como o da pandemia ou como o actual seguir crecendo”. O acto inaugural tamén contou coa participación da delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias. Presente no acto tamén se atopaba Julia Loureiro, concelleira responsable da Agencia de Colocación de Mos, onde se celebrou a xornada, e o presidente de AEMOS, Manuel Castro.  

 Durante a xornada, o xerente do GDR Condado-Paradanta, Francisco González, centrouse na axuda Leader que xestionan os grupos de desenvolvemento rural, entidades dinamizadoras do medio rural e claves no referente ás políticas de fixación de poboación e incluso na loita contra a desocupación do agro e o seu abandono. Tamén fixo referencia a outras liñas de axuda coas que conta a Consellería de Medio Rural.  

 A xornada rematou cunha mesa redonda con casos de éxito de pemes innovadoras da comarca, Utingal e Tespe Engineering Projects, que falaron en primeira persoa da súa experiencia como beneficiarios de distintos instrumentos de apoio da Administración para mellorar a competitividade das súas empresas a todos os niveis.

PONTEAREAS

Ponteareas premia a creatividade do alumnado no IV Concurso de poemas ilustrados de Rosalía de Castro

O xurado seleccionou 16 galardoados entre os máis de 80 traballos presentados dos CEIP Fermín Bouza Brey, Virxe dos Remedios, Feliciano Barrera de Guláns, Santiago de Oliveira e A Inmaculada


Un momento da gala de entrega de premios no auditorio municipal
Fotos: C.P.

A gala de entrega de premios, coa que se conmemoraba o Día Mundial da Poesía, rematou cun impresionante concerto do grupo ponteareán As Punkiereteiras


Infogauda / Ponteareas 

 Ponteareas premiou a creatividade do seu alumnado no IV Concurso de poemas ilustrados de Rosalía de Castro, que celebrou a súa gala de entrega de galardóns no auditorio municipal coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Poesía. Trátase dun certame que implicou ao alumnado de primaria ponteareán “co que se buscaba tamén homenaxear a alma mater da nosa poesía, a poeta Rosalía de Castro”, como salienta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

 En total, o xurado seleccionou 16 traballos entre os máis de 80 presentados do CEIP Santiago de Oliveira, do CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera de Guláns, do CEIP Fermín Bouza Brey, do CEIP Plurilingüe Nosa Señora dos Remedios e do CPR Plurilingüe A Inmaculada.

 Deste xeito, nesta edición Lara Álvarez acadaba o primeiro premio, mentres que Carmen Porto, Lucía Blanco e Laura López conseguían o segundo, terceiro e cuarto posto, respectivamente. As outras nenos e nenas de primaria galardoados foron Leire Porto, Nicolás Acuña, Antía Fernández, Carmen González, Roi Lamela, Keely Dagneth Vala Saldanha Corpio, Uxía del Río, Antía Prego, Asier dos Santos, Sara Bargiela, Iria Barros e Saray Fernández. Os 16 traballos premiados decorarán as páxinas do calendario escolar do vindeiro ano.

 O xurado estivo formado polo catedrático de debuxo Berto Álvarez Rodríguez; polo poeta e dramaturgo Roi Vidal Ponte; e pola escritora e polifacética Pilar Alonso Suárez, que tiveron unha longa deliberación ata chegar á resolución final do certame.

 “Dende o Concello queremos dar os parabéns a todas e todos os premiados e agradecer a participación e implicación do profesorado dos centros participantes, porque sen eles e elas este certame non sería posíbel”, explica o edil, que tamén quixo dar as grazas ao xurado “polo seu intenso traballo e as súas reflexión sobre as propostas presentadas”. 

 O broche de ouro desta gala púxoo a actuación das Punkiereteiras, un grupo de mozas ponteareás que comezaron como un obradoiro de pandeireta e canto tradicional no CSA O Fresco e que acabou por converterse nun arma de loita e reivindicación coas que expresan as inxustizas con toques de humor. 

PONTEAREAS

A Xunta de Galicia iniciará de inmediato a actividade da nova unidade de saúde mental de Ponteareas  

Comezará a funcionar en quenda de tarde mentres a área sanitaria executa unha reforma no andar -1 do actual centro de saúde para acollela

O conselleiro de Sanidade comprometeu unha próxima visita de técnicos do Sergas unha vez que o concello ofreceu unha proposta concreta de parcela para construír o novo centro de saúde proxectado no Plan de Infraestruturas de Atención Primaria


O conselleiro de sanidade, Julio García Comesaña, mantivo onte pola tarde unha reunión coa alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila

Foto: X.G.

Infogauda / Ponteareas

 O conselleiro de sanidade, Julio García Comesaña, mantivo onte pola tarde unha reunión coa alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, acompañados pola directora xeral de Recursos Económicos do SERGAS, María Jesús Piñeiro e, a través de videoconferencia, polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez e polo xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente Prieto.

 O obxecto da reunión era avanzar no trámite de construción do novo centro de saúde de Ponteareas, contemplado na fase 2 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado o pasado outubro. Así, en novembro o conselleiro remitiu unha carta ao Concello de Ponteareas solicitando a posta a disposición dunha parcela con máis de 5.060 m2 de edificabilidade. Na reunión de hoxe, a alcaldesa fixo por primeira vez a proposta dunha parcela concreta, co que o conselleiro se comprometeu a enviar a semana próxima unha visita de técnicos da Xunta para avaliar a súa viabilidade e comezar o trámite administrativo oportuno para asinar un acordo de colaboración no que o Concello se comprometa a ceder dita parcela á Xunta para a construción por parte desta dun edificio destinado a centro de saúde.

 En particular, o plan funcional que está recollido para o novo centro de Ponteareas no Plan de Infraestruturas de Atención Primaria contempla un aumento de superficie de case un 80% respecto ao centro actual, o que supón incrementar en 8 as consultas de adultos, en 2 as pediátricas e en 4 as do Punto de Atención Continuada, así como incorporar 4 consultas para especialidades, unha base do 061 e un área de saúde mental.

Unidade de saúde mental

 Precisamente en relación a isto último, o conselleiro avanzou tamén á alcaldesa a intención do Sergas de poñer de inmediato en funcionamento unha nova unidade de saúde mental en Ponteareas cuxa creación e dotación estaba prevista no Plan de Saúde Mental de Galicia poscovid 2020-2024 para o ano 2023, se ben debido á situación actual de incremento notable da demanda e a firme aposta pola saúde mental da Xunta a súa posta en funcionamento adiantarase.

 Esta unidade de saúde mental estará dotada de 2 psiquiatras, 1 psicólogo, 1 enfermeira e un auxiliar administrativo.

 Debido as carencias de espazos do actual centro de saúde e a ausencia de localizacións alternativas no concello, a área sanitaria vai acometer unha obra no andar -1 na que acollería a totalidade da unidade nunha ala do centro.

 En reunión cos profesionais do centro, pedíuselles a máxima colaboración por un tempo limitado, ata contar co novo centro de saúde. O conselleiro e o xerente da área trasladaron á alcaldesa a máxima colaboración prestada polo persoal, pois todos estiveron de acordo en facer un importante esforzo cedendo varios dos espazos en uso actualmente (vestiarios e un almacén), comprendendo a necesidade de que esta unidade inicie a súa actividade nesta comarca.

 Ata que se poida dispoñer dos espazos reformados, a unidade comezará a realizar consultas na queda de tarde do centro de saúde, coa finalidade incrementar a accesibilidade e reducir lista de espera.

OPINIÓN

 Alain Krivine ¡hasta el socialismo siempre!


Alain Krivine


Unidad Internacional de Trabajadoras y Trabajadores – Cuarta Internacional (UIT-CI)

 El 12 de marzo falleció, a sus 80 años, el histórico dirigente trotskista francés Alain Krivine. El inclaudicable compromiso de Krivine con la lucha anticapitalista hace que los revolucionarios de todo el mundo lo despidamos con el puño en alto. Más allá de las diferencias que nuestra corriente morenista ha mantenido a lo largo de décadas con las distintas posiciones políticas que asumió. Fue uno de los principales dirigentes, junto a Daniel Bensaïd, de la Liga Comunista Revolucionaria francesa, luego Nuevo Partido Anticapitalista, y del Secretariado Unificado de la Cuarta Internacional, de orientación mandelista. 

 Su acercamiento a la militancia política comenzó en su juventud, en los agrupamientos juveniles del Partido Comunista Francés al que se incorporó junto a sus hermanos. La política del aparato estalinista contra la independencia de Argelia lo empujó a la ruptura. Luego se vinculó con el Partido Comunista Internacionalista, dirigido por el trotskista Pierre Frank, aunque manteniéndose dentro de los marcos de las juventudes comunistas hasta ser expulsado en 1966. Allí fundó junto a Bensaïd la Juventud Comunista Revolucionaria (JCR), embrión de la posterior Liga Comunista Revolucionaria (LCR) y que tuvo un rol muy importante en las barricadas del Mayo Francés. Transformado en uno de los referentes de ese proceso, tuvo que afrontar su encarcelamiento al decretar De Gaulle la disolución de la JCR. Luego, en 1969, logró sortear las trabas proscriptivas del régimen electoral y ser candidato a presidente, repitiendo también luego ese rol en 1974. También fue electo eurodiputado en 1999 en un frente junto a Lutte Ouvrière.

 Su vida política siguió ligada al curso de la LCR, y luego del Nuevo Partido Anticapitalista (NPA), hasta que en 2006 decidió dar un paso al costado de su dirección.  Su autobiografía llamada «Ça te passera avec l’âge», jugaba desde el título contra esa expectativa del sentido común burgués de que la convicción militante revolucionaria juvenil va desapareciendo con la edad. Sus camaradas, amigos y familiares, a quienes enviamos nuestro saludo, dan cuenta de que hasta el final de sus días mantuvo su convicción militante y revolucionaria.

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA APROBA AXUDAS POR VALOR DE 220.000 EUROS PARA QUE ENTIDADES E CONCELLOS PROMOVAN ACTIVIDADES DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA   

A deputada María Ortega busca “desmontar prexuízos e difundir argumentos que acaben con opinións belixerantes e demagóxicas sobre o galego” 


Infogauda / Pontevedra 

 O departamento de Lingua da Deputación vén de aprobar as bases de subvencións dirixidas a entidades sen fins de lucro e aos concellos para realizar actividades de dinamización da lingua galega durante este ano 2022. Segundo explica a deputada de Lingua María Ortega, repartiranse 120.000 euros entre as entidades, mentres que os concellos da provincia recibirán 100.000 euros.

 Estas dúas liñas de axudas, que por terceiro ano se aproban por separado, teñen como obxecto a dinamización da lingua galega co fin de potenciar o uso do idioma no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia que teñan repercusión social, así como para as actividades de entidades culturais sen fins de lucro dirixidas a promover, fomentar e difundir o emprego da lingua galega. 

 Segundo a responsable provincial de Lingua, a realización de actividades de dinamización lingüística resulta crucial para favorecer o coñecemento, posta en valor e uso da lingua galega por parte da cidadanía e en todos os ámbitos. Para iso, destaca Ortega, “é necesaria a implicación de todos os sectores sociais e, principalmente, o tecido asociativo, que está máis preto da cidadanía, co obxectivo de incrementar a presenza do galego en todos os contextos e desmontar os prexuízos a través dunha boa información e difundir argumentos que acaben con opinións belixerantes e demagóxicas sobre o galego que aínda permanecen en certos ámbitos”. 

 Neste senso, a Deputación vén de constatar “á demanda que ano tras ano mantén constante o tecido asociativo da provincia en favor da promoción e defensa da nosa lingua, tal como se aprecia no incremento constante de entidades solicitantes”. Así, para repartir os fondos provinciais de maneira máis ampla, a subvención para entidades culturais sen fins de lucro non poderá superar o 75 % do orzamento presentado para a súa realización, e, como máximo, tres mil cincocentos euros (3.500,00 €). 

 No relativo ás axudas aos concellos, a nacionalista sinala que as administracións locais constitúen unha vía de dinamización lingüística prioritaria, por tratarse da organización administrativa que é máis próxima e que máis directamente lle transmite a acción pública á cidadanía, podendo aplicar medidas de intervención directa atendendo á poboación e ao territorio, e favorecendo a planificación individualizada segundo as particularidades sociolingüísticas de cada zona. A axuda para a realización de actividades dos concellos non poderá superar o 75 % do orzamento presentado. 

 Entre outras actuacións valoraranse as accións de fomento da creación e difusión cultural en lingua galega (certames literarios e xornalísticos, creación audiovisual e literaria, feiras e eventos que promovan a creación en lingua galega), as actuacións en materia de sociolingüística e toponimia (estudos e publicacións sobre sociolingüística, xornadas e publicacións de recuperación da toponimia… ), o fomento do emprego do galego no comercio e na industria con xornadas, campañas e publicacións para a dinamización comercial en lingua galega, ou os recoñecementos e distincións, en relación a actividades, accións e publicacións relacionadas coa conmemoración do Día das Letras Galegas ou que recoñezan o labor de persoas ou colectivos que aposten polo galego. 

 O prazo de presentación de solicitudes para entidades e concellos comezará a contar a partir do día seguinte da publicación da convocatoria e o seu estrato no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).

GALICIA

A Xunta de Galicia activa 2 M€ para favorecer a renovación de electrodomésticos nos fogares galegos  

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, visitou esta mañá en Santiago de Compostela un dos 437 establecementos adheridos a esta iniciativa


A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, visitou esta mañá en Santiago de Compostela Coruñastar, un dos 437 establecementos adheridos ao programa Galicia Renova Electrodomésticos
Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, visitou esta mañá en Santiago de Compostela Coruñastar, un dos 437 establecementos adheridos ao programa Galicia Renova Electrodomésticos que desde hoxe ten aberto o prazo de axudas.

 Tal e como explicou, actívanse 2 M€ en apoios destinados á renovación de electrodomésticos nos fogares galegos que, durante este ano 2022, permitirán a 13.000 familias aforrar 540.000 euros ao ano na súa factura eléctrica, nun momento en que a elevada inflación dos produtos enerxéticos está a impactar considerablemente nos fogares.

 Os apoios do programa Galicia Renova Electrodomésticos están dirixidos a persoas que residan en vivendas localizadas en Galicia e queiran renovar os seus equipos por outros da mesma tipoloxía e coa seguinte cualificación enerxética: frigorífico ou frigorífico conxelador A, B, C ou D; conxelador A, B, C ou D; lavadora A, B ou C; lavalouza A, B ou C; ou encimera de indución total. As axudas son de concorrencia non competitiva -por orde de solicitude- e pedidas a través de entidades colaboradoras.

 Os apoios poderán acadar o 25 % do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral e do 50 ou 75 % para os consumidores con máis dificultades, polo que, segundo a tipoloxía de electrodoméstico e o consumidor, as axudas irán desde os 100 aos 450 euros. Cada beneficiario só poderá recibir unha axuda para cada unha das tipoloxías cun máximo de tres electrodomésticos por beneficiario.

 Con esta nova convocatoria a Xunta de Galicia prevé promover unha mobilización de 7 M€, aforros económicos anuais de 540.000 euros, unha redución do consumo enerxético de 2700 MWh/ano, unha diminución das emisións de CO2 equivalente á plantación de 40.000 árbores e o mantemento ou creación dun, aproximadamente, centenar de postos de traballo, entre directos e indirectos.

 Galicia avanza, polo tanto, nun cambio cultural que proporciona ás familias as ferramentas necesarias para a descarbonización da economía a través deste programa para a renovación de electrodomésticos. Preténdese non só a redución dos custos enerxéticos e a mellora da calidade de vida ligada ao coidado medioambiental, senón tamén contribuír á dinamización comercial.

 Na pasada convocatoria do Galicia Renova Electrodomésticos, a Xunta xa apoiou actuacións que serviron para reactivar a actividade comercial e facer fronte aos efectos da pandemia neste sector.

COOPERACIÓN TRANSFRONTEIRIZA

A Xunta de Galicia aposta polo reforzo da cooperación transfronteiriza de proximidade no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal  

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participaron esta mañá na reunión da Asemblea da AECT da Euorrexión Galicia-Norte de Portugal na que se aprobou o plan de actividades e o orzamento para este ano 


Na Asemblea de hoxe tamén se realizou unha declaración de condena á guerra de Ucraína
Foto: X.G.

Infogauda / Vigo

 O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participaron esta mañá na reunión da Asemblea e o Consello Superior da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal, na que se aprobou o plan de actividades e o orzamento para este ano, ademais de acordar a elaboración de proxectos de cooperación transfronteiriza acordes coas novas orientacións do novo programa Interreg VA España-Portugal (POCTEP) para o período 2021-2027.

 No encontro, a Xunta incidiu na necesidade de intensificar a cooperación transfronteiriza de proximidade no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Ademais, acordouse apoiar a cooperación empresarial apostando por protocolos de cooperación con asociacións empresariais da Eurorrexión con clústeres do téxtil, da explotación forestal, do automóbil e do turismo, así como a especialización eurorrexional en novas áreas como a aeroespacial.

 Na reunión tamén participaron o vicepresidente da Comisión de Coordinación de Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-Norte), Beraldino Pinto; ademais da vicepresidenta e a responsable de Desenvolvemento Rexional deste organismo, Célia Ramos e Raquel Meira respectivamente. Tamén estiveron presentes o director e o secretario da AECT da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, Nuno Almeida e Xosé Lago.

 Por outra banda, a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal publicará este ano novas convocatorias do programa de mobilidade académica Iacobus para estadías, publicacións científicas e patentes. Tamén se continuará a fomentar o intercambio na Eurorrexión no ámbito cultural a través do proxecto Nortear e no turístico co programa Facendo Caminho. Ademais, a AECT da Eurorrexión seguirá a colaborar na promoción e difusión dos Camiños de Santiago en Portugal, coa dirección de Turismo do Norte luso e a de Galicia co obxectivo de presentar, neste 2022, as bases para o plan director das rutas xacobeas portuguesas a Compostela.

 Na Asemblea de hoxe tamén se realizou unha declaración de condena á guerra de Ucraína e acordouse realizar un informe sobre o impacto da guerra na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal.

CULTURA

Galicia e Portugal afianzan a colaboración en proxectos lingüísticos e educativos  

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o embaixador de Portugal en España, João António da Costa, mantiveron unha xuntanza para estreitar relacións no ámbito da lusofonía 


O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o embaixador de Portugal en España, João António da Costa, mantiveron unha reunión de traballo
Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o embaixador de Portugal en España, João António da Costa, mantiveron unha reunión de traballo co obxectivo de afianzar a estreita colaboración en proxectos lingüísticos e educativos entre Galicia e o país veciño.

O representante da Xunta incidiu na importancia da vantaxe lingüística que supón os vínculos coa lusofonía e na necesidade de aproveitar esta potencialidade que, no caso do idioma galego, supón valorizalo como lingua con utilidade internacional, tal e como queda reflectido na Lei Paz Andrade aprobada no ano 2014.

Na actualidade, preto de 5.000 alumnos galegos estudan portugués en Galicia tanto en centros educativos (como primeira ou segunda lingua estranxeira ou como materia de libre configuración) e en Escolas Oficiais de Idiomas. Tamén cómpre destacar os 25 anos que leva en marcha o proxecto transfronteirizo Ponte...nas ondas!, que promove o intercambio lingüístico galego-portugués entre centros de ensino da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que opta como candidatura conxunta a Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco.