5 de dec. de 2022

A GUARDA

Cruz Vermella: “Igual que os obxectos caen pola gravidade, existe a ‘Forza V’, a do voluntariado”  

Cruz Vermella, a organización co maior movemento voluntario do mundo, lembra que #ante unha situación de necesidade o seu voluntariado sempre responde 

Cruz Vermella conta con 710 persoas voluntarias en activo na provincia. 

O 5 de decembro conmemórase o Día Internacional do Voluntariado co reto de seguir evolucionando e innovando para que Cruz Vermella siga sendo referente no mundo con voluntariado experto, formado, activo e crítico 


Máis de 250.000 persoas forman parte do voluntariado de Cruz Vermella Española


Cruz Vermella / A Guarda

 Máis de 250.000 persoas forman parte do voluntariado de Cruz Vermella Española, unha das sociedades nacionais do Movemento Internacional da Cruz Vermella, que se constitúe como o maior movemento voluntario do mundo.na provincia de Pontevedra, hai 710 persoas voluntarias en activo, que ao longo de 2022 desenvolveron máis de 24.000 horas de acción voluntaria.  

 Para conmemorar este día, a fin de semana pasada, Cruz Vermella organizou no Salnés o encontro provincial de voluntariado, ao que acudiron un centenar de persoas voluntarias de todas as asembleas da provincia. Durante a xornada puideron gozar da charla “Motivar ao equipo” por Pablo Perles, un taller de marisqueo con Amar Carril – Turismo mariñeiro inclusivo, un paseo en tren turístico e unha comida.   

 Como referentes nese ámbito, Cruz Vermella busca seguir innovando para coñecer as inquietudes e causas que orientan e rexen ao voluntariado para prestar a súa axuda aos demais, tendo claro que na Organización se aposta por un modelo de voluntariado que “evoluciona, que está formado, é activo, solidario e crítico, para que nos axude a construír novas formas de traballo que nos faga referentes no mundo como expertos de voluntariado”, sinala Javier Senent, presidente de Cruz Vermella. Para esta Organización Humanitaria, todo o que pasa réxese polas leis da física: igual que os obxectos caen pola gravidade, igual que a forza afecta os obxectos en aceleración, existe a ‘Forza V’, a forza que move ao voluntariado ante unha situación de necesidade para responder, para axudar na súa contorna, e en todas partes.   

 Así o demostraron durante o 2022 en situacións tan extraordinarias como a crise derivada do conflito de Ucraína. Pero, sobre todo, no día a día, acompañando a persoas maiores para paliar a súa situación de soidade non desexada, escoitando ás que necesitan un desafogo emocional, orientando e formando ás que necesitan un emprego, espertando a ilusión de nenos e nenas hospitalizados, interesándose polas persoas que non teñen un lugar onde vivir, ou entregando bens e produtos de primeira necesidade en xeral a quen o necesita.  

 Son centos de proxectos os que Cruz Vermella desenvolve na actualidade, e cos que consegue chegar a máis de 5 millóns de persoas ao ano, unha cifra que podería aumentar pola actual crise derivada da inflación, o cambio climático ou o conflito en Ucraína. Por iso, en setembro lanzouse o chamamento de emerxencia Cruz Vermella Reacciona, mediante o cal, apoiados nun financiamento inicial de 8 millóns de euros, vai atender as necesidades urxentes de 100.000 persoas en situación de vulnerabilidade.  

O perfil do voluntariado actual 

 Muller, de 41 anos, con estudos superiores, e que realiza a súa acción de voluntariado en inclusión social: así é o perfil máis numeroso das persoas que deciden facer voluntariado con Cruz Vermella. No relativo á antigüidade media das persoas voluntarias, é de 7 anos, 9 meses e 23 días.  Por outra banda, o rango de idade no que se agrupa o maior número de persoas voluntarias é o comprendido entre os 21 e os 30 anos, con 67.449 persoas voluntarias (26% do total).  Entre as tarefas de maior interese para realizar voluntariado destacan primeiro as relativas a inclusión social; segundo, as de socorro e emerxencias; e en terceiro lugar as dedicadas á mocidade. No que vai de ano, máis de 34.000 persoas incorporáronse ao voluntariado de Cruz Vermella.         

Sobre Cruz Vermella 

 Cruz Vermella representa o maior movemento humanitario, cidadán e independente do mundo. Leva 158 anos colaborando con entidades públicas e privadas para que a humanidade e a dignidade chegue a todas as persoas en calquera lugar e en todo momento e circunstancias.  

 En España, Cruz Vermella conta con máis de 256.000 persoas voluntarias e máis de 1.250 puntos de atención en todo o territorio, que permiten atender anualmente a case 15 millóns de persoas en todo o mundo. Todo iso co apoio de preto de 1,4 millóns de socios, empresas e aliados en todos os sectores da sociedade.  

 Cruz Vermella lanzou o plan ‘Cruz Vermella Reacciona: unha resposta directa, inmediata e próxima ante a crise’ provocada pola pandemia, o cambio climático e o conflito en Ucraína para responder ás crecentes necesidades da poboación no contexto de incremento sostido dos prezos de bens e servizos básicos. Nunha primeira fase, Cruz Vermella pretende atender as necesidades de máis de 100.000 persoas cun orzamento inicial de 8 millóns de euros. Ante a necesidade básica urxente, Cruz Vermella Reacciona axuda á súa cobertura inmediata coa entrega de bens e axudas económicas; fomenta o coñecemento de medidas que reducen o nivel de necesidade ou amplía os recursos de cada persoa para mellorar a súa situación; promove a autonomía das persoas, a fin de que lideren o seu propio proceso de cambio; e busca ser unha resposta inmediata con vocación de transformación duradeira, implementando accións que consoliden os cambios.  

 Cruz Vermella Española pertence ao Movemento Internacional da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella presente en 192 países. Actuando sempre baixo os seus sete Principios Fundamentais: Humanidade, Imparcialidade, Neutralidade, Independencia, Carácter Voluntario, Unidade e Universalidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario