23 de mar. de 2022

OIA

Comeza a tempada 2022 no Real Mosteiro de Oia 

Cun programa cheo de plans e actividades para todos os públicos 


Un momento da presentación da tempada 2022 no Mosteiro de Santa María de Oia

Infogauda / Oia

 Despois de dous anos de actividade pero marcados polas restricións debido á pandemia por Covid-19, o Mosteiro de Oia arrinca cunha tempada ampliada, moi completa, e cargada de plans para todos os públicos. 

 Nestes últimos 24 meses, a programación do Mosteiro limitouse aos meses de verán, e do mesmo xeito que outras iniciativas culturais, a programación foi coidadosamente deseñada para convivir coas limitacións marcadas polas autoridades para continuar ofrecendo unha cultura segura. Así seguirá sendo, mantendo unha contorna segura e baixo a normativa vixente, pero a novidade é que a tempada retoma un calendario amplo iniciándose o vindeiro xoves 14 de abril, día en que abrirán as súas portas ao público e prolongarase ata o mes de outubro. Así o comunicaron hoxe nun evento de presentación no propio cenobio. 




 Xunto coas visitas guiadas ao único mosteiro da Orde do  Císter a beiras do océano, poderase seguir gozando dos xa coñecidos “Solpores” con música en vivo terán lugar nos meses de xullo e agosto, e contarán con  Rivergood, Soul &  Roll, Leticia Rey e  Olaya  Álcazar; eventos que suceden mentres o sol ponse no horizonte e degústase unha copa de viño Quinta de Couselo, tradicional colaborador do Mosteiro de Oia. Ao mesmo tempo as “Conversas” contarán este ano con Suso Vila, o 30 de abril; José Fariña, o 28 de maio; e  Delmi  Alvarez, o 16 de Julio. 

 Pero como xa vén sendo tradicional haberá eventos específicos, como a “Treboada.  Cando os  monxes loitaban contra piratas, que celebra a efeméride da máis importante batalla que os monxes mantiveron con piratas berberiscos e que contará cun marcado carácter familiar. Será o 23 de abril cando as familias e especialmente os nenos poderán gozar dun conta conto e unha posta en escena con divertidos xogos grazas a Raquel  Queizás.  

 Outro evento sempre esperado é “A Emoción dos  Viños” que terá lugar o 17 e 18 de xuño. Un evento de dous días no que os amantes do viño poderán darse cita nunha contorna única e gozar da verdadeira esencia dos viños. 

 Como novidade: CONCILIUM, o primeiro xogo en vivo nun mosteiro en Galicia. É máis que un  xogo, no que os participantes coñecerán o edificio e a súa historia, na pel de personaxes do século  XV. A inmersión chegará ata a vestimenta, e haberá oito edicións para que ninguén quede sen vivir esta experiencia única que terán lugar entre os meses de abril e setembro. Esta actividade estará patrocinada por Banda Cervexas e Calabizo. Estes produtos de proximidade fabricados no Val Miñor poderán degustarse no transcurso do xogo. 

 Os aforos son limitados, así que recomendan reservar as entradas a través de www.mosteirodeoia.com

Ningún comentario:

Publicar un comentario