Gerardo Rodríguez Refojos presentado como candidato á alcaldía de Oia polo PSdeG-PSOE
Carmela Silva e David Regades con Gerardo Rodríguez Refojos - no centro da imaxe -, no acto de presentación da candidatura a alcaldía de Oia
Infogauda / Oia
Na xornada deste sábado día 3 de decembro de 2022 tivo lugar a presentación do candidato á alcaldía de Oia polo PSdeG-PSOE, Gerardo Rodríguez Refojos, que contou tamén coa presencia e intervencións do secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE, David Regades; da presidenta do PSdeG-PSOE, Carmela Silva e preto dun cento de amigos, simpatizantes e afiliados socialistas, que participaron tamén nun xantar de convivencia tralo remate do acto.
A presentación de Gerardo Rodríguez Refojos como candidato á alcaldía de Oia polo PSdeG-PSOE tivo lugar no restaurante Lugar, de Viladesuso-Oia, e arrancou cunhas verbas do concelleiro socialista Américo de Oliveira, que se encargou de dirixir o acto e dar paso a David Regades, secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE.
En palabras de Regades, “Oia precisa un cambio, precisa un novo goberno socialista, un goberno local que aposte polo futuro de Oia, comprometido cos veciños e veciñas e cos proxectos que fagan progresar a un municipio moi castigado por un PP que non fai máis que dilapidar e malgastar os fondos públicos, os cartos de todos os veciños de Oia. É por iso que Oia precisa a Gerardo, un candidato comprometido co municipio e que defenderá os intereses de todos e de todas”.
Despois da intervención de Regades tocáballe a quenda de intervención a Carmela Silva, presidenta do PSdeG-PSOE, quen amosou o enorme traballo dos socialistas de Oia na oposición, un labor que se verá recompensado co paso de Gerardo á fronte do goberno municipal de Oia nos vindeiros comicios electorais de 2023, resaltando que “é o momento de que os socialistas gobernen Oia, un municipio que ten sufrido o caciquismo do PP por moitos anos e que merece un goberno xusto para os seus cidadáns, e ese goberno virá da man de Gerardo Rodríguez Refojos e dos socialistas de Oia”.
Xa para rematar era a quenda de intervención do Candidato á alcaldía de Oia polo PSdeG-PSOE, Gerardo Rodríguez Refojos, unha intervención moi emotiva na que pediu a todos os veciños e veciñas de Oia o seu apoio para dar o cambio que precisa Oia, indicando que “estou aquí para gobernar Oia, para gobernar un municipio cheo de riqueza, pero que nas mans do PP está nun fora de xogo”. Animou a todos e todas as socialistas de Oia a que difundan o compromiso de Gerardo con Oia ante a deixadez e abandono a que ten sometido ao municipio o actual goberno do PP, Gerardo Rodríguez Refojos será o próximo alcalde de Oia, iso é algo que xa ninguén pon en dúbida e así o reflectirán os votos nos vindeiros comicios electorais de 2023.
Ningún comentario:
Publicar un comentario