19 de nov. de 2022

CAMPOSANCOS ( A GUARDA)

Vía Galega destaca o “éxito conseguido” ao izar a bandeira en máis de 200 lugares no aniversario da I Asemblea Nacionalista 

 Esta actividade enmárcase na campaña para divulgar os símbolos nacionais: o himno e a bandeira


 Logo do izado da bandeira galega pola presidenta da E.L.M, e Ricardo Portela Vilas,  tiveron lugar as primeiras intervencións
Mª Mercedes Martínez Vázquez, presidenta da E.L. M. de Camposancos, nun momento da súa intervención, acompañada de Simón Ubeira



Cristal Méndez Queizán, nun momento da súa declamación do poema En pé!

No acto de izado da bandeira en Camposancos participaron a presidenta da Entidade Local Menor de Camposancos, membros da corporación municipal de A Guarda e veciñas/os da localidade
Fotos: Santiago Baz Lomba

A presidenta da Entidade Local Menor de Camposancos no momento da prantación dun carballo coa axuda da nena Mérida Alonso Marques


Infogauda / Camposancos

 Dentro da campaña que Vía Galega  - plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, creada en 2018 - está a desenvolver por todo o País para propagar e popularizar os nosos símbolos nacionais, o himno e a bandeira, esta plataforma elixiu o 19 de novembro como data para a acción expansiva de izar a bandeira en lugares emblemáticos da xeografía galega, porque hai 104 anos, en 1918, as Irmandades da Fala celebraron en Lugo a I Asemblea Nacionalista.  
 
 “Temos que afirmar que as nosas expectativas víronse superadas”, explicou Anxo Louzao, portavoz de Vía Galega, “e por tanto podemos valorar como un éxito a izada da bandeira, xa que en 151 concellos e en 205 lugares, hoxe, ás 11:30 ergueuse unha bandeira galega”. En 41 lugares acompañouse esta acción con diferentes actos que consistiron en lectura de poemas alusivos á bandeira, actuacións musicais, e intervencións de representantes de Vía Galega.  

 Esta plataforma que aglutina máis de 60 colectivos sociais e culturais agradeceu a colaboración de 29 concellos que facilitaron a localización, a autorización e o apoio loxístico para colocar a bandeira para que siga ondeando no futuro. “Temos, tamén, o compromiso doutros concellos que, por diferentes motivos hoxe no a puideron colocar mais que teñen previsto colocala nos próximos días”, engadiu.  

 Vía Galega amósase moi satisfeita e valora positivamente a resposta activa dada para que esta semana se contaran por milleiros as bandeiras que engalanaron o País e luciran nas fiestra e varandas. Esta plataforma continuará co propósito e empeño de que todos os concellos e vilas coloquen bandeiras galegas en lugares visíbeis e que permanezan no futuro. Pois se para todos os países os seus símbolos son importantes, para unha nación como a galega, sen estado de seu e sometida durante séculos a un proceso de total asimilación, aínda cobran maior relevancia. “Son a expresión da nosa existencia como Pobo e do dereito a sermos libres”, explicou Anxo Louzao. “Porén, padecemos un Goberno galego que persegue, nega, oculta ou silencia o que nos fai galegas e galegos e as manifestacións en que subxaza autoafirmación nacional e identificación colectiva”, sinalou.  

 “Os nosos símbolos nacionais únennos como galegos e galegas, fortalecen a nosa identidade colectiva e a conciencia nacional, imprescindíbeis para camiñar cara unha Galiza soberana: ondeemos permanente as nosa bandeira, como unión e afirmación patriótica dun pobo que ten vontade e arelas de ser libre”, afirmou.  

Acto en Camposancos (A Guarda)

 No acto de izado da bandeira no lugar de Peralta, en Camposancos participaron, a presidenta da Entidade Local Menor (E.L.M.) de Camposancos, Mª Mercedes Martínez Vázquez;  membros da corporación municipal de A Guarda; o técnico de artes gráficas, actualmente xubilado, Ricardo Portela Vilas; o emprendedor Simón Ubeira; e persoas veciñas/os da localidade, entre elas Cristal Méndez Queizán (Vigo, 1964), escritora, poeta e profesora de canto, veciña de Camposancos, que recitou o poema En pé!, de Ramón Cabanillas Enríquez. 

¡Irmáns! En pé, sereos,
a limpa frente erguida,
envoltos na brancura
da luz que cai de riba,
o corazón aberto
a toda verba amiga,
e nunha man a fouce
e noutra man a oliva,
arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira de Galicia,
cantémo-lo dereito
a libre nova vida!

Validos de treidores
a noite da Frouseira
á patria escravizaron
uns reises de Castela.
Comestas polo tempo,
xa afloxan as cadeas…
¡irmáns asoballados
de xentes estranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
¡E ó pé da enseña da nazón galega
cantémo-lo dereito
a libertar a Terra!

¡Irmáns no amor á Suevia
de lexendaria historia,
¡en pé! ¡en pé dispostos
a non morrer sin loita!
¡O día do Medulio
con sangue quente e roxa
mercámo-lo dereito
a libre, honrada chouza!
¡Xa está ó vento a bandeira azul e branca!
¡A oliva nunha man, a fouce noutra,
berremos alto e forte:
“¡A nosa terra é nosa!”

Ramón Cabanillas (1979): Obras completas, I (Madrid: Akal Editor)


 No evento, celebrado preto do menhir da Picota - tamén coñecido como Pedra do Abellón -, a carón da Estrada de Circunvalación, membros da Plataforma Via Galega, agradeceron a presidenta da Entidade Local Menor de Camposancos  “pola súa disposición e colaboración que fixo posíbel que hoxe poidamos colocar esta bandeira neste emprazamento que se merece a bandeira galega”. 
 
 Logo de plantar un carballo, coa participación da nena Mérida Alonso Marques, Mª Mercedes Martínez Vázquez, Ricardo Portela Vilas e Ricardo Videira Barcia; o acto rematou coa interpretación do Himno Galego, pola gaiteira Nadia Vázquez Martínez, de Camposancos, cuxa letra foi coreada polas persoas asistentes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario