Tomiño pon en marcha un completo programa de accións para reactivar a actividade económica e social
Inclúe novos servizos xa en funcionamento e novas actividades de dinamización “para que a veciñanza volva tomar as rúas”
Tomiño quere que as súas
rúas e o seu comercio local recobre vida. O Concello vén de poñer en marcha
‘Vive!’, unha campaña cun completo programa de accións de diferente índole que
se realizarán durante os meses de marzo, abril e maio que busca reactivar a
actividade económica e social do municipio. “Queremos que a veciñanza volva á
rúa e que as fins de semana sexan animadas, saíndo pouco a pouco da dinámica
pandémica na que estamos inmersos. E querémolo porque sabemos que iso
favorecerá tanto ao comercio local e aos nosos mercados municipais como a
hostalaría”, explicou a alcaldes, Sandra González, durante a presentación da
campaña no Mercado Municipal de Tomiño. A rexedora estivo acompañada polo
concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Francisco Campo.
Trátase dunha campaña integral que busca ofertar novos
servizos, como os carros da compra nos núcleos urbanos de Goián e Tomiño
para facilitar á veciñanza mercar nos establecementos locais, postos en marcha
recentemente e que “están funcionando moi ben, de feito imos ampliar o número
de carros dispoñibles”. Tamén acaba de inaugurarse esta semana un “innovador e
dinámico” servizo de consigna para a recollida de pedidos pola tarde na praza
de abastos de Tomiño e estrearase en breve a nova web dos mercados de Goián e
Tomiño, que vai “nese camiño cara á dixitalización e modernización que teñen
que facer os nosos mercados para chegar á nova clientela”.
O programa de actividades arranca esta
mesma fin de semana cos ‘Domingos sesión vermú’, unha xornada na que se
combinará a música de grupos tomiñeses co bo ambiente no Mercado Municipal de
Tomiño. A primeira cita será este domingo 27 ás 13.00 horas con Lara e Diego.
Os vindeiros encontros serán os días 10 e 15 de abril con Acevedos Delgados e
Alonso, Piñeiro, González Trío, respectivamente.
Tamén se retomarán os ‘Sábados con sabor’, nos
que o público poderá degustar pinchos e viños e co que se busca “ofrecer á
veciñanza espazos de lecer ao tempo que se lles anima a mercar no mercado e no
comercio local”. Serán os días 2 e 9 de abril e 7 e 21 de maio a partir das
13.00 horas e as persoas interesadas deberán comprar o ticket previamente en
calquera posto do Mercado de Tomiño.
Co obxectivo de que todas as fins de semana haxa
actividades de lecer chegan os ‘Mercados con-ciencia’, unha charla con
investigadores e investigadoras de diferentes campos coas que achegar a ciencia
ao público xeral. O profesor da Universidade de Vigo e responsable de
Divulgare, Luis Navarro, estará en Tomiño o 30 de abril, mentres que o 28 de
maio o encontro será con Luisa Martínez, doutora en Ciencias do Mar,
responsable da Unidade de Cultura Científica da delegación do CSIC en Galicia e
escritora.
P ara animar a veciños e veciñas a comprar en
Tomiño tamén se sortearán 200 carriños da compra “entre todos os
clientes do comercio local, algo moi útil e que á xente lle gusta, como temos
comprobado noutras iniciativas similares que levamos a cabo, como a de Nadal”,
salienta a rexedora.
Para incentiva non só o comercio senón tamén o emprendemento, ao abeiro desta campaña tamén “se fomentarán novas oportunidades de negocio” coa licitación de tres postos no Mercado de Tomiño e dun posto no Mercado de Goián, así como dun espazo dedicado á hostalaría na Unión do Porvenir e no Espazo Fortaleza de Goián.
Ningún comentario:
Publicar un comentario