2 de dec. de 2022

O ROSAL

O proxecto ‘Depoforest’ remata no Rosal con vinte persoas formadas no sector forestal   

 Coas prazas cheas, ao longo de oito días as e os participantes achegáronse á teoría e á práctica do aproveitamento madeireiro, micolóxico, silvopastoril e da resinación  


As vinte persoas participantes guiadas por persoal experto achegáronse a todos os conceptos teóricos relacionados coa xestión integral dos piñeirais 

Fotos: C.O.R.   

Infogauda / O Rosal

 Grande éxito de acollida no Rosal do proxecto ‘Depoforest’, un curso centrado na xestión integral e aproveitamento dos montes organizado pola Deputación de Pontevedra en colaboración co Concello que permitiu ao longo dos oito días de formación gratuíta “mellorar a capacidade de atopar traballo de persoas en situación de desempregadas, apostando de novo polo emprego verde ao tempo que se traballa na protección do noso sector forestal de xeito diverso e sostible”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 




 Coas prazas cheas, durante as dúas últimas semanas de novembro, as vinte persoas participantes guiadas por persoal experto achegáronse a todos os conceptos teóricos relacionados coa xestión integral dos piñeirais, dende o aproveitamento madeireiro, micolóxico e silvopastoril ata a resinación.  

 A parte teórica combinouse con prácticas en terreos da comunidade de montes das Eiras, onde fixeron un recoñecemento dos aproveitamentos actuais ademais de identificar e recoller cogomelos silvestres, aprender a recoñecer as características dos piñeiros e ver algúns tratamentos silvícolas. Nesta parte da formación, as e os participantes puideron coñecer e practicar con tres métodos de resinación diferentes: a pica de cortiza tradicional, a pica de cortiza circular mecanizada e un método experimental chamado borehole.  

 As prácticas remataron facendo unha inoculación en masas adultas de piñeiro de especies micolóxicas con alto interese, como son os boletus e o níscalo, favorecendo así a súa presenza e frutificación.   

 Este proxecto de creación de emprego posto en marcha pola Deputación provincial ao abeiro do Programa Empleaverde da Fundación Biodiversidad buscaba introducir a través da formación os coñecementos necesarios para unha mellor xestión da superficie forestal a longo prazo e unha maior obtención de beneficio, ademais de introducir actividades económicas que axuden a obter o mellor produto con vistas aos vindeiros 15 ou 20 anos ao tempo que pode ser fonte de ingresos complementarios de xeito máis periódico e “convertendo o medio forestal nunha oportunidade laboral para os veciños e veciñas do noso rural”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario