ÁREA SANITARIA DE VIGO
A Plataforma SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo quere chamar á cidadanía a participar o día 30 de novembro na CONCENTRACIÓN convocada ás 19h, diante do MARCO, para salvar e fortalecer a Atención Primaria e a todo o Sistema Sanitario Público Galego, ameazado polas políticas de recortes e desmantelamento da Xunta de Galicia e a Consellería de Sanidade.
A poboación sofre importantes trabas e limitacións para acceder e ser atendida nos Centros de Saúde, PAC e Servizos de Pediatría de Atención Primaria; soporta listas de espera de días ou semanas e consultas masificadas; o peche de PAC e centros de saúde rurais; a perda da promoción, prevención, promoción, rehabilitación e atención ás enfermidades crónicas; e o abandono da participación comunitaria.
Mentres, o persoal dos centros de saúde e PAC esta sometido a condicións de inestabilidade e precariedade laboral e a unha enorme presión asistencial por falta de recursos.
Por todo iso desde SOS Sanidade Pública convocamos á cidadanía a que demostre o seu rexeitamento ao desmantelamento do Sistema Sanitario Público e en apoio da Iniciativa Lexislativa Popular na que propoñemos que o Parlamento de Galicia debata e aprobe unha serie de medidas necesarias para por en valor a nosa Atención Primaria.
Só a mobilización social, en alianza co persoal da sanidade pública, pode frear o deterioro da Atención Primaria.
Convocamos a toda a poboación e ao persoal da sanidade pública a CONCENTRARSE o día 30 de Novembro, ás 19h, diante do MARCO, na rúa Príncipe de Vigo, en defensa da Atención Primaria e do Sistema Sanitario Público.
Vigo, 28 de novembro de 2022
Plataforma SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo
Ningún comentario:
Publicar un comentario