A Guarda acada recoñecementos no Certame Vilas en Flor
• Nesta edición, na que participaron un total de 39 municipios galegos, o concello guardés obtivo 3 flores de honra.
Fotos: VV. en F.
Momento no que Mª Montserrat Magallanes Álvarez, tenente de alcalde e concelleira de Medio Ambiente no Concello de A Guarda, recibiu os galardóns do certame Vilas en Flor
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda participou un ano mais no Certame Vilas en Flor celebrado o pasado venres día 2 de decembro nunha gala que tivo lugar no auditorio municipal de Caldas de Reis. Nesta edición participaron 39 concellos de toda Galicia e en función da súa traxectoria e as accións levadas a cabo para poñer en valor os seus espazos verdes, a xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna, acadaron diferentes distincións, sendo o Concello de A Guarda agraciado con tres flores de honra.
O acto estivo precedido por unha xornada técnica cun relatorio que abordou aspectos sobre a mala praxe na xestión do arborado urbano en pobos e vilas de Galicia, impartida por Francisco Rodríguez Trinidad. Posteriormente, procedeuse á lectura da acta do xurado e á entrega das Flores de Honra, á que asistiron o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey; a conselleira de Medio Ambiente, María Ángeles Vázquez Mejuto; o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez; e o director do Movemento Vilas en Flor e director da Escola Galega da Paisaxe, Pedro Calaza. Tamén asistiron representantes das entidades organizadoras e patrocinadoras, como o presidente da Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR), Víctor Pérez Vilar, e o presidente da Asociación de Viveristas del Noroeste (ASVINOR), Ignacio Etxebarria. Participaron en representación do Concello de A Guarda, Mª Montserrat Magallanes Álvarez, tenente de alcalde e concelleira de Medio Ambiente, e Tamara Otero, técnica municipal de Medio Ambiente.
"Vilas en Flor" é unha iniciativa que comezou a súa andadura no ano 2018, co obxectivo de apoiar a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, impulsada pola Fundación Juana de Vega, en colaboración con ASVINOR e AGAEXAR. Este movemento segue o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias e País Valenciá, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá. O proxecto conta co patrocinio de Rain Bird, Husqvarna e a consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Aos cinco concellos participantes da primeira edición viñéronse sumando numerosas localidades ao longo das diferentes entregas. Actualmente, os 39 concellos participantes pertencen ás catro provincias de Galicia, con Allariz, O Carballiño, Leiro, A Pobra de Trives e San Xoán de Río na provincia de Ourense; Caldas de Reis, A Guarda, Baiona, Cambados, Cuntis, Gondomar, Lalín, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui, Mondariz, Vilagarcía de Arousa e A Estrada, na provincia de Pontevedra; Ortigueira, Culleredo, Fene, Narón, Ponteceso, Pontedeume, Sada, San Sadurniño, Oza-Cesuras, Miño, Abegondo, Arteixo, Coristanco, Carballo, As Somozas, Curtis e A Laracha, na provincia da Coruña; e Chantada, Mondoñedo e Sarria na provincia de Lugo.
O xurado, formado por expertos multidisciplinarias, realizou un exhaustivo estudo con visitas técnicas a cada un destes concellos, co fin de analizar os criterios que puntúan neste certame.
“Vilas en flor” é un programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística, na liña dalgunha das multifuncionalidades da infraestrutura verde. Con este proxecto preténdese a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais, enriquecidas con obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. Deste xeito, os concellos son recoñecidos pola súa contribución ao desenvolvemento local a través da paisaxe, xerando actividade do propio sector da planta ornamental e da xardinería, así como un aumento de visitas turísticas. De feito, existen rutas específicas para os concellos que participan neste tipo de programas, construíndo unha marca de calidade local.


 
 
 
.jpg) 
 
.jpeg) 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
Ningún comentario:
Publicar un comentario