CLEOMINIO MUÑIZ LORENZO, ASASINADO NO CAMPO DE CONCENTRACIÓN DE CAMPOSANCOS, SERÁ HOMENAXEADO
• Xunto con outras seis víctimas
• Este venres, día 18 de novembro, ás 5 da tarde, no cemiterio de Camposancos
Infogauda / Camposancos
A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) do Campo de Concentración de Camposancos e a Fosa Común de Sestás, vén de facer público que o venres, día 18 de novembro, ás 5 da tarde, vai renderlle homenaxe a Cleominio Muñiz Lorenzo e a outros seis presos, soterrados no cemiterio de Camposancos.
Cleominio, asturiano de 18 anos, foi a primera vítima dos recluidos no colexio dos xesuitas, abatido polos disparos dun centinela cun fusil Máuser; as outras persoas, foron as primeiras falecidas por enfermidade.
No acto inaugurarase un monolito no seu recordo e tomarán a palabra José Manuel Domínguez Freitas e José Antonio Uris Guisantes, presidente e vicepresidente, respectivamente, da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) do Campo de Concentración de Camposancos e a Fosa Común de Sestás. Ademáis, o violinista Leo Blanco Novoa, interpretará algunhas pezas musicais en lembranza destes homes e de todas as demáis vítimas da represión franquista no Campo de Concentración de Camposancos.
Cleominio Muñiz Lorenzo
Cleominio Muñiz Lorenzo, natural de Avilés, fillo de Manuela e de Joaquín, tiña 18 anos. Faleceu ás 21:30h do xoves, día 18 de novembro de 1937 como consecuencia de disparo de fusil feito por un sentinela do campo de concentración, instaurado polas autoridades franquistas que se rebelaron contra o Goberno da II República Española.
Segundo referencias verbais recollidas por un redactor de Infogauda, no momento en que se produciu o mortal disparo de fusil, o mozo Cleodomiro - preso no Campo de Concentración de Camposancos -, atopábase a carón dunha fiestra do antigo colexio dos xesuitas da Pasaxe, con un prato na man, collendo auga da chuvia. Logo dese suceso, seu corpo permaneceu tirado no chan dous días, ata que unha veciña do barrio do Palomar (Camposancos), cuxa identidade cónstanos, falou co párroco, e coa autorización deste, e a axuda de dous homes - cuxas identidades tamén nos constan - recolleron o cadavre, subírono a lombos dun asno e leváronno ata o cemiterio de Camposancos, onde foi sepultado na terra, e onde eses mesmos homes aos que nos referimos, delimitaron con ladrillo e cemento, o perímetro da sepultura, e así permaneceu ata agora, sendo respectada por toda á veciñanza de Camposancos, que nunca deixou de depositar flores nese lugar de memoria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario