21 de nov. de 2022

A GUARDA

EN VÉSPERAS DO  25 DE NOVEMBRO   

O BNG URXE COMPROMISOS ECONÓMICOS PARA ATALLAR A VIOLENCIA MACHISTA 

 Beatriz Lomba: “Nun contexto onde,  medran os discursos que cuestionan a violencia machista, as administracións deben revalidar o seu compromiso  e apoio económico ao fomento da igualdade e loita contra estas violencias”.   


Nuria Vázquez Rodríguez e Beatriz Lomba Rodríguez, concelleiras do Grupo Municipal do BNG no Concello de A Guarda

Infogauda / A Guarda

 As concelleiras do BNG na Guarda, Beatriz Lomba Rodríguez e Nuria Vázquez Rodríguez veñen de facer pública a presentación dunha moción onde solicitan  as administracións maiores compromisos económicos e orzamentarios para garantir a atención á violencia machista.  

 Nuria Vázquez declarou: “A violencia machista segue forte na nosa sociedade. Proba disto son, por exemplo, os datos recentes dados a coñecer a mediados de outubro por parte do Observatorio do Consello Xeral do Poder Xudicial que indicaba que os xulgados galegos recibiron no segundo trimestre de 2022 ata 1.813 denuncias por violencia machista, un 9,9% máis que no mesmo período de 2021”.   

 Beatriz Lomba pola súa parte manifestou: “Nun contexto onde, ademais, medran os discursos misóxinos que cuestionan a desigualdade e a violencia machista, é necesario que as administracións revaliden o seu compromiso co impulso e o apoio económico das medidas en materia de fomento da igualdade e loita contra estas violencias”.  

 Entre as reivindicacións presentadas polas nacionalistas  demándase “da Xunta de Galiza que reforce o financiamento anual dos Centros de Información á Muller (CIM) garantindo, asemade, que o Programa de apoio aos CIM cubra os custes de persoal e de mantemento, favorecendo o desenvolvemento de actividades e programas de prevención da violencia machista e de promoción da igualdade así como a incorporación de novos perfís profesionais aos centros”.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario