28 de nov. de 2022

O BAIXO MIÑO

AUTORIDADES LOCAIS DA TRIPLA FRONTEIRA DO RÍO URUGUAI VISITAN O TERRITORIO DO RÍO MIÑO PARA COÑECER DE PRIMEIRA MAN O MODELO DE COOPERACIÓN TRANSFRONTEIRIZA MIÑOTO   

 Uxío Benítez describiu o encontro como unha oportunidade para aprender mutuamente sobre dous casos moi semellantes e situou os problemas ambientais do río Miño como o principal reto que afrontar neste momento  

 

No acto tamén estiveron presentes a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o director do AECT Rio Minho e deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez; o subdirector do AECT Rio Minho, Rui Pedro Teixeira Ferreira; o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González; e o presidente da câmara municipal de Valença do Minho, José Manuel Carpinteira, así como unha ampla representación das alcaldías do territorio

Fotos: D.PO.


Infogauda / Tui

 O director do AECT Rio Minho e deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez recibiu esta mañá no Parador de Tui ao Comité para o desenvolvemento da tripla fronteira do Río Uruguai - que conecta Uruguai, Arxentina e Brasil -, unha delegación de 15 persoas composta por persoal técnico e representantes de entidades locais dos tres países latinoamericanos para intercambiar experiencias sobre a xestión de fronteiras delimitadas por ríos e coñecer de primeira man o modelo de cooperación do AECT Rio Minho e os proxectos transfronteirizos desenvoltos no territorio. No acto tamén estiveron presentes a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o subdirector do AECT Rio Minho, Rui Pedro Teixeira Ferreira; o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González; e o presidente da cámara municipal de Valença do Minho, José Manuel Carpinteira, así como unha ampla representación das alcaldías do territorio. 


O director do AECT Rio Minho e deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, nun momento da súa intervención

 Uxío Benítez sinalou que se trata dunha importante oportunidade para intercambiar coñecementos entre dous casos moi semellantes: “vós sodes tres e nós dous países cunha fronteira canalizada por un río pero moitas das problemáticas que afrontamos son as mesmas”. En concreto o deputado explicou que “un gran reto que temos por diante neste neste momento é o de crear un instrumento de gobernanza que realmente xestione en común a fronteira fluvial do río Miño e o seu entorno natural”, un espazo baixo protección ambiental europea que presenta diversas problemáticas ecolóxicas derivadas en moitos casos do seu papel de liña de división entre dous países. “Dende o AECT Rio Minho aspiramos a pór de acordo a todas as institucións e administracións que teñen competencias sectoriais a nivel ambiental para  derivadas do seu rol de fronteira”, anunciou Benítez lamentando que se o río “fose español ou portugués, o Estado ao que lle correspondese xa tería investido para por en marcha un proxecto inversor de saneamento integral”.  

 Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, lembrou que “o futuro do planeta pasa por ser capaces de poñer en relación a diferentes institucións que están traballando para conseguir que lugares tan importantes como son os ríos sexan lugares de desenvolvemento e de coidado do medio ambiente, e pasa pola suma de sinerxías entre diferentes países en torno aos ríos”. Polo tanto, esta reunión do AECT Rio Minho coa delegación do Comité para o Desenvolvemento da Conca do Río Uruguai responde segundo Silva a “ese novo modelo de ser capaces de ter proxectos comúns que permitan avanzar a través das boas prácticas que se realizan en diferentes lugares”. Ademais, a presidenta destacou que “para a Deputación de Pontevedra é un honor que o Comité para o Desenvolvemento da Conca do Río Uruguai veña visitar, traballar e coñecer como funciona o AECT Rio Minho porque iso significa que estamos a facer un bo traballo e a poñer en marcha iniciativas novidosas que espertan interese en calquera lugar do mundo”. 

Intercambio de experiencias entre fronteiras hídricas 

 A iniciativa consiste nunha visita de estudo organizada polo AECT Rio Minho e a Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE) e enmárcase dentro do programa de Cooperación Triangular do proxecto Adelante2 da Unión Europea para o fortalecemento da gobernanza transfronteiriza nas concas hídricas, do que forman parte ademais a Autoridade Binacional boliviano-peruana do Lago Titicaca, o Congreso de Intendentes de Uruguai e o Comité de Desenvolvemento desa conca. 

 A xornada comezou con diferentes visitas institucionais ás eurocidades do territorio, que continuarán mañá martes, onde a delegación puido coñecer de primeira man os traballos de cooperación desenvoltos do territorio do Rio Minho Transfronteirizo.  

 Tras a recepción institucional que se celebrou no Parador de Tui, o programa continuou pola tarde coa celebración dun “Seminario eurolatinoamericano sobre desenvolvemento e gobernanza local nas concas hídricas internacionais” cuxas conclusións e acordos se publicarán mañá.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario