30 de nov. de 2022

GALIZA

O colectivo de xubiladas e pensionistas da CIG concentrarase mañá nas cidades galegas 


Infogauda / Compostela

 O colectivo de xubiladas/os e pensionistas da CIG mobilizarase mañá xoves, día 1 de decembro, nas sete cidades, para reclamar unhas pensións dignas e revalorizadas anualmente conforme o IPC acumulado. Máis tendo en conta que as pensións galegas son das máis baixas do Estado. 

Mobilizacións 

A Coruña: Subdelegación do Goberno, 11h 

Ferrol: diante do INSS, 12h 

Compostela: Praza do Toural, 11h 

Lugo:  Subdelegación do Goberno, 11.30h 

Ourense: Diante do INSS, 11.30h 

Vigo: Farol de Urzáiz, 11h 

Pontevedra:  Praza da Peregrina, 11.30h  

 En xaneiro de 2021 entrou en vigor a reforma das pensións que, segundo o goberno central, recuperaba a revalorización das pensións anualmente de acordo ao IPC. Porén, o colectivo advertían, xa daquela, de que “esa revalorización viña con truco” porque a actualización que recolle a reforma “faise con respecto ao IPC medio do ano, en lugar de ter en conta o IPC acumulado”. 

 Por iso, ante o anuncio do goberno de incrementar as pensións este ano nun 8,5%, calculando que o IPC medio do 2022 será do entorno desa cifra, denuncian que pode supor maior perda de poder adquisitivo.  

 Lembran que as e os pensionistas e xubilados galegos teñen as segundas pensións máis baixas do estado, co que esa perda do poder de compra supón “termos cada día máis difícil afrontar os gastos dos produtos e servizos básicos para a vida diaria”. 

 Unha situación diante da que exixen a revalorización anual das pensións conforme ao IPC acumulado a final de ano, e a recuperación dos dereitos perdidos en canto ás pensións. Para iso, reclaman a derrogación das reformas das pensións, empezando pola de 2011 e incluíndo a de 2021.

Ningún comentario:

Publicar un comentario