30 de nov. de 2022

GALIZA



MANIFESTO MOBILIZACIÓN EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA

30 DE NOVEMBRO 2022

 Desde a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia convocamos a toda a cidadanía a mobilizarse  para salvar e fortalecer a Atención Primaria e a todo o Sistema Sanitario Público Galego seriamente ameazado polas política de recortes e desmantelamento da Xunta de Galicia e a Consellería de Sanidade.

 Xa antes da pandemia, o sistema sanitario galego viña arrastrando unha serie de debilidades que non fixeron se non agravarse durante esta: a falta de accesibilidade, as longas listas de espera dun sistema saturado, a indubidable fatiga do persoal ou a escasa participación da cidadanía no sistema.

 A poboación a día de hoxe segue a sufrir importantes trabas e limitacións:

  • Para acceder e ser atendida nos Centros de Saúde, PAC e Servizos de Pediatría de Atención Primaria.
  • Soporta listas de espera de días ou semanas e consultas masificadas.
  • Están a desaparecendo as consultas de pediatría.
  • Moitos PAC están pechados ou con menos profesionais dos necesarios ao igual que moitos centros de saúde no rural.
  • Boa parte dos Centros de Saúde perderon as actividades de  promoción, prevención, promoción, rehabilitación,  atención ás  enfermidades crónica  e os programas da muller.
  • O SERGAS acabou coa participación comunitaria.

 O persoal da Atención Primaria esta sometido a condicións de inestabilidade e precariedade laboral inaceptables e a unha enorme presión asistencial polo recorte de persoal e falta de recursos.

 Desde a Xunta de Galicia e a Consellería de Sanidade non hai ningunha vontade de facer fronte ao problema  dado que para o 2023 o orzamento sanitario apenas crece respecto a este ano, especialmente o de Atención Primaria que pasa do 13,4% ao 13,7% do gasto sanitario total, tres miserables décimas para facer fronte á maior crise do sistema sanitario desde que se creou.

 Con este incremento é imposible recuperar a normalidade nas consultas de medicina de familia e os servizos de pediatría, tamén é imposible que os PAC conten con todas as profesionais necesarias para poder prestar unha atención sanitaria de calidade.

 Por todo iso desde SOS Sanidade Pública convocamos esta mobilización xeral de rexeitamento ao desmantelamento da Atención Primaria e en apoio da Iniciativa Lexislativa Popular na que propoñemos que o Parlamento de Galicia debata e aprobe unha serie de medidas necesarias para  solucionar a situación.

 E necesario redobrar os esforzos para recoller sinaturas para a ILP,  informar á poboación da situación real da nosa Atención Primaria e continuar convocando concentracións e manifestacións en todas as localidades de Galicia.

 Reivindicamos  un Novo Modelo de Atención Primaria que responda as necesidades da poboación, dotado dos recursos necesarios para atender os problemas e demandas de saúde da poboación, baseado na promoción, prevención, participación social e traballo comunitario.

 O obxectivo da Iniciativa Lexislativa Popular é a implantación dunha serie de medidas para revitalizar e fortalecer os mecanismos sanitarios de atención primaria.

 Así, en primeiro lugar, establécese a atención persoal ao paciente como regra xeral para as consultas médicas, correspondéndolle a el ou a ela a decisión de ser atendido de forma telemática; paralelamente, determínase tamén que deba existir sempre a opción de ser atendido por unha persoa ao chamar por teléfono aos servizos sanitarios.

 Así mesmo, establécense unha serie de medidas para fixar uns mínimos razoables de dispoñibilidade de centros e persoal para salvagardar a debida calidade da atención primaria aos pacientes, proporcionando unha atención sanitaria en igualdade tendo en conta as diferencias de cada xénero.

 A saúde reprodutiva e sexual das mulleres ten necesidades específicas que necesitan ser atendidas por matronas, non ter en conta esta especificación implica abrir unha brecha de xénero e unha desigualdade sanitaria, polo que se establece un mínimo de 1 matrona por cada 5.000 mulleres.

 Destacan de entre estas medidas a obrigación de publicar, como mínimo, unha convocatoria de prazas anual, a recuperación dos consultorios periféricos e o incremento e redimensión dos cadros de persoal dos centros de saúde.

 En terceiro lugar, recupéranse as Xerencias de Atención Primaria e desenvólvense as competencias dos Consellos de Saúde de Área Sanitaria e do Consello de Saúde de Galicia.

 Neste sentido, restablécense as Xerencias de Atención Primaria como elemento esencial da estrutura organizativa do sistema sanitario galego e o máis útil elemento de intervención na repartición de recursos e organización da asistencia primaria.

 Por outra banda, coa presente Lei búscase aumentar a capacidade de participación cidadá nos Consellos de Saúde de Área Sanitaria e o Consello de Saúde de Galicia, dándoselle maior peso e relevancia nos devanditos órganos.

 As mobilizacións non van parar ata conseguir o obxectivo de recuperar e fortalecer a nosa Atención Primaria.

 Soamente a alianza da poboación co persoal sanitario pode frear o deterioro da Sanidade Pública e a precariedade do seu persoal.

 SOS Sanidade Pública convocará unha nova manifestación en Santiago a primeiros do mes de febreiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario