O BNG LEVA AO PLENO DO CONCELLO “A DEMANDA DUNHA COMUNICACIÓN EFICAZ ENTRE A GUARDA E CAMINHA”
Anxo Lois Baz (portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello de A Guarda): “Precisamos un compromiso das administracións para dotarnos dunha comunicación eficaz que abra portas a constitución da Eurocidade A Guarda-Caminha”
Infogauda / A Guarda
O BNG levará ao Pleno do Concello de A Guarda “a demanda dunha comunicación eficaz entre A Guarda e Caminha”. Os nacionalistas teñen presentado senllas propostas no mesmo sentido no Congreso dos Deputados e no Parlamento Galego.
A proposta do BNG considera que “o “ferry” que une A Guarda con Caminha fai anos que quedou obsoleto”. Argumentan os nacionalistas que “se trata dunha embarcación anticuada que precisa dun calado para navegar que o rio non ten”. “Esta realidade -manifestan- condiciona uns horarios que veñen determinados polas mareas o que impide ter frecuencias regulares e estruturadas”.
O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz manifestou: “Recuperar dun xeito eficaz a comunicación con Caminha resulta fundamental para nós. Precisamos dun compromiso entre o Goberno do Estado español, o Goberno portugués e a Xunta de Galiza para dotarnos dun transporte eficaz e sostíbel para as dúas beiras do Miño que abra portas a constitución da Eurocidade A Guarda-Caminha”.
O nacionalista acabou concluíndo “Non podemos conformarnos con un ferry que xa non cumpre as expectativas mínimas para a poboación dos dous lados do rio e aínda que no inmediato é preciso que se repare o pantalán entendemos que A Guarda debe ter unha proposta de futuro moito máis ambiciosa que nos permita unha mobilidade con Caminha con frecuencias regulares e estruturadas na que se combinen distintas modalidades de transporte público”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario