Afirmou hoxe, nun mitin para presentar á cidadanía ao candidato do PP ás municipais do Rosal
Carlos Rodríguez Vicente: “Temos que recuperar a nosa identidade como pobo, non se pode permitir que nos Gobernen desde outro concello”
• Luis López sinala que o PP é un partido de feitos e non de fotos, e é fundamental apostar por gobernos serios e comprometidos.
Carlos Rodríguez Vicente, candidato do Partido Popular á alcaldía do Rosal, co presidente do PP de Pontevedra, Luis López Diéguez, e o conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez González
Infogauda / O Rosal
O candidato do Partido Popular á alcaldía do Rosal, Carlos Rodríguez Vicente, apela por “recuperar a nosa identidade como pobo, temos a nosa propia idiosincrasia e non podemos permitir que nos Gobernen desde outro concello”. Por iso, di que se presenta ás municipais de maio “con ilusión, cun gran proxecto de concello, pero sobre todo, co compromiso de gobernar desde O Rosal e para O Rosal”. Nesta liña, critica que “agora mesmo estamos sendo un banco de probas no que as decisións non se toman desde o noso concello e por persoas de aquí, senón que veñen doutros lugares a dirixirnos e decidir por nós. E isto di moito da falta de personalidade e de iniciativa da alcaldesa e do Goberno local. Non se pode permitir máis tempo”.
Foi esta tarde, durante a celebración dun mitin para presentarse aos veciños, no que tamén participaron o presidente do PP de Pontevedra, Luis López Diéguez, e o conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez González. O candidato popular subliña que “ninguén vela máis polos intereses do Rosal que os seus propios veciños. Non necesitamos que ninguén veña a decidir por nós. Temos a nosa propia historia, as nosas necesidades, as nosas preocupacións, unha idiosincrasia propia e diferente a outros concellos, e queremos que se atendan como merecemos”.
Pola súa parte, Luis López di que “Carlos reúne todas as cualidades dun bo candidato. É unha persoa próxima, unha persoa preparada, cunha gran capacidade de traballo, con inquedanzas e que contaxia ilusión. Ten as ideas claras e está comprometido co seu concello”. Por iso, amósase convencido de que “será alcalde do Rosal en maio”. Para conseguilo, di que o primeiro paso é recuperar a confianza dos veciños: “Hai que saír á rúa, escoitar, recoñecer con toda a humildade os erros que se puideron cometer, facer propostas e xerar confianza. Só estando na rúa, próximos aos veciños, poderemos acertar”.
Recorda que “somos un partido de feitos e non de fotos”. E por iso, di que “é fundamental apostar por gobernos serios, gobernos comprometidos, gobernos que empaticen coas necesidades dos seus veciños”, e deixar atrás catro anos de Goberno do BNG “que converteron ao Rosal nunha parroquia máis de Tomiño, con grandes deficiencias, falta de xestión, de iniciativa e de proxecto propio para este concello”. Por iso, di que “si non escoitamos, si non atendemos, si non xestionamos, si non traballamos polos nosos veciños, cal é o sentido de seguir como alcaldesa dun concello?”
Por último, subliña que “na política local, o obxectivo é traballar para mellorar o teu concello, para dotalo de mellores servizos, de maiores infraestruturas, buscar investimentos… atender aos teus veciños e traballar para que a súa calidade de vida sexa cada vez maior. E Carlos e o Partido Popular están preparados para facelo”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario